GC Aberto

Coronavirus e saúde dos traballadores

En certa maneira, as epidemias aseméllanse ás guerras: hai persoas que teñen que estar a loitar na primeira liña, como o fan os médicos, os enfermeiros, os celadores…; outras permanecen na retagarda en labores de organización, produción e distribución de recursos de todo tipo; mentres que outras, por razóns diversas, serán suxeitos pasivos cuxa vida é necesario protexer; así acontece cos nenos, cos anciáns, coas mulleres embarazadas, etcétera.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 25/03/2020

Comparte esta noticia

As sociedades humanas parécense ás dos insectos nunha cuestión esencial: cada individuo desempeña un rol que, por intranscendente que pareza, é fundamental para a supervivencia da comunidade. En crises como a que está a sufrir o mundo globalizado no que tocounos vivir, a pandemia producida polo coronavirus, é cando a relevancia destes roles se pon de manifesto.

Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus / @miguelnuñez Técnicos sanitarios dunha ambulancia nunha chamada para atender un posible caso de coronaviurs COVID 19 /   © Miguel Núñez  Técnicos sanitarios dunha ambulancia nunha chamada para atender un posible caso de coronaviurs COVID 19 /   © Miguel Núñez
Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus / @miguelnuñez Técnicos sanitarios dunha ambulancia nunha chamada para atender un posible caso de coronaviurs COVID 19 / © Miguel Núñez Técnicos sanitarios dunha ambulancia nunha chamada para atender un posible caso de coronaviurs COVID 19 / © Miguel Núñez

Todos podemos e temos que colaborar, facer algo; e facelo ben. Nas epidemias facer ben as cousas implica non fallar nin unha soa vez. Quedar na casa para evitar a propagación da infección non é unha cuestión intranscendente; como tampouco o é acudir ao posto de traballo cando é indispensábel. 

A saúde é o principal, pero esta susténtase na economía: se permanecemos nos nosos fogares teremos que alimentarnos, asearnos, entreternos…, senón o illamento será imposíbel de soportar. Para iso é preciso que o sistema produtivo non se paralice por completo.

En certa maneira, as epidemias aseméllanse ás guerras: hai persoas que teñen que estar a loitar na primeira liña, como o fan os médicos, os enfermeiros, os celadores…; outras permanecen na retagarda en labores de organización, produción e distribución de recursos de todo tipo; mentres que outras, por razóns diversas, serán suxeitos pasivos cuxa vida é necesario protexer; así acontece cos nenos, cos anciáns, coas mulleres embarazadas, etcétera.

Como sucede nos conflitos bélicos, nas pandemias tamén se producen, é inevitábel, un número máis ou menos elevado de mortos. O noso esforzo ten que ir encamiñado a que o devandito número sexa o menor posíbel, de aí o deber de salvagardar a integridade dos traballadores que acoden cada día ao seu centro de traballo.

Por iso non son admisíbeis situacións como as que se están a dar en horas punta na estación de Atocha en Madrid e na de Sants en Barcelona, e noutros lugares do Estado español, onde a xente non pode respectar a distancia mínima de seguridade para evitar contaxios. É imprescindíbel repartir gratuitamente máscaras e lentes protectoras (o COVID2019 traspasa con facilidade a membrana conxuntiva ocular) entre estas persoas e entre aquelas sometidas a unha circunstancia similar. E non só para preservar a súa saúde, senón tamén para que sigan desempeñando o seu labor, esencial na loita que mantemos contra este axente patóxeno.

Nunha guerra non é posíbel paralizar de forma absoluta a maquinaria produtiva civil. Un certo número de empregados ten que acudir ás fábricas. Non deben deixar de facelo a pesar do risco de bombardeos e de perder a súa vida neles. É o mesmo escenario que estamos a vivir neste momento en varios países europeos. De igual maneira que o persoal sanitario ten que desempeñar a súa función de atender e curar os enfermos, aqueles traballadores que, por distintos motivos, non poidan executar a súa tarefa dende o domicilio teñen que desprazarse ao lugar no que sexa factíbel realizala. Agora ben, as autoridades están obrigadas a evitar de modo eficiente que se contaxien. Este é un imperativo moral e legal; constitucional.

Cada cidadán ten que ser consciente de que ningún estamos a salvo de adquirir a infección, cuxas consecuencias individuais non se poden predicir con certeza, por iso temos que facer o que estea da nosa man para evitalo, así como para previr transmitirlla aos demais.

Con todo, tamén é verdade que os gobernos da Unión Europea están a cometer o erro de agrandar a percepción da gravidade da pandemia producida polo coronavirus ao amalgamar intimamente as consecuencias sanitarias e as económicas. Primeiro hai que resolver na súa integridade a crise sanitaria e conter a económica, e a continuación abordar esta última en toda a súa extensión. Desta forma, ámbalas dúas serán superadas por completo nun breve período de tempo.

Como din en Cuba: «Habendo saúde, a loita está gañada». 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta