O Concello da Coruña pecha escolas infantís e centros cívicos e apraza actividades culturais

A Deputación coruñesa adopta a mesma medida cos seus centros educativos e fomentará o teletraballo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/03/2020 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O goberno local da Coruña acordou, para reducir o impacto do coronavirus, pechar escolas infantís municipais e centros cívicos, ademais doutras instalacións como museos, e aprazar actividades culturais ou suspender as deportivas. Así o informou a alcaldesa, Inés Rey, tras unha reunión este xoves do goberno local para abordar as medidas a adoptar pola presenza do coronavirus. Rey explicou que tamén se lles trasladou aos portavoces dos distintos grupos municipais o contido das mesmas.

O Museo de Ciencia e Tecnoloxía A Coruña (Muncyt) pechará ao público temporalmente polo coronavirus. EUROPA PRESS/MUNCYT - Arquivo / Europa Press
O Museo de Ciencia e Tecnoloxía A Coruña (Muncyt) pechará ao público temporalmente polo coronavirus. EUROPA PRESS/MUNCYT - Arquivo / Europa Press

Sobre elas, sinalou que se adoptarán cun decreto de Alcaldía, que entrará en vigor ás 00,00 horas do día 13, venres. Con iso, segundo remarcou, séguense instrucións da Consellería de Sanidade e do Ministerio e regúlase a situación municipal en base aos anuncios realizados, a este respecto, polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

En concreto, as medidas inclúen o peche de escolas infantís de titularidade pública durante dúas semanas, "é dicir, o mesmo tempo que para os centros educativos de todos os niveis que anunciou a Xunta", precisou a alcaldesa. Cancélanse tamén todas as actividades organizadas polo concello no ámbito escolar e nos centros educativos municipais.

Ademais, suspéndense todas as actividades deportivas de carácter municipal e todas as competicións e adestramentos nos recintos municipais, medidas incluídas nun decreto con vixencia inicial de 14 días.

Os centros cívicos tamén se verán afectados polo peche, "aínda que é posible que nas próxmas horas se determine a apertura dalgún destes centros para tramitación de urxencias", precisou a rexedora.

Tamén se pecharán os museos, casas-museo, bibliotecas "e calquera outro espazo de carácter municipal".

En canto ao transporte público, Inés Rey sinalou que se habilitará unha entrada directa dos autobuses na estación "a fin de evitar o confinamento e que os pasaxeiros poidan adquirir o billete no propio autocar".

En canto aos servizos sociosanitarios de ámbito municipal, apuntou que se habilitará un servizo especial para atender a demanda de persoas usuarias.

OS MERCADOS NON PECHARÁN

Mentres, os mercados municipais non pecharán, "pero se distrubirá entre praceiros medidas de autoprotección para garantir a actividade con seguridade para eles e a clientela", engadiu a alcaldesa.

En canto aos espectáculos previstos esta fin de semana e días seguintes, como actuación de Orquestra Sinfónica de Galicia, concertos ou obras nos teatros Colón e Rosalía, manifestou que se aprazaron.

Por outra banda, o pleno convocado con carácter extarordinario para este xoves celebrarase a porta pechada, mentres que desde o Consistorio se informará á cidadanía a través do 010 e da súa páxina web.

No marco das medidas adoptadas, tivo tamén lugar unha reunión do comité de seguridade e saúde laboral, para abordar as actuacións a adoptar en relación aos case 1.700 empregados municipais, segundo explicou o concelleiro de Réxime Interior, José Manuel Lage.

Entre as decisións adoptadas, está a suspensión da actividade formativa presencial e concretar a organización interna en canto ao uso dos rexistros municipais. A este respecto, o edil instou á cidadanía a usar a vía telefónica ou telemática para resolver dúbidas ou trámites.

O MUNCYT PECHA TEMPORALMENTE

En consonancia co anunciado pola alcaldesa, o Consorcio para a Promoción da Música anunciou a cancelación de todas as actividades públicas da Orquestra Sinfónica de Galicia, así como os ensaios e actividades programadas das súas agrupacións infantís, desde o venres e ata o 29 de marzo, inclusive.

Tampouco abrirá, ata novo aviso, o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt), con sede na cidade, tras informar o peche temporal das súas instalacións.

MESMAS MEDIDAS NA DEPUTACIÓN

Pola súa banda, a Deputación da Coruña confirmou a constitución dunha comisión técnica que se encargará de implantar as distintas medidas recomendadas con motivo do coronavirus e que se encargará do seguimento e de implantar os protocolos e medidas de prevención e contención, segundo informa o organismo provincial.

Seguindo as instrucións da Xunta, tamén pechará a partir do luns os seus centros educativos: o IES Puga Ramón e o IES Calvo Sotelo, ambos na cidade da Coruña. Por outra banda, explica que "se está traballando para garantir que parte do persoal da institución provincial poida acceder ao teletrabajo desde as súas casas".

Por outra banda, lembra que o goberno provincial reduciu a súa axenda pública, evitando os actos que non sexan imprescindibles, e que se anularon as viaxes de traballo; a participación en feiras turísticas ou cursos e actividades formativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta