Ourense bota man do Exército para disolver a xente que pasea polo Miño

Os militares patrullan as rúas da cidade durante todo o día.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Na mañá deste mércores o Exército interveu sobre un grupo de persoas que camiñaba pola zona das Lagoas, ao carón da Ponte Vella, en Ourense. Segundo indica a veciñanza, non é raro ver xente camiñando polo paseo do Miño estes días, en pleno estado de alarma e a pesar da obriga de gardar corentena nas casas. Así pois, ao redor das once, os coches dos militares chegaron ao lugar, comezaron a falar coas persoas que se atopaban naquel momento pola zona e instáronas a retirarse e a facer caso das medidas de prevención fronte ao coronavirus. 

Exército nas rúas de Ourense
Exército nas rúas de Ourense | Fonte: remitida

Este non foi o único incidente que se vén rexistrando durante o período de confimanento. As forzas de seguridade andan pendentes nas diferentes localidades e cidades para advertir da necesidade de quedar nas casas e cumprir coa corentena tal e como decreta o estado de alarma. En Vigo, a Policía Local tamén chegou a identificar cinco persoas que estaban "a tomar viños" nun establecemento de hostalaría. E tamén en Vigo foi detido nas últimas horas un home que intentou agredir un militar da BRILAT. Tamén en Ferrol se sancionou a un bar por estar aberto e con clientes.

As forzas de seguridade interpuxeron nas últimas horas varias denuncias a cidadáns por incumprir o decreto de estado de alarma. Respectar o confinamento é fundamental, indican todos os expertos, para frear o avance do coronavirus. 

Exército nas rúas de Ourense
Exército nas rúas de Ourense | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta