Algunhas lecturas do 21-O

Os resultados das eleccións galegas do pasado 21-O permiten facer diversas lecturas analíticas por mais que o limitado espazo dun artigo de opinión non permita expresalas coa desexada amplitude e cun acaído tratamento sistemático.

Por Xesús Veiga | Compostela | 02/11/2012

Comparte esta noticia
A primeira conclusión semella pouco discutíbel. O PP gañou polos deméritos alleos mais que polos acertos propios. Aproveitou varias circunstancias complementares:a situación de debilidade na que se atopaban BNG e PSdG por mor das súas divisións internas pasadas e presentes; a devaluación do goberno bipartito instalada en amplos sectores da sociedade galega dende o ano 2009 coa conseguinte desconfianza na bondade dunha alternativa a Feijoo e,tamén, a presenza de novas ofertas electorais que facilitaba a disgregación do voto opositor ao PP coa lóxica penalización derivada do mecanismo de asignación de escanos prevista na lexislación electoral. Singularmente, a comparecencia de AGE orixinou un duplo efecto:polarizou o combate verbal entre Feijoo e Beiras, favorecendo o rendemento electoral de ambos, e suscitou unha maior incerteza sobre a xa cuestionada viabilidade dun goberno diferente ao que padecemos nos últimos anos.
 
O BNG foi, sen dúbida, un dos grandes derrotados nestes comicios. Non era a primeira vez que perdía apoios nas urnas pero nunca coñecera unha diminución tan notábel como agora. As causas son diversas e deberían merecer un estudo solvente que a organización nacionalista non foi quen de realizar dende que comezou o devalo no ano 2001. De todas as que se poden sinalar hai unha que destaca sobre as demais: a escisión rexistrada a partir da Asemblea de Amio debilitou fortemente a súa imaxe como forza que aglutinaba á case totalidade das sensibilidades nacionalistas e de esquerdas.
 
A perda de mais do 40% dos votantes das autonómicas de 2009 certificou o elevado custe pagado por non saber gobernar a pluralidade interna. Foi un fracaso colectivo de todas as correntes que conformaban a fronte nacionalista aínda que, obviamente, as responsabilidades deberán ser asignadas en proporción ao peso relativo de cada un deses segmentos ou afinidades políticas. Con tal incapacidade demostrada na gobernanza da propia casa era moi complicado convencer ao corpo electoral a respeito da utilidade para conformar unha alternativa gobernamental ao PP. Se a esta debilidade engadimos a carencia dunha reflexión acaída sobre a experiencia do bipartito que permitira diferenciar –e recoñecer publicamente- os erros cometidos dos importantes avances conseguidos na utilidade social das ferramentas de autogoberno existentes, a tarefa de manter ou recuperar os apoios do pasado resultaba practicamente imposíbel.
 
O BNG vai atravesar un deserto complicado.Ten dous camiños posíbeis: efectuar un repregue defensivo invocando a vella máxima de que en tempos de treboada é mellor non facer mudanzas ou asumir decididamente a construción dun novo BNG que sexa capaz de resintonizar con esa parte da sociedade (aí están, na historia, os 395.000 votos do ano 1997) que semella disposta a confiar nas propostas que se formulen dende un nacionalismo de esquerdas integrador e atractivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.