GC Aberto

Petición do MEL aos partidos políticos: miren de fronte o problema e déixense de retórica, a saúde de todas está en risco

Con data do 29 de abril de 2025, o Grupo Parlamentario Socialistas rexistrou no Parlamento galego unha serie de preguntas dirixidas á Xunta de Galicia en relación á resposta autonómica á alerta de saúde pública lanzada pola demanda veciñal contra varias administracións públicas un mes antes.

Por admin | Limia | 19/05/2025

Comparte esta noticia

MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA (MEL)

Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia
Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia | Fonte: MEL

Máis alá de que as interpelacións parlamentarias son retórica -como explicaremos máis adiante- cómpre subliñar como as dúas formacións da oposición veñen de introducir na cabeceira do seu discurso o asunto que debería ter disparado hai anos todas as alarmas: os riscos para a saúde que supón a contaminación das augas da conca do Limia.

Acusan BNG e PSdeG-PSOE á Xunta de Galiza de non ter feito nada nestes últimos tres anos desde que en maio de 2022 masas de auga da Limia foron incluídas, por vez primeira e a instancias da UE, no mapa de augas afectadas por contaminación por nitratos.

A nosa pregunta tamén é retórica: Que fixeron BNG e PSdeG-PSOE a través das institucións nas que están presentes ou mesmo gobernan, como concellos ou o propio goberno central, fronte a esta inacción?

Agora, cunha demanda veciñal apoiada por asociacións ecoloxistas e de consumidores españolas e un filántropo estadounidense, ambas formacións responden desde o Parlamento galego convertendo a alerta sanitaria en munición contra o Executivo autonómico cuestionando a actuación da Xunta sen achegar unha reflexión sobre as causas e causantes desta contaminación (non o fixeron até hoxe para non ter que sinalar o macrocomplexo industrial que determina o modo de produción agrícola e gandeiro nas comarcas limiás) nin achegar solucións para frear o avance desta contaminación (mirando sempre para outro lado cando científicos e ecoloxistas urximos a reducir a carga gandeira e introducir controis e novas prácticas na a xestión de residuos).

A retórica da oposición ao goberno do PP no país colle un camiño perigoso: o de poñer en cuestión as analíticas oficiais, o mesmo que fai o PP. Tempo tiveron, nestes tres anos (e antes), BNG e PSdeG-PSOE de se mirar as analíticas da CHMS (entidade dependente do Goberno do Estado) que son públicas. Non o fixeron. Ou se o fixeron, non as deberon considerar munición de suficiente calibre contra a administración autonómica, ou non quixeron contradicir unha das liñas principais dos seus discursos até hoxe: poñerse (retoricamente) do lado de gandeiros e agricultores denunciando os prexuízos que todo este ruído ao redor da contaminación das augas estaba a xerar no negocio (economía da Limia). Unha liña que, por certo, non abandonaron e que está no eixo da declaración institucional acordada no pleno de Xinzo de Limia en abril.

A incongruencia está en pretender manter dous discursos: un a nivel local, do lado dos (supostos) intereses de gandeiros e agricultores (como se agricultores e gandeiras non tivesen un interese superior na súa propia saúde e na saúde de todas); e outro a nivel de país sinalando á inacción da Xunta mentres se evita reclamar responsabilidades públicas ao Estado, presentes e pasadas, como se o problema de saúde pública fose unha alerta que apareceu agora, caída do ceo...

Cómpre repasar os programas electorais nas últimas municipais de 2023 e nas autonómicas de 2024, cando xa era coñecido o Decreto de 2022 instando á declaración de zonas vulnerábeis e o mapa de augas afectadas, para contrastar a relevancia que lle daban tanto o BNG como o PSdeG-PSOE á contaminación e a súa preocupación sobre "análises, datas, lugares (...) para comprobar o estado, cualidade e aptitude para o consumo humano das augas da conca do río Limia" e a "aptitude [das augas] para o consumo humano e/ou producir malos olores".

Faremos outras dúas preguntas retóricas (por ter unha resposta facilmente comprobable): Que había naqueles programas sobre isto? Cales eran as propostas fronte ao problema?

Será retórica tamén o súbito interese dos dous partidos da oposición parlamentar na Cámara galega sobre os impactos na saúde dunha contaminación que leva anos aí e até hoxe non souberon poñer no primeiro plano do problema? Desexamos que non, porque máis alá da munición política, o asunto é grave e a responsabilidade a futuro moi alta.

É xusto facer aquí unha mención á portavoz socialista en Xinzo Elvira Lama Fernández, ex alcaldesa e deputada provincial, que é a política que con máis claridade se ten pronunciado a respecto do risco para a saúde de veciñas e veciños polo estado das augas na conca da Limia. Demandamos ese mínimo de claridade en todos os representantes públicos.

Vímolo alertando hai lustros: se non se actúa xa, o problema crecerá, e mesmo actuando xa e de maneira axeitada, o problema nas augas tardará anos en desaparecer.

Non é momento para pensar na política como pensan os nosos partidos. É momento para que a política axude realmente para facer fronte a unha crise de saúde pública cuxos riscos potenciais descoñecemos e que afecta a todas e todos, poboación actual e poboacións futuras.

Basta de subterfuxios: apoien a demanda, apoien aos xuíces e ao fiscal para que en defensa da saúde pública determinen todas as responsabilidades, reclamen explicitamente os estudos sanitarios en todas as instancias, impoñan unha moratoria inmediata para empezar a reducir a carga gandeira, analicen e identifiquen medidas sobre a xestión dos excedentes agrícolas e gandeiras e impúlsenas.

Póñanse do lado da xente e non utilicen os problemas da xente, dos gandeiros, dos agricultores, nas súas batallas contra os seus adversarios. Deixen de ser parte do problema. E isto pedímosllo tamén ao PP, que certamente vén sendo parte importante do problema e segue pensando que pode "resolver" o problema en función dos seus intereses agochándoo á xente, botándolle a culpa aos outros ou poñendo no foco cuestións menores como a declaración de zona vulnerábel, que non é o problema (por moito que, nisto tamén, os partidos coincidan) e que sinxelamente debería ser unha parte máis da solución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta