Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/07/2025 | Actualizada ás 13:19
A Consellería de Sanidade elevou a 162 as persoas afectadas por un brote de salmonelose detectado nun festival celebrado a fin de semana en Oza-Cesuras. Así o trasladaron, consultados por Europa Press, desde o departamento autonómico. Ademais, sinalaron que a Dirección Xeral de Saúde Pública segue investigando as causas do brote.
Para iso, están a realizarse enquisas epidemiolóxicas entre os afectados para poder identificar a orixe da intoxicación alimentaria. Con todo, indicaron que as evidencias recollidas ata o momento "fan pensar nunha orixe bacteriana do brote causado por salmonela". Fronte aos 94 confirmados na xornada do luns, Sanidade explicou que o número de casos declarados por esta intoxicación é a este martes de 162, dos cales 22 están ingresados. Polo momento, están confirmados tres positivos por salmonela.
Tras detectarse o brote, afectados foron trasladados ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) e hospitais privados como HM Hospitais, que este martes contaba con dez ingresados e un en urxencias pendente de ingreso, pero ningún grave.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.