Detido tras cuspir a xente nunha gasolineira: "Se teño o coronavirus contáxiovos a todos"

Os policías víronse obrigados a "colocarlle unha bolsa de plástico ampla sobre a súa cabeza a fin de evitar que alcanzase a calquera persoa presente coa súa saliva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional detiveron un home en Ourense por un delito de desobediencia e resistencia á autoridade ante a súa negativa a abandonar unha gasolineira na que molestou á xente e ao persistir nunha "actitude de agresividade mentres cuspía aos alí presentes". "Se teño o coronavirus contáxiovos a todos e morremos", gritou.

Así o informou a Policía Nacional, que relatou que os feitos sucederon sobre as 19,10 horas do mércores 25 de marzo cando o responsable dunha gasolineira de Ourense comunicou que un home molestaba ao resto de persoas que enchían, así como ao encargado do establecemento.

Á chegada da dotación da Policía Nacional de Seguridade Cidadá, os axentes observaron a un individuo á porta do local da gasolineira destinado a tenda, que profería insultos e gritaba en contra da persoa responsable do negocio, ao mesmo tempo que impedía pasar ao resto de persoas usuarias do lugar, "evitando manter a distancia de seguridade recomendada", puntualizaron as mesmas fontes.

Os axentes de policía actuantes preguntáronlle o porqué da súa actitude, ao que contestou que non se ía "porque non lle daba a gana" e que estaba "moi a gustiño", destacou a Policía. Por iso, foi informado de que ía ser proposto para sanción por vulnerar o decreto do estado de alarma, tras o que se negou a asinar a denuncia e continuou coa súa negativa a abandonar o devandito lugar. Así pois, foi advertido de que se persistía nesa actitude "podería incorrer nun ilícto penal que levaría a súa detención".

Ante estas indicacións o home fixo caso omiso, encarouse cara aos policías, cos que non mantivo a distancia mínima de seguridade recomendada a fin de evitar posibles contaxios. Por iso, tivo que ser separado en todo momento polos axentes. "Se teño o coronavirus, contáxiovos a todos e morrémonos, e xa está", indica a Policía que lles gritou.

"SALIVAZOS"

Nun momento dado abalanzouse sobre un dos axentes de policía, ao que lanzou "un salivazo", aseguraron as mesmas fontes, que alcanzou ao policía no seu xeonllo esquerdo. O individuo seguiu "lanzando salivazos", polo que os axentes procederon á súa redución e posterior detención.

O home persistiu "aínda na súa actitude cuspindo", polo que os policías se viron obrigados a "colocarlle unha bolsa de plástico ampla sobre a súa cabeza, a fin de evitar que alcanzase a calquera persoa presente coa súa saliva", xustificou a Policía. Posteriormente, foi trasladado a dependencias policiais continuar os trámites pertinentes, tras o que quedou en liberdade.

O detido foi identificado como un home de 49 anos, natural de Ourense, que carecía de detencións anteriores.

Coche Policía Nacional. EUROPA PRESS
Coche Policía Nacional. EUROPA PRESS | Fonte: ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta