Galicia Baleira presenta un plan para "descentralizar" a Administración galega

Din que Lugo, "con todo dereito, debería de ser a sede autonómica da Consellería de Medio Rural"-

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 21:38

Comparte esta noticia

A plataforma Galicia Baleira propuxo ás institucións galegas un plan de descentralización dos órganos da Administración e empresas públicas, que "leve a Galicia a distribuír os poderes políticos e o funcionariado como base para frear o despoboamento rural e a súa integración nunha sociedade avanzada con calidade de servizos e prestacións, que favorezan e fixar poboación nesta área".

Así, a plataforma fai mención a "casos de descentralización administrativa e de servizos" xa en marcha, como a Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada, do mesmo xeito que os servizos centrais de 112 e 061, ou as delegacións de Pesca en Vigo e A Mariña.

Para continuar este proceso, reclaman que Ourense sexa "referencia" para a xestión termal na Comunidade, creando o Instituto de Termalismo de Galicia, á vez que reclaman para esta localización a sede da Consellería de Medio Ambiente.

"Lugo, con todo dereito, debería de ser a sede autonómica da Consellería de Medio Rural", engade a plataforma, que insta "a todos os partidos políticos a situarse sobre a descentralización de organismos e servizos.

A maiores, reclaman "cambios lexislativos en urbanismo rural", para "evitar o bloqueo", permitindo "a construción de novas vivendas a nivel de servizos requeribles", creando un parque de vivenda de aluguer a prezo taxado, fomentando a ampliación ou construción de novas obras de tipo industrial e traballando na simplificación dos trámites administrativos.

Entre outras cuestións, tamén esixen un "profundo cambio na accesibilidade aos servizos básicos", como a sanidade, habilitando centros de saúde, persoal suficiente e ambulancias "para prestar servizos en menos de 15 minutos"; ou os servizos sociais, un ámbito no que reclaman axuda persoal ás persoas maiores que vivan soas con "verdadeiros plans de acompañamento".

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta