A dirección do PSdeG retoca as listas da Coruña e Pontevedra con candidatos afíns a Caballero

O líder socialista salta a lista cremalleira e potencia a presenza de mulleres, que son maioría en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/02/2020 | Actualizada ás 23:07

Comparte esta noticia

O Comité Nacional do PSdeG aprobou este xoves por aclamación as candidaturas coas que o Partido Socialista concorrerá ás próximas eleccións do 5 de abril, unhas listas que a dirección galega do partido retocou para incluír a varios candidatos próximos ao aspirante á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero.

En concreto, pola Coruña os principais cambios responden á entrada do secretario de Economía da executiva galega do PSdeG, o ferrolán Bruno Díaz Doce, un militante afín a Beatriz Sestayo que ocupará o número cinco pola Coruña. Ademais, tamén se inclúe á socialista coruñesa e integrante do equipo do secretario xeral, Pilar Muiños, como número seis.

Ocupan as posicións de saída tres membros da dirección galega. O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena (1); a edil compostelá Noa Díaz (2); así como o concelleiro de Arteixo Martín Seco (3). Ademais, mantense no cuarto lugar a que foi deputada autonómica na última lexislatura Begoña Rodríguez Rumbo.

Deste xeito, o ferrolán Manolo Santiago, proposto pola executiva provincial do PSOE coruñés para ocupar o número tres pasa a ir de sete na candidatura. Outros nomes da lista son o da edil de Miño Enmma González (8), o cedeirense José Luís Vergara Rei (9) e a compostelá Lupe Rodríguez, que ocupa o décimo posto.

PALOMA CASTRO SERÁ A NÚMERO TRES POR PONTEVEDRA

A dirección do PSdeG tamén introduciu cambios na lista proposta pola provincial de Pontevedra. En concreto, mentres que se mantén Gonzalo Caballero como número un e a edil de Vigo María Isaura Abelairas como número dous; pasa a ocupar o terceiro posto a pontevedresa Paloma Castro.

A entrada de Castro, integrante da dirección do PSdeG, supón a desaparición da que foi deputada autonómica na última lexislatura María Pirres, que foi a máis votada pola asemblea local da cidade do Lérez.

Completan a lista, entre outros, o que foi parlamentario autonómico na última lexislatura, Julio Torrado (4), a viguesa Leticia Gallego (5), a xornalista Noelia Otero (6), o socialista de Pontecesures Daniel Chenlo (7), a redondelana Olga Rodríguez (8), o pontevedrés Rafael Cotelo (9), e a socialista de Silleda Paula Fernández Pena (10).

Pola provincia de Pontevedra destaca o feito de que o PSdeG se salta a lista cremallera ao introducir unha maior presenza feminina, con seis de 10 nomes de muller. Precisamente, Gonzalo Caballero avanzou nas últimas semanas a súa intención de potenciar o peso feminino nas candidaturas.

SEN CAMBIOS SIGNIFICATIVOS EN LUGO E OURENSE

Pola súa banda, as listas propostas pola dirección galega e aprobadas no Comité Nacional do PSdeG este xoves non inclúen cambios significativos nas provincias de Lugo e Ourense.

Así, por Ourense mantense practicamente igual a proposta da dirección provincial que encabeza a deputada no Congreso Marina Otero, mentres que o senador Juan Carlos Francisco Rivera ocupa o 'número dous' e a actual deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta vai no tres.

Seguen a lista, o exedil do Barco Eduardo Ojea (4), a vicedecana de Comunicación do Campus de Ourense Elena de Prada (5), o militante de Xuventudes José Antonio Novoa (6), a que foi número dous ao Senado Marina Tallón (7), o militante ourensán Miguel Ojea (8), Bibiana Iglesias (9) e José Rodríguez Gómez (10).

A aprobación da candidatura por parte do Comité Nacional este xoves supón a conformación de que a deputada autonómica Noela Blanco, que xa non figuraba na proposta remitida pola provincia aínda que foi a máis votada na asemblea local de Ourense, non concorrerá na candidatura.

PATRICIA OTERO ENCABEZA A PROPOSTA DE LUGO

Tamén se introduce algún cambio na proposta remitida polo PSOE provincial de Lugo, que trasladou á dirección galega unha suxestión capitaneada pola secretaria provincial Patricia Otero pero na que os nomes non estaban ordenados numericamente senón por orde alfabética.

Así, tras Otero, conforman a lista o parlamentario autonómico Luís Álvarez (2), a lucense Rosana Rielo (3), a monfortina Marina Doutón (4), o catedrático de Enxeñaría Vexetal Manuel Marey (5), Marta Rouco (6), José Luís Vázquez Hermida (7), Marisol Rei Yáñez (8), José Manuel López Torre (9) e Marina Ramudo (10).

Tanto Manuel Marey como José Luís Vázquez Hermida son nomes que non figuraban no texto remitido pola provincia.

O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero. César Arxina - Europa Press
O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero. César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O 5 de abril imos ter un problema de carallo! https://youtu.be/C7cN0qV60zc?t=7m54...