Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista escribe '#3 Viño' na súa sección 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento.

Por Alberte Montes | BARCELONA | 27/03/2020 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

Durante este confinamento está pasando algo bonito. E curioso. Curioso e bonito. Algo que ademais tiña que pasar, xa tardaba quizais, e é de lei. Estou coidando de meus pais. Sempre deberiamos devolver os coidados, pero agora máis. Urxe.

Alberte Montes.
Alberte Montes.

Estou coidando de meus pais. Sempre deberiamos devolver os coidados, pero agora máis

Neste caso mudou o conto de carallo. Pasei a ser eu quen lles prohibe saír da casa, quen lles manda lavar as mans e incluso quen os enche de tapervares. Co que eu fun! Teño que dicir ademais que fan máis caso do que lles facía eu a eles, onde vai!

Temos reunións puntuais no relanzo da súa casa nas que entrego pan e víveres, refrescamos as medidas de seguridade ante unha inminente visita ó ambulatorio e recoméndolles máis culebrón e menos parte. Estes días os programas “informativos” son espantavellos, cómpre non facerlles moito caso para non tolear (máis aínda).

Meu pai non sempre se asoma a saudar, hoxe si, que se lle acabou o viño. Aproveitou para dicirme que teña coidado co correo electrónico que tamén me podía entrar o virus por aí. Vedes o que vos digo, a sobre información é perigosa.

Meu pai non sempre se asoma a saudar, hoxe si, que se lle acabou o viño

Comigo vén sempre Paco, o can. Así fago o que xa deron en chamar o 2x1, sacar o can e aproveitar para ir mercar. Neste caso é un 3x1. Non se poderán queixar os veciños de que faga viaxes de gratis. Paco si que ten permiso para entrar e almorzar cos avós, os cans no tema do coronavirus nin padecen, nin contaxian. Que sorte ten o cabrón!

Así fago o que xa deron en chamar o 2x1, sacar o can e aproveitar para ir mercar

A despedida é triste, especialmente para o animal, que ten que marchar para casa roendo aínda no xamón. Dámonos forza e azos. Cando empezo a baixar as escaleiras miña nai dime que ten moitísmas ganas de darme unha aperta grande coma un mundo. Meu pai que non esqueza o viño.

Alberte Montes (Os Anguieiros 1986 - Bos Aires 2037)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta