Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/11/2012 | Actualizada ás 20:52
A partir da próxima semana empeza a distribución en librerías de O futuro é posible, libro de memorias políticas de Emilio Pérez Touriño, expresidente da Xunta de Galicia e exsecretario xeral do Partido Socialista de Galicia-PSOE.
Emilio Perez Touriño (A Coruña, 1948) reúne en arredor de 480 páxinas semblanzas e información documentada da súa experiencia política, tanto como secretario xeral do PSdeG-PSOE dende 1998, posto no que substituíu a Francisco Vázquez, como na súa condición de presidente da Xunta de Galicia entre agosto de 2005 a marzo de 2009, ao frente dun goberno constituido polo PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego.
Este goberno é o centro da reflexión e do relato, que se remonta ao proxecto socialista e galeguista que Pérez Touriño inicia coa súa chegada á secretaría xeral do PSdeG-PSOE, cargo que abandona logo do fracaso electoral do 2009. Como curiosidade, o ex-líder socialista nunca se refire a este Executivo como bipartito
Galaxia explica que é en certa maneira é un libro de memorias políticas, que atinxen ese período (1998-2009), mais tamén "un libro de ensaio e reflexión, mesmo de propostas concretas cara ao futuro, algo que lle dá sen dúbida unha grande actualidade".
A tese básica sobre a que se sostén o discurso do autor é que "sen unha confluenza histórica entre a socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático non hai posibilidades ningunha de construir unha alternativa política crible diante da dereita".
¿En que medida o goberno bipartito ensaiou ou queimou ese camiño? ¿En que cousas acertou e en que cousas, en opinión do autor, fracasou?, son cuestións que aborda o ex-presidente.
O libro chega nun intre no que o PSdeG ten aberto un debate sobre o seu futuro tras o fiasco electoral do 21-0, cando perdeu máis do 40 por cento dos votos.
Editorial Galaxia presentará o libro, co autor e o ensaísta Ramón Maiz, o próximo día 22 de novembro (xoves), ás 19:30 h, no salón de actos do hotel Araguaney de Santiago de Compostela.
A partir de agora, e a xeito de promoción, na páxina web de Galaxia os interesados poderán descargar gratuitamente o primeiro capítulo do mesmo, salientado como o Libro do Mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.