Contaxio masivo nas residencias de anciáns: "Esta semana vai ser un drama"

Galicia comeza a experimentar contaxios masivos en residencias de anciáns. Cangas e Vigo son os epicentros destes contaxios. “Esta semana vai ser un drama”, avanzan os familiares.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/03/2020 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

Galicia ten xa un problema serio coas residencias de anciáns, tanto as públicas como as privadas. Este luns coñecíase un contaxio masivo na residencia DomusVI Aldán, en Cangas, con 120 contaxiados, 16 deles traballadores. Pero non é a única con contaxios masivos. En Santiago, Celanova, Crecente ou Vigo acontece algo parecido. E tamén aumenta o número de mortos, doce, tamén nos propios centros.

Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT
Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT

As residencias xa non son inmunes ao contaxio e, ademais, son sitios moi vulnerables. Familiares e traballadores denuncian que a Xunta non actuou rápido e que deixou facer. “O non ter materiais e protocolos nos primeiros días para facer fronte ao virus acabou provocando unha bomba de reloxería”, asegura Paulino Campos, presidente de ASFAREBA (Asociación Usuarios e Familiares Residencias DomusVi) e da Federación Galega REDE de Asociacións de Usuarios e Familiares das Residencias e da Dependencia.

De feito, no caso concreto de Cangas, o contaxio masivo débese, principalmente, a que os traballadores non tiñan o material adecuado. Algo que se repite na maior parte das residencias con casos positivos.

A bomba de reloxería é de tal calibre que, o domingo había contabilizados 12 mortos, un deles, segundo esta entidade, na propia residencia. Un número que supera xa o 10% do total de mortos en Galicia, sen contar os que se teñan producido ao longo deste luns. E o temor é que a situación vaia a peor e o número de mortes aumente.

A isto súmase xa o temor dos traballadores, moitos xa contaxiados, e outros que rexeitan ser contratados por temor ao contaxio. “É normal porque saben que se expoñen moito por falta de material”, apunta Paulino que advirte que “esta semana vai ser dramática. Van a aumentar moito as mortes”.

MORTES

O centro DomusVI San Lázaro de Santiago, xa leva sete mortos, dous deles este domingo, e fontes consultadas apuntan que ao longo deste luns houbo máis falecidos. Aquí había 25 casos confirmados. Pero mortos tamén hai noutros centros,  tres no Portazgo, dous en Fogar Bellolar, un en Castro Caldelas, un en Celanova, un en DomusVi Barreiro e outro na DomusVi de Carballo.

Tamén aumenta o número de centros con contaxios. Xa son 21 en todas as provincias galegas. Ás 21.00 horas do domingo había 235 usuarios e 80 traballadores contaxiados. E iso que non están contabilizados 112 de Cangas e doutras residencias onde aumentaron enormemente os casos tras facer test rápidos ao todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta