Estado de alerta: tarde e moi mellorábel

A aprobación polo Goberno do Estado do estado de “alarma” (alerta, como dicimos en galego) supón unha inédita restrición da liberdade de circulación das persoas, porque tamén é inédito este risco por pandemia. Cómpre darlle todas as oportunidades á poboación máis sensíbel ao virus.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 15/03/2020

Comparte esta noticia

Mais as medidas chegaron moi tarde e chegaron desenfocadas. O Goberno do Estado debeuse impór ao inoperante concello e Comunidade madrileños e confinar o territorio desa rexión. Non o fixo e milleiros de cidadáns egoístas e irresponsábeis invadiron Galicia e outros territorios. 3/4 dos case 200 casos galegos conectan cun positivo madrileño. Mentres, varios Gobernos autonómicos demostraban que as mellores decisións son as de proximidade e adoptaban  medidas acaídas como os confinamentos en Haro (A Rioxa) e Igualada (Catalunya) e a costa murciana e a emerxencia sanitaria en Galicia ou Euskadi.

O Decreto-Lei de declaración desta alerta non adopta as medidas aconselladas por moitos expertos a respecto da restrición de tránsitos nos aeroportos e por longas viaxes ferroviarias. E acorda unha recentralización de competencias sanitarias, pondo á fronte de todas as Sanidades autonómicas ao Ministerio de Sanidade. É verdade que fronte a este virus a coordinación no nível estatal e europeo é fulcral. Mesmo é necesario mercar por xunto respiradores, máscaras e outro material.

A necesaria coordinación non precisa dun Mando Único estatal cheo de dúbidas e sospeitas. O presidente do Colexio Médico de Barcelona ven de denunciar que o Ministerio non coñece os recursos sanitarios existentes, porque o número e tipoloxía de centros son moi diferentes entre territorios. Vanse poder substraer recursos sanitarios de Galicia para atender á crise pandémica en Madrid? Abondaría para ilo cunha orde do Ministro sen procedemento ningún. Canto ao de pór ao Ministro de Transportes ao coidado dos trens de proximidade e do transporte urbano semella unha mala ocorrencia.

A sanidade está moito mellor dirixida dende a proximidade. Mais este activismo recentralizador non o aplica Sánchez para acordar o que lle cómpre para evitar a creba de autónomos e pemes: aprazamentos na cota empresarial da SS, exencións tributarias, aprobación “express” de regulacións temporais de emprego (sen que consuman cobertura de desemprego os traballadores) e liñas de liquidez potentes.

Sánchez non soubo pechar Madrid e agora temos o virus en Galicia. E tampouco soubo definir polo de agora unha política económica de choque para autónomos e pemes.   

Mentres, cómpre aplicar a receita do civismo: cumprirmos as ordes das Autoridades e esixir as responsabilidades que cumpran cando saiamos do pozo.

Control da Garda Civil da Coruña. GARDA CIVIL
Control da Garda Civil da Coruña. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.