Este é o protocolo para as residencias: separación en catro grupos segundo síntomas

Segundo o BOE, as medidas están "orientadas a reducir o risco de contaxio así como a tratar da forma máis adecuada ás persoas que sufran esta enfermidade".

Por E.P. | MADRID | 21/03/2020 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

As residencias de persoas maiores e centros socio-sanitarios deberán separar aos seus residentes en catro grupos: sen síntomas e sen contacto estreito con caso posible ou confirmado de coronavirus; residentes sen síntomas, en illamento preventivo; residentes con síntomas; e casos confirmados.

Así o pon de manifesto a Orde SND/265/2020, de adopción de medidas relativas ás residencias de persoas maiores e centros socio-sanitarios, publicada este sábado 21 de marzo no Boletín Oficial do Estado (BOE). As residencias deberán realizar esta clasificación en cada centro con carácter urxente "e como moi tarde no prazo dun día" desde que foi publicada esta orde.

A publicación sinala que a propagación do coronavirus entre persoas vulnerables que viven en residencias de maiores "está a observarse nos últimos días", polo que é necesario avanzar na adopción de medidas organizativas e de coordinación, "orientadas a reducir o risco de contaxio así como a tratar da forma máis adecuada ás persoas que sufran esta enfermidade".

Entre as medidas relativas a todo o persoal, sanitario e non sanitario, a orde destaca que todos os traballadores que por razón da súa actividade profesional teñan contacto directo cos residentes deben seguir as medidas de protección recomendadas polo Ministerio de Sanidade, segundo ao nivel de risco ao que están expostos.

TRABALLADORES ASIGNADOS A CADA GRUPO

Ademais, débese reducir ao mínimo o número de traballadores en contacto directo cun residente afectado por un caso posible ou positivo, así como o tempo da súa exposición. Deste xeito, os traballadores deben ser asignados a cada un dso catro grupos de residentes. A orde tamén obriga ás residencias a adoptar "medidas extremas de limpeza" con desinfectantes recomendados pola autoridade sanitaria en todo o centro.

Sobre os profesionais sanitarios, destaca que a autoridade sanitaria da comunidade autónoma poderá modificar a prestación de servizos do persoal médico, de enfermaría ou outro tipo de persoal sanitario vinculado coas residencias, con independencia da súa titularidade pública ou privada.

"Se o persoal sanitario médico, de enfermaría ou doutro tipo, tivo contacto estreito cun caso posible ou confirmado de COVID-19 e non presenta síntomas, seguirá realizando a súa actividade normal así como a vixilancia de síntomas", sinala o documento publicado no BOE.

Igualmente, establece que, con carácter xeral, e sempre que exista dispoñibilidade, deberá realizarse a proba diagnóstica de confirmación aos casos que presenten síntomas de infección respiratoria aguda para confirmar posible infección por coronavirus.

Para iso, o persoal da residencia deberá porse en contacto co centro de Atención Primaria asignado, que actuará de forma coordinada co médico da residencia se se conta con este recurso.

Persoas maiores. CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL
Persoas maiores. CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta