Residencias para maiores, un suculento negocio a conta do avellentamento da poboación

O avellentamento da poboación, así como a imposibilidade de coidalos en casas familiares, obriga moitas veces ao internamento dos maiores en residencias. En Galicia o sector está moi privatizado, ademais da existencia de centros concertados ou de titularidade pública e xestión privada. Os prezos para as familias e parentes ingresados supoñen case sempre un investimento elevado difícil de levar.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A incapacidade de conciliar a vida laboral, familiar e os coidados de xente maior, son parte das razóns para o ingreso de persoas anciáns en centros teoricamente capacitados para a súa atención. En España a dependencia non estivo regulada por una lei ata o ano 2006. Con todo, desde asociacións como Modepen sinalan que esta é unha lei “neoliberal que permitiu a entrada de empresas privadas, favorecendo o debilitamento do sector público e todo por falta de vontade política”. O nicho de negocio aproveitárono desde fundacións bancarias, fondos de especulación financeira e xente con contactos entre a clase política. Durante os últimos anos, ademais, foise creando unha concentración de empresas deste sector que, nalgúns lugares, son case monopolios. Moitos e moitas preguntan se a visión de “ánimo de lucro” se traduce nunha asistencia de calidade dentro destas residencias

Xente maior. XUNTA
Xente maior. XUNTA

SECTOR MOI PRIVATIZADO

Existen tanto residencias públicas como privadas e cada sector ten o seu propio convenio. A maioría de residencias en Galicia son privadas, seguidas polas públicas e por último as concertadas. É o sector privado das residencias o que está no punto de mira das familias, asociacións de traballadoras e mesmo da xustiza. Os motivos van desde a carencia material e humana para atender as persoas usuarias.

“O 85% das persoas ingresadas en residencias son de terceiro grao, grandes dependentes. Estas persoas necesitan ser mobilizados por dous auxiliares” di Paulino Campos, presidente de ASFAREBA e da Federación REDE, que busca unir as diferentes asociacións de familares con persoas en residencias para maiores. “Segundo os ratios (persoal que debera haber para atender ás persoas dependentes ingresadas) é imposible que as tarefas de asistencia directa se fagan ben, no 90% ou 95% de residencias en España se fan mobilizacións cunha soa persoa”.

Pepe Bernández, da asociación Vellez Digna, apunta que nalgunhas residencias “houbo meses en que non había enfermeiras pola noite na residencia onde tiven familiares”. A presión física e psicolóxica de atender unha media de 150 usuarias por tres persoas en quenda de noite nunha residencia privada, explica que “as enfermeiras que entran nesas residencias acaban abandonando ao pouco tempo polas condicións laborais” sinala Bernárdez. A carencia de persoal fai que outras categorías laborais ocupen postos de enfermeiras ou postos de lavandaría.

Francisco Vázquez Vizoso, ex-Xefe de Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra,, sinala que segundo un estudo realizado en residencias na Comunitat Valenciana, “o custe da atención leva o 44% dos gastos, logo a cociña leva un 13% e un 11% para lavandaría, sobre estes puntos caen os recortes que logo se traducen en deficiencias na atención ás persoas usuarias.

DIFÍCIL ACCEDER A PRAZAS PÚBLICAS

En Galicia existían ata mediados de 2019 un 478 centros residenciais. Os de titularidade pública eran 92, os privados sen ánimo de lucro eran 197 e os privados con ánimo de lucro eran 189. Sen ánimo de lucro poden ser fundacións respaldadas por entidades cun obxectivo de prestar un servizo sen buscar o beneficio económico directo. As residencias públicas ademais, poden ter a xestión privatizada se a Xunta chega a algún acordo con empresas concesionarias.

Actualmente é difícil ter unha praza en residencias públicas autonómicas. Os casos que se atenden son persoas con ingresos inferiores a 800 euros a fin de mes segundo fontes de Modepen, o movemento para as pensións dignas. “A mediados de febreiro de 2020 non había prazas públicas en toda a provincia de Pontevedra” di Francisco V. Vizoso.

As residencias privadas cobran prezos elevados, dependendo da empresa xestora e do lugar onde estea emprazada a residencia. Pode haber prezos de 1.500€ ao mes a 4.000€. “O prezo vai en función das necesidades da usuaria, se pagas 1.800€ ao mes ao mellor tes que engadir un andador ou unha cadeira de rodas que che cobran na mensualidade” di Pepe Bernárdez, “ás veces vanse os aforros de toda unha vida, a pensión e parte do salario dos fillos”. A cobertura de necesidades extras reflíctense no contrato que se asina entre cliente e residencia. Esta última  pode rescindir o contrato de maneira unilateral en caso de desacordos.

Actualmente as residencias privadas están levando boa parte das solicitudes de prazas para persoas maiores. A falta de camas públicas e o desvío para as entidades de capital privado, moitas con ánimo de lucro, fan que as persoas usuarias e as súas familias teñan que facer un investimento importante, ás veces tendo por resultado a perda de aforros e parte de salarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta