Coordinación, non Mando Único

Fronte esta pandemia compre colaborar globalmente asumindo as directrices da autoridade científica da Organización Mundial da Saúde (OMS). Precisamos tamén dunha actuación coordinada moi potente dende a Unión Europea e dunha cooperación e coordinación en tempo real en todo o Estado.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/03/2020

Comparte esta noticia

Mais coordinación non implica Mando Único. A asunción deste dende o 15-M polo Ministerio de Sanidade (MS) non achegou vantaxes, senón graves pexas. Fracasou a centralización da merca de equipas de protección (EPI), respiradores mecánicos e outro material sanitario. En toda a semana o MS non foi quen de fornecer este material, curtando as vías de subministración antes abertas polas Administracións sanitarias autonómicas. Incautáronse máscaras nas empresas destinadas ás Administracións sanitarias catalá e andaluza, mentres a Xunta denunciaba non ter recebido máis ca 10.000 en nove días. A mediados da semana o MS devolveulle ás Administracións autonómicas a capacidade de mercar este material.

O mesmo pasou coas testaxes dos positivos. O 15-M o MS prohibiu facerlle estas testaxes a doentes leves, desautorizando aos Gobernos autonómicos. A OMS recomendou “test, test, test” e arestora decidiuse facer todos os posíbeis, como xa seguiron facendo algunhas autonomías.

A eficacia require, pola contra, de incrementar a marxe de autonomía das equipas directivas e médicas das Áreas Sanitarias e Hospitais. Porque xa dixo Jaume Padròs, Presidente do Colexio Médico de Barcelona, que o MS descoñecía os recursos e necesidades de cada territorio.

Canto á actuación de control cidadán, adoptáronse linguaxes e decisións absurdamente militaristas, cando quén coñece mellor o territorio e á poboación son as policías de proximidade e os seus Mandos orgánicos e políticos. A Unidade Militar de Emerxencias ten unha operatividade técnica, mais as forzas militares como substitutos da policía non teñen sentido.

O problema é de eficacia operativa, si, mais nace dos prexuizos ideolóxicos centralistas dos altos cargos da Administración do Estado. No canto de aproveitar as vantaxes do Estado autonómico, de facer coordinación en rede, aplícase a teoría dun único cerebro que coñece todo e decide todo. É a mesma mentalidade que lles impediu confinar en tempo Madrid ou permitir que os distintos territorios gradúen as súas respostas en función das necesidades locais, como están a facer Alemaña e Suiza.

De certo que o estado de alerta precisa da prórroga que propón o Goberno do Estado. Mais ben faría Sánchez en lle propór ao Congreso estatal a reforma da lexislación excepcional devolvendo as competencias autonómicas e mesmo reforzándoas, atribuíndolle aos Gobernos territoriais a autoridade delegada para agravar e, no seu caso, modular as medidas de confinamento.    

Ou presidente dá Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ou resto de titulares autonómicos. XUNTA
Ou presidente dá Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ou resto de titulares autonómicos. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.