Traballadores de supermercados: "Estanse volvendo de ouro pero nós non lles importamos nada"

Mentres a meirande parte da poboación se protexe nas súas casas, o persoal dos supermercados é un deses colectivos que traballa sen descanso dende que se decretou o estado de alarma. Expostos ao contaxio durante boa parte do día, o traballo vólvese esgotador: "Estás tan asustada, tan medosa, que hai discusións case todos os días... Non estamos protexidas, non estamos ben".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Son moitos os colectivos que ao longo destes días traballan arreo para manter en funcionamento os servizos mínimos do conxunto da sociedade. Persoal sanitario, persoas encargadas dos coidados, transportistas, repartidores, persoal dos supermercados, persoal da limpeza... Están en primeira liña fronte ao coronavirus. Mentres que a meirande parte da poboación se resgarda nas casas, teletraballa e sae o mínimo posible á rúa, estes colectivos non poden escapar do traballo presencial, que é máis demandado ca nunca.

Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus
Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Nun estado das cousas normal, trátase de empregos que adoitan pasar desapercibidos, mais de súpeto, o coronavirus espertou a consciencia do seu carácter esencial na vida diaria das persoas: nun momento de crise, son eles quen nos salvan. Eses traballos poucas veces valorados e moitas veces precarizados son agora quen terman do sistema, quen nos fan non afundir, quen resultan indispensables. Semella que se de algo serven as crises é para pousar de novo os pés na terra.

Un destes colectivos é o dos traballadores e traballadoras de supermercados, que están en constante exposición ao contacto cunha morea de persoas que pasan diariamente polos seus establecementos. Nos primeiros días de confinamento a situación foi "un caos total", e aínda que agora os controis de aforo manteñen a situación algo máis tranquila, o persoal quéixase do baile de protocolos dun día para outro e da falta de medidas de protección para traballar con seguridade. 

SEN MÁSCARAS NIN LUVAS

Un dos empregados dun centro Carrefour de Galicia asegura que botaron cinco días dende o comezo do estado de alarma traballando sen ningún tipo de protección, sen máscaras e sen luvas. "Todas as medidas chegan tarde, imos a remolque". O aforo, igualmente, comezou a controlarse unha semana despois de que se estableceran as normas do real decreto. Ademais, os protocolos "cambian cada dúas horas". Segundo conta o traballador, a dirección do supermercado non ten claras as zonas ás que se debe restrinxir o acceso. "A destinada aos televisores chegou a abrirse e pecharse tres veces nun día", relata. "A información chega tarde e chega moi mal; se era de contaxiarse aquí, a xente xa se contaxiou".

Concretamente no seu centro traballan un total de 142 persoas e entre eles resulta "imposible" manter a distancia de seguridade de metro e medio mínima para evitar os contaxios por coronavirus. "Antes tiñamos as cafeterías para poder almorzar, pero agora están pechadas e ás veces chegamos a xuntarnos unhas 30 persoas nunha sala de doce metros cadrados". Este empregado considera tamén que hai traballadores aos que non deberían mandar traballar, xa que os seus postos non son agora mesmo indispensable. "Se os quixeran protexer, mandaríanos para a casa. Isto é telos expostos seis días á semana para nada", sentenza.

FACER NEGOCIO

Preocupa tamén ao persoal a posibilidade de que algúns centros se acollan á medida decretada por parte da Xunta de Galicia sobre a liberdade horaria dos establecementos de primeira necesidade. Polo de agora, supermercados como El Corte Inglés decidiron abrir tamén os domingos, decisión moi criticada por parte dos sindicatos. CCOO vén de emitir un comunicado no que afirma que "non é hora de facer negocio" nin tampouco "de poñer en risco a saúde das persoas traballadoras".

No caso do Carrefour, o horario reduciuse nunha hora durante esta etapa de confinamento. Con todo, o traballador deste centro apostaría por unha redución aínda maior, xa que "se trata de minimizar o risco" e "non dar pé a que a xente saia das casas". Ademais, a dirección comunicoulles que esa hora que queda sen facer deberán recuperala cando todo volva á normalidade. "Estamos expostos todos os días, pero nin iso che perdoan", critica. A sensación que se palpa no ambiente é que "o que importan son os cartiños". "Un desastre total", zanxa.

A impresión é a mesma para a traballadora do Gadis que nos conta a súa experiencia. "Agora mesmo estanse volvendo de ouro, están facendo facturacións de diñeiro enormes, descomunais, pero nós non importamos en absoluto". A súa situación é moi semellante á do empregado do Carrefour. Recorda con especial agobio a semana anterior ao estado de alarma, un días nos que se produciron aglomeracións de xente en todos os supermercados do país. "Era coma se fose haber unha guerra. Case non podías dicir nin 'ai' de tanto traballo que tiñas".

TRABALLAR CON MEDO

Agora, as augas volven ao rego, mais seguen facéndose colas infinitas e segue sendo agobiante. Traballar nestas condicións vólvese moi complexo. "Levámolo fatal, con moita carga, moitas responsabilidades e moito medo. Estás tan asustada, tan medosa, que hai discusións case todos os días... Non estamos protexidas, non estamos ben", conta esta traballadora do Gadis. "Nin tes ganas de ir traballar, nin te das posto ao día... É un constante estrés, cansanzo, mal humor...".

Dende a dirección, as empregadas reciben un só papel por semana con indicacións a ter en conta. "De entrada poñen que che agradecen o traballo, que sen nós non serían nada, e logo din que hai que manter a distancia de seguridade - cousa que nos é imposible -, lavar as mans continuamente, manter a calma... Unhas normas moi básicas". Durante todo este tempo levan traballando sen máscaras e sen luvas, e ante a falta de medidas por parte de Gadis, foron as propias traballadoras quen decidiron tomar a iniciativa para protexerse: "Fixemos unha máscara de tela e fervémola en auga todos os días ao chegar á casa para desinfectala".

Esta traballadora asegura que hai persoas con factores de risco traballando no supermercado, que tampouco fixo redución no seu horario. "A xente protesta, pero nada; como lle caiamos todos veremos a ver que fan". O razoable, segundo esta traballadora, pasaría por establecer medidas de prevención efectivas e implantar turnos de traballo máis curtos. "Nós tamén temos familia na casa, eu vivo con persoas dunha certa idade, cos meus fillos... Hai medo aos contaxios". 

IR AO SUPERMERCADO COMO ESCUSA PARA PASEAR

En canto á actitude da clientela, ambos os traballadores concordan en que a maioría é respectuosa, mais o certo é que se atopan con casos de todo tipo. "Hai moita xente que non é consciente do que pasa é á que lle dá igual todo con tal de chegar e arrasar", conta a empregada do Gadis, que nota un aumento no consumo de bebidas alcohólicas, carne e friame, ademais do xa famoso papel hixiénico. "Ás veces non gardan as distancias, igual véñenche coa máscara na cabeza, algúns non usan luvas, apóianse nos mostradores, pagan con efectivo por máis que se insiste en que é preferible pagar con tarxeta...". 

O traballador do Carrefour observa que algunha xente segue vindo comprar en parella ou que visita o supermercado todos os días no canto de facer unha compra grande para toda a semana. "Isto non pode ser, se o permitimos seguirán vindo pasear e o problema non se reducirá", sinala. Nos dous casos, en Gadis e Carrefour, puxeron un separador de metacrilato para que o contacto non fose tan directo, mais segue habendo quen se achega aos traballadores sen máscaras e sen luvas. A súa seguridade, recordan, tamén depende das medidas de prevención que tomen os propios clientes, aos que se recomenda acudir aos supermercados o mínimo posible e atender todos os avisos e suxerencias que impoña o establecemento. 

Polo de agora, o día a día destes traballadores estase facendo costa arriba. "Traballas con preocupación porque sabes que se algún compañeiro teu colle o coronavirus, alá imos o 80% dos traballadores. Somos conscientes de que hai que traballar, pero queremos facelo cunha seguridade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

5 XesúsFdez Iglesias-35544682E

Efectivamente. Eu quero denunciar aquí que indo a mercar a tres supermercados distintos (o Gadis de Bueu, o Lidl de Moaña e o Eroski de Cangas) a uns na fin de semana da declaración de emerxencia na Galiza e a outros nos primeiros días da seguinte as caixeiras e persoas repoñedoras non tiñan ningunha mascariña de protección; o único que vin nun só dos establecemento foron luvas e deinfección de mans dos clientes. As caixeiras, que traballan a menos de un metro dos clientes non tiñas ningún tipo de máscara, o cal me parece impresentable. A través da web dirixinme a Eroski e a Gadis para comentarlle o tema e reclamar medidas de protección para os empregados (e, por ende, para os clientes) pero o seu "pronto lle responderemos" no acaba de cancretarse. O problema non que que só as persoas das caixas e as repoñedoras estean expostas a contaxio dos clientes, senón tamén os clientes e as familias desas persoas. Son uns piratas desalmados.

4 Ana

Feijoo dimisión!!!. ¿Vale mais a vida dun madrileño que a dun galego?. Esixo saber si é certo que se van enviar respiradores galegos a Madrid. Logo diran alguns que non temos motivos para pedir a soberanía de Galiza cando parecemos mais una colonia madrileña que unha nacionalidade histórica.

1 Anti-buitres

Pontona, por qué no renuncias a la mitad de tu sideral sueldo para comprar más respiradores? Por qué tú y tus compañeros políticos profesionales no sufrís esta crisis?

2 Ana

Nin son política nin o meu apelido comeza por P, mais paréceme ben que os políticos (de todas as cores) aporten parte do seu salario a axudar para mercar respiradores. Iso si, logo que non se leven fora por aquí seguro que non sobran cando están crecendo os contaxiados por coronavirus. Tamen son critica coa política mais iso non me impide afirmar que o poder canto mais próximo a xente moito mellor e afirmar que Galiza é una nacion por historia e identidade propia. Nesta crise estamos a ver mais ca nunca o fracaso da xestion centralizada.

3 Alpinista

Os responsables da fracasada xestión centralizada de agora son os do PPsoE, os españolistas que apoia o BNG e Podemos co seu voto. Pois iso, os "nosos" non nos defenden: son unha fraude! Poñen os intereses da xente por detrás do seu peto, así véndense ao PsoE, uns vividores da política profesional! E cando hai crise seria, agora mesmo, a xente vai saír por onde menos se aguarda...

4 Ricardo R.

Ana, dices o mesmo co...Baltar. Poder moi prósimo á xente. Dou o meu voto ao alcalde para que me dea traballo, comida e un adianto na lista de espera. O mellor votar ao coñecido, o caciquismo galego de sempre.

5 Gamela

ANA, non é cuestión de xestión centralizada ou descentralizada... a cuestión é quen OKUPA o poder para xestionar ? E polo que vemos en Madrid hai un OKUPA que non vai soltar o poder, movendo respiradores de aquí para acolá, ou coma fai o poder de proximidade (Feijoo) movendo vellos daquí para alá... (?) Alomenos que NON mintan !!! Pero iso é pedirlle peras ao olmo, non si...?

3 Gamela

Cando os traballadores esenciais abren a boca, lla tapan cunha mascarilla e que sigan extendendo o Virus !!! Esta é a verdadeira política do SERGAS (a mesma dende hai 12 anos) agora dan un paso máis creando novos lazaretos !!! A lo menos na illa de San Simón estarían máis cómodos e poderían pasear polos xardíns e disfrutar das postas de sol na ría de Vigo ! Claro que así todo o mundo comprendería en que consisten as chamadas Residencias Integradas de Feijoo !!! Lazaretos no século XXI https://elpais.com/sociedad/2020-03...

2 Gamela

Está claro que baixo o eufemismo de "traballador esencial" ocúltase un clasismo que dá noxo! O goberno PSOE-UP estase asemellando demasiado ao "Partido Nazi" !!! https://youtu.be/l1jX19xhZXA Unha cousa é o Virus e outra moi distinta un Estado Policial para manter os privilexios de Clase dalgúns que pasan os días nas pantallas de TV e nin siquera admiten preguntas directas dos xornalistas !

1 Galegus

Toda a miña solidariedade con eles. Traballan por catro duros e aí están co seu labor indispensable. Por que non lles axudan os burócratas da Xunta que están na casa co bandullo cheo cobrando o soldo íntegro sen facer nada?