"Esquézome de min". O escravo día a día das mulleres que asumen os coidados familiares

Os coidados da familia levan nome de muller. Trátase dun labor que se deu por feito que lles pertencía a elas e que ás veces "pesa coma unha lousa". María, Maricarmen, Charo e Yolanda toman aquí a palabra para se reivindicar: "Levas o traballo, levas a familia e levas a vida". Este 8M sáese á rúa por todas elas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os coidados seguen sendo maioritariamente cousa das mulleres. Son elas quen levan a conta das pastillas dos maridos, quen organizan o xantar de mañá, quen saben o que falta na neveira, quen atenden o familiar enfermo, quen preparan a mochila das crianzas, quen manteñen a casa limpa... Un traballo sen descanso e sen fin que esta sociedade pousou intencionadamente sobre os ombros das mulleres e que "pesa coma unha lousa". Un traballo que terma das vidas cotiás e que hoxe continúa invisible, non remunerado ou, no caso, con salarios precarios, e nada valorado socialmente.

Unha muller ao coidado dunha persoa maior
Unha muller ao coidado dunha persoa maior

Os coidados son a causa principal pola que as mulleres se ven obrigadas a reducir as horas do seu traballo ou, directamente, abandonalo. Os recentes estudos poñen números a esta realidade desigual: o 97% das persoas que traballan a tempo parcial debido á necesidade de coidar dos seus familiares son mulleres, que renuncian á vida profesional por ter que atender a vida familiar. Fronte a un 14,4% de homes, o 85,6% restante son mulleres inactivas pola mesma razón. E os datos seguen igual de radicais no que se refire ás excedencias laborais: o 92% delas son solicitadas por mulleres para, de novo, coidar de menores.

A atención á familia e ao fogar establece padróns difíciles de romper. Mais os feminismos turran, hoxe máis ca nunca, por desfacer discursos que danan e por construír mundos onde os coidados non teñan un xénero asignado. O pasado domingo, ás portas dun 8 de marzo que sitúa no centro as realidades das mulleres coidadoras, o berro da sociedade foi unánime en Verín: "Sen nós, o mundo para". Sen mulleres coma María, Maricarmen, Yolanda, Charo... O mundo para. 

MARÍA, A COIDADORA ETERNA

María leva coidando do seu entorno toda a vida. Primeiro foron os seus sogros e os tíos do seu marido, logo os seus fillos, logo os seus pais, e agora o seu propio marido con principio de alzheimer e mais os netos cativos. Comezou aos redor dos 33 anos e non parou dende aquela. "Chega un punto en que me esquezo totalmente de min, esquézome de ir aos médicos, de ir a tal sitio...". 

Agora o seu día xira en torno aos coidados que precisa o seu home. "Empezo ás nove da mañá e ata as once estou pendente dos medicamentos que debe tomar. Logo teño un espazo de tempo para facer as cousas de por aquí, pero sen marchar moi lonxe porque el ten moitísima dependencia de min... E así todo o día. Chega a noite e tamén quedas pendente, espertas mil veces". Ademais, varios días á semana, María ten ao seu cargo os seus netos pequenos, que segundo di, acaban sendo, dalgún xeito, a súa liberación.

"Sénteste condicionada. Quero ir a Pontevedra ou a Vigo e non podes, sei que el non quere quedar só, e ao final, pois... non sabes que che dá, acabas quedando". Por paradóxico que soe, o sentimento que María recoñece do seu día a día é a soidade. "Realmente estás sempre soa, el limítase a preguntar e preguntar... É como ensinarlle a un neno que non quere aprender". E María emprega esta referencia non en van. Ela deu durante moitos anos clases particulares a unha morea de rapazada no baixo da súa casa. Intentou facer as oposicións, pero os coidados que daquela sentía que lles debía aos sogros e aos tíos do marido impedíronlle sacalas adiante. "Eran catro maiores moi dependentes, incluso había que lavalos. Eu estudaba polas noites, pero ás oito da mañá tiña que estar preparando os nenos para ir ao colexio. Volvinme tola e deixeino quedar, desistín".

"Hoxe pesoume moitísimo facer o que fixen", relata. "Chega un momento en que te paras a pensar: pero eu que fixen coa miña vida? Nada". Se volvera atrás, collería outros camiños, "porque logo, cando eles se van, a ti quédache un baleiro tremendo". Daquela, María enchía aquel oco coa alegría fresca da rapazada que acudía aprender a canda ela. Uns pais preparáranlle unha aula "chulísima" en Moaña onde continuou coas clases particulares nos momentos nos que podía. "Aquelas horas eran unha liberación", recorda. Mais cando o seu pai caeu enfermo tivo que deixalo todo para dedicarse enteiramente a el. "A min condicionáronme a vida totalmente".

Agora, conta, coas novas circunstancias do seu marido, caeulle "unha lousa grande enriba", pero vaina levando "con humor". "Segues e segues... Hai veces que unha pensa: 'carai, para coidar doutra persoa primeiro teño que estar eu ben'. Pénsalo e non o pensas, eu que sei".

MARICARMEN, AO COIDADO DO SEU IRMÁN

"Eu xa case non teño memoria", comenta Maricarmen mentres non lle saca o ollo de enriba ao seu irmán, ao que leva coidando toda unha vida. Polo camiño, ela tamén se foi esquecendo de si mesma. "Non sei se isto valerá porque meu irmán non deixa...", avisa ao comezo desta entrevista, que non puido durar máis de cinco minutos. Na curta conversa, con constantes interrupcións, Maricarmen deu toda a información que puido. É unha muller práctica, fala rápido e dá no cravo.

"Uf, o día con el comeza ás sete da mañá e non remata ata as dez da noite. Levántalo, vístelo, estás pendente del... Non podes saír a ningunha parte, estás sempre atada. A súa enfermidade lévao a perseguir, a estar seguido machacando, berrando". Ademais de encargarse de todos os coidados do seu irmán, Maricarmen traballa na casa como costureira, mais compartir as dúas tarefas fáiselle "demoledor, matador". "Non hai descanso e non tes quen te releve. Veñen do concello unha hora e pedimos a dependencia pero aínda non nos veu aprobada", relata.

O seu irmán, que tivo problemas co alcol e sofre unha enfermidade mental, está na porta pedindo que a conversa remate. "A paciencia acábaseche. Esta xente é rutinaria, maniática... Dende a última vez que veu do hospital non para de berrar. Aínda que me pagaran, este traballo eu non o quero. O outro día caeume na leira e vinme negra para traelo para arriba", lembra.

"Creo que as mulleres somos superdotadas. Levas o traballo, levas a familia e levas a vida. Estamos feitas doutra pasta", conta cun medio sorriso. Antes de pechar a porta da casa, Maricarmen pide disculpas polo atropelada que resultou a conversa. "Isto éche un problemón!".

YOLANDA, AO COIDADO DA SOGRA

Yolanda hai máis de 14 anos que atende da súa sogra. Di que se se descoida, os seus coidados ocúpanlle o día enteiro. "As pastillas, bañala, falar con ela, darlle algo que facer... Ela era unha persoa moi activa e agora séntese inútil". O seu marido traballa todo o día fóra da casa e ela, antes de que a situación da súa sogra empeorara, estaba empregada no comedor do colexio e nalgunhas casas como limpadora. 

"Hai veces que te sentes agobiada porque isto condiciónate, pero ao final vaste amañando, cando ela queda cosendo aproveitas para facer algún recado", relata Yolanda. Trátase dun traballo diario, de moitas horas, que dalgunha maneira, "é como unha imposición". "Enténdese que é a túa obrigación", explícase. O caso de Yolanda, que coida da súa sogra, repítese en centos de casas por toda a xeografía. Segue sendo habitual que sexan as mulleres quen renuncien á súa vida laboral para coidar das persoas do entorno, aínda que non sexan da propia familia. Nesta decisión inflúe o soldo: adoita deixar o traballo aquel membro da familia que menos cobre, que, en xeral, resulta ser a muller.

A este traballo dos coidados súmase tamén o do fogar: ese labor que nunca se acaba, ese que tamén "segue sendo cousa de mulleres". "Gustaríame, pero non vexo homes que se dediquen a todo isto. É como que se estivera escrito que ten que ser feminino".

CHARO, AO COIDADO DOS NETOS

Avoas e avós ao coidado dos netos é unha das estampas máis típicas que vemos polas nosas rúas. Un traballo invisible que moitas veces equivale a unha xornada laboral e ao que custa dicir que non. Os empregos de hoxe en día impiden a conciliación precisa para que os propios pais poidan encargarse das súas crianzas. Así pois, son as as avoas quen toman as rendas. Charo é unha desas mulleres que se ocupa de boa parte da atención dos cativos da súa filla. 

Ela coidou da súa neta e do seu neto dende que naceron. "Como a miña filla estaba traballando tíñaos eu practicamente todo o día, vestíaos, dáballes o almorzo, levábaos ao médico...", conta. Agora xa teñen sete e dez anos, pero segue pendente deles a diario. "Ou quedan aquí comigo ou vou eu á súa casa". "Moi valorado non está, pero fágoo con gusto mentres poida, xa digo, mentres poida".

María, Maricarmen, Yolanda, Charo... Son mulleres imprescindibles que trocaron a súa liberdade por un traballo que nunca escolleron porque se deu por feito que lles pertencía. Son as mulleres que están termando da vida. Neste 8 de marzo sáese á rúa pensando nelas e na procura da implicación colectiva nos coidados. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta