Camiño do 8-M: feminismos diversos unirán as súas voces por unha causa común

Feminismos hai máis dun e "todos son necesarios". A misoxinia, a violencia contra as mulleres ou a división sexual do traballo son eixos de "consenso" para todas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

A pluralidade que alberga o paraugas do feminismo en Galicia unirase o próximo 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora nas distintas manifestacións que se celebrarán ao longo do territorio e que, como noutras ocasións, reivindicarán un fondo común desde distintas perspectivas.

Manifestación do Día Internacional da Muller Traballadora en Santiago de Compostela. ELISA PIÑÓN - EUROPA PRESS - Arquivo
Manifestación do Día Internacional da Muller Traballadora en Santiago de Compostela. ELISA PIÑÓN - EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Resulta inexacto e sucinto falar dun único feminismo na sociedade galega, nacional e internacional. Feminismos hai máis dun e "todos son necesarios", apunta Rosa Arcos, unha representante da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), en declaracións a Europa Press.

Todas as asociacións e colectivos galegos que se declaran activistas feministas abanderan o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres como "un mínimo histórico", unha base que constitúe a súa loita. Esta mantense desde finais do século XVIII e, aínda que de forma anacrónica e descontinua, a partir dese momento o apoxeo feminista foi dando pasos cara adiante desde a adquisición dos dereitos máis fundamentais ata a visibilización dos detalles menos evidentes pero que perpetúan a discriminación que sofren as mulleres tanto no ámbito laboral, como social e económico.

Por este motivo, o vindeiro domingo 8 de marzo as mulleres están chamadas a volver encher as rúas e axitar a marea morada que xa se viu nas anteriores convocatorias de 2017, 2018 e 2019, cando centos de miles de mulleres protagonizaron unha xornada histórica en toda España.


SEN "MEDO" ÁS "DISCREPANCIAS"

"Son moitas máis as cousas que nos unen que as que nos separan", explica Arcos. Cuestións como "traballar desde a perspectiva da igualdade"; loitar por erradicar a fenda salarial e romper os teitos de cristal ou conseguir a igualdade na esfera pública e política conseguen o "consenso" entre todas. O mesmo sucede coa posta en valor do "traballo non recoñecido das mulleres no ámbito dos coidados" e a promoción dun "sistema educativo máis igualitario" que inclúa a "educación afectivo-sexual", suxire Arcos.

Aínda que existe este obxectivo mínimo común, tamén é certo que os camiños para alcanzalo trazan diferente orde de prioridades. Os movementos sociais e correntes políticas como o feminismo "non poden abstraerse da vida social" na que "xorden conflitos" de todo tipo que levan ao "debate", polo que apartar ao feminismo dos mesmos "sería absurdo", precisa unha integrante de Galegas 8M, Andrea Lorenzo, a Europa Press.

Neste sentido, Rosa Arcos opina que "todas" as formas de entender o feminismo "son respectables" e actualmente soan en distintos escenarios políticos e sociais. No entanto, tamén son capaces de facerse ouvir ao unísono en casos como o Día Internacional da Muller. Nin esta xornada nin ningunha outra exclúe as diferenzas que afastan a unhas e unen a outras, xa que as teorías feministas resultan dificilmente abarcables e "non hai que ter medo ás discrepancias", engade Lorenzo.

Debaixo da carta de presentación da igualdade e liberdade fráguanse debates como a abolición da prostitución, os ventres de aluguer ou a identidade de xénero. E é que as mulleres, ademais de mulleres son negras, brancas, xitanas, payas, con distintas capacidades ou con discapacidade, pobres, ricas, transexuais, lesbianas, heterosexuais, da cidade ou do rural e teñen ideoloxías políticas diferentes. 

Á súa condición de muller engádenselle centos de matices que tamén as definen. É entón cando a orde dos factores, destes adxectivos, marca os diferentes camiños que constitúen os feminismos.

OS CAMIÑOS QUE SE ABREN EN GALICIA

Para Arcos, "a orde dos factores si que altera o produto". Desde a súa perspectiva "a loita contra a violencia de xénero" constitúe un "primeiro obxectivo" que non se entende sen a abolición da prostitución e os ventres de aluguer por ser "formas de explotación sexual" do corpo feminino.

Este mesmo principio compárteno os colectivos que asinaron a 'Axenda Feminista Galega' para este 2020 e que tamén se declaran en contra a de pornografía e que piden medidas institucionais para evitar a mercantilización do corpo da muller. Unhas peticións que se adiantaron ao calendario previsto, debido á anticipación das eleccións autonómicas para o 5 de abril.

Desde outros puntos de vista, os colectivos que conforman Galegas 8M centran actualmente os seus esforzos en "visibilizar" aspectos como o rol de coidados que desempeñaron historicamente as mulleres. Tamén priorizan a defensa do "rural galego" e condenan as "discriminacións cara ás lesbianas, bisexuais ou transxénero", que seguen "sometidas pola súa orientación sexual e identidade".

"NON ENUNCIAR TEORÍAS COMO METRALLETAS"

As voces das feministas trans tamén ocupan un lugar relevante nesta loita chea de complexidades, contradicións e vicisitudes. A de Alana Porteiro é só súa, como sempre reivindica, pero en calquera caso apunta que un punto "chave" para achegarse ao que significa ser muller é "non enunciar teorías como metralletas", xa que facelo supón aceptar que "algunhas vidas deben xustificarse detrás dun corpus teórico infalible".

Moito menos cre posible reducir a cuestión da identidade á bioloxía en pleno 2020. Hai quen sinala os "privilexios" dos que gozaron as mulleres transexuais antes de transaccionar para deslexitimalas como suxeitos de pleno dereito nesta loita. Ela non nega o seu pasado, pero explica que eses mesmos privilexios foron os que lle "destruíron a saúde mental" de forma "irreversible", xa que "vivilos" lembráballe "quen era e quen non era".

Cre, ademais, que chegar a unha definición "en termos férreos" fai as mulleres "moi pequenas, manexables" e que as "nega ou debilita como suxeitos políticos", conclúe.

DOBRE DISCRIMINACIÓN

Porteiro é unha das afectadas pola secuela do machismo e a transfobia que vén tanto de homes como de mulleres. Esta dobre discriminación --primeiro non ser o home adecuado e despois polo rexeitamento que aínda a día de hoxe implica transaccionar-- crea como mínimo unha dobre discriminación.

No mesmo sentido, outras mulleres son dobremente discriminadas. É o caso das racializadas ou as xitanas. A Fundación do Secretariado Xitano apunta a que "as mulleres xitanas padecen unha clara desvantaxe en todos os ámbitos debido á súa dobre condición, como mulleres e como xitanas".

En todos estes escenarios desprégase a listaxe innumerable das distintas perspectivas desde as que se pode abordar a cuestión feminista. A ausencia do carácter científico do que gozan as ciencias naturais impide establecer definicións ou conclusións exactas.

MISOXINIA

Os puntos en común que todas presentan, independentemente do prisma que aplican para abordalos, son a misoxinia, o machismo estrutural, a división sexual do traballo e, na maioría de casos, o sistema capitalista guiado polas necesidades do mercado.

Maniféstano desta maneira cada 8 de marzo, debáteno en mesas de traballo e reivindícano cada vez que unha muller é asasinada pola violencia machista. A rede que tece o movemento feminista medra ano a ano en diferentes vertentes que non poden homoxeneizarse, pero que existen e conforman a chamada cuarta onda, aínda por definir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta