As nosas heroínas sanitarias: "Non sei onde estiven metida ata que remato, sento e asimilo"

Un ano despois de rematar a carreira de Enfermaría, Esther entra de cheo nesta loita contra o coronavirus. Ela pertence a un dos equipos de extraccións de probas en domicilios para detectar a enfermidade. Asegura que vive coma nunha "película post-apocalíptica".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

Esther é unha enfermeira de 23 anos que forma parte do equipo de extraccións de Medicina Preventiva do Hospital Montecelo. Ela encárgase, xunto con outros compañeiros, de ir de cada en casa realizando os test de detección da enfermidade COVID-19. Conta que é unha situación estraña, que se sente coma se estivese vivindo "nunha película post-apocalíptica": "Se non está preparada para todo isto unha persoa con experiencia, pois imaxínate eu, que practicamente rematei a carreira hai un ano". 

Recollida de mostras para análise do COVID19  dende o coche no  Hospital Meixueiro de Vigo © Miguel Nuñez
Recollida de mostras para análise do COVID19 dende o coche no Hospital Meixueiro de Vigo © Miguel Nuñez

 

Comeza, pois, a súa andaina profesional nunha situación de excepcionalidade. Esta crise sanitaria puxo a funcionar unha morea de servizos especiais dun día para outro e un deles é a realización dos PCR nos propios domicilios dos pacientes. "Nós ocupámonos de atopar esas casas, ir ata alí, realizar a proba e, finalmente, levar todas as mostrar recollidas ao laboratorio de microbioloxía do Hospital Provincial de Pontevedra", relata Esther. Dispoñen de varios vehículos cos que percorren entre oito e vinte domicilios da área sanitaria de Pontevedra nunha xornada laboral de sete horas.

O TRABALLO DE CASA EN CASA

Recoñece que é un traballo que se desenvolve "ás tentas", xa que os protocolos establecidos se van modificando en función das diferentes informacións. "Estamos en continuo cambio porque non é algo que estea aínda baixo o noso control". A rutina, logo de varios días en marcha, xa a teñen ben asimilada. Unha vez chegan ao domilio chaman por teléfono á persoa que debe realizar a proba e pídenlle que só abra o portal (se se trata dun piso) e deixe a porta da casa pechada. Nese tempo, os profesionais visten o equipo de protección individual e timbran. "Sen entrar moito na casa, realizo a proba", relata Esther. "No caso de que estean illados nunha habitación, diríxome a ela para que o suxeito non rompa o seu confinamento".

A proba consiste en recoller unha mostra nasofarínxea. "É sinxela e indolora, pero si molesta", conta a enfermeira. Trátase de dous hisopos - unha especie de bastonciños - cos que se recolle unha mostra no interior da boca e outra na cabidade nasal.

MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Durante todo este proceso os profesionais sanitarios están en contacto directo con posibles persoas infectadas por coronavirus. O medo ao contaxio e a contaxiar sempre está presente, e máis cando escasean as medidas de protección. "Creo que nin con cinco EPIs postos me sentiría protexida". Esther "quere pensar" que efectivamente non corre perigo de ser infectada, mais xa lles teñen pedido reutilizar certo material "para que haxa para todos". Os números á alza de profesionais afectados por esta enfermidade rondan a cabeza desta enfermeira. "Agora as cifras demostran a evidencia".

"Cada un leva isto como pode", conta. "A tensión é permanente, porque hoxe estou a traballar nesta unidade, pero maña poden moverme para a UCI, e pasado a traumatoloxía, e ao día seguinte a oncoloxía, ou dun centro de saúde para outro, e sen descanso". Na enfermaría cómpre xestionar e procesar moitos cambios en moi pouco tempo. A grande carga de traballo vai unida ao esgotamento psicolóxico que sofren especialmente nestes días os profesionais sanitarios. "Moitas veces non me dou conta de onde estiven metida e que estiven facendo ata que chego á miña casa, sento e intento asimilar...", recoñece Esther.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta