Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/03/2020 | Actualizada ás 23:17
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, agradeceu este xoves ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a cesión de material sanitario para combater a pandemia do coronavirus. Material que, á súa vez, o presidente galego ten reclamado ao Goberno de Sánchez para facer fronte ao coronavirus.
Nunha mensaxe publicada en redes sociais, recollido por Europa Press, Ayuso asegurou que a Comunidade de Madrid estará á beira de Galicia na loita contra o virus. "Asegúroche que Madrid estará á beira de Galicia para loitar contra o virus. E que se necesitades recursos, os nosos serán pronto vosos", dixo.
Neste sentido, a presidenta madrileña insistiu en dar as grazas aos galegos por prestar 11 aparellos de UCI para os enfermos. "Grazas aos galegos por este xesto de solidariedade. Isto é facer país", recalcou a dirixente nunha publicación de Twitter.
Ayuso acompañou o agradecemento cunha intervención de Feijóo na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia na que defendía a cesión de medios sanitarios a Madrid. "Que cren que debo facer? Non remitir o material de UCI a Madrid cando non estamos no pico?", cuestionou o mandatario rexional. Con todo, Feijóo era moi crítico nos últimos días co goberno de Sánchez por non mandar ese material a Galicia, cando o necesitan outras autonomías.
Así mesmo, o presidente galego confirmou que o Ministerio de Sanidade tamén lle solicitou a cesión de material sanitario. "Estou convencido que se en Madrid pasa isto con anterioridade conforme ás previsións epidemiolóxicas que temos, imos recibir moitísimo material de Madrid en caso de necesitalo", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.