Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2020 | Actualizada ás 11:38
Os que foran presidente e vicepresidente da Xunta durante o goberno bipartito, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, consideran que o próximo 5 de abril o cambio "estará axustado" en Galicia pero "será posible".
Nunha entrevista concedida a 'eldiario.es' e recollida por Europa Press tanto o que fora líder do PSdeG como o nacionalista aseguran que as cousas estarán "bastante igualadas" e que non se saberá ata "o último momento".
Neste sentido, o que fora vicepresidente da Xunta e integrante do BNG, Anxo Quintana, chama a atención sobre o feito de que "electoralmente o Partido Popular pedise esa característica de partido imbatible" en Galicia.
Así, en referencia ás eleccións xerais do 28 de abril de 2019, destaca o feito de que por primeira vez o PP non fose primeira forza en Galicia. Por iso, augura que as cousas "van estar bastante igualadas" porque "socialmente existe" un "descontento importante con respecto á xestión do Goberno de Feijóo".
Nesta liña, o expresidente socialista Pérez Touriño cre que non se saberá "ata o último momento" se "hai maioría absoluta ou posibilidade dun goberno alternativo, progresista, de esquerdas". "Coincido con Anxo en que estará axustado e que o cambio será posible", sinala Touriño, que cre que existe unha "oportunidade de lograr ese cambio porque a necesidade obxectiva demándao".
BALANCE DO GOBERNO BIPARTITO
Precisamente, o que fora titular do goberno galego e secretario xeral do PSdeG, que censura os ataques da dereita cara á xestión do goberno bipartito, recoñece que, aínda que "houbo momentos de discrepancia" e "fricción" naquela etapa, "o saldo foi extremadamente positivo".
"Aprobamos sempre os orzamentos en tempo e forma sen maiores debates, cousa que agora parece especialmente complicada para outros gobernos de coalición. Fixemos un despregamento lexislativo realmente lexislativo, moito maior que o PP nos gobernos anteriores. Creo que sempre fomos capaces de entendernos", sostén Touriño, que considera que "un goberno de coalición require dun esforzo de diálogo e entendemento maior que o normal".
Sobre esta cuestión, Quintana incide en que os gobernos de coalición son "a normalidade do réxime de democracia parlamentaria". "O raro é que nunha democracia parlamentaria haxa un só partido que alcance unha representación e un apoio tan grande como para gobernar en solitario. Iso é estraño, a excepción", apunta.
Todo iso nunha entrevista na que, preguntado por se os rumores de adianto electoral en agosto de 2008 introduciron desconfianza entre os socialistas e os nacionalistas, Anxo Quintana recoñece que aquel runrún fixo dano "na medida na que introduciu unha tensión que naquel momento ninguén tiña na cabeza".
Con todo, rexeita aceptar "o cadro que pintou o PP" coas súas críticas ao bipartito. "Traballamos moi ben conxuntamente e a competencia que puido haber foi por ver quen facía máis e quen o facía mellor, o mellor que pode pasar nun goberno", indica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.