Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/09/2025 | Actualizada ás 14:38
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou este xoves que a Xunta de Galicia xa busca localizacións para acoller aos menores migrantes que o Goberno vai trasladar a Galicia. Segundo explicou, o Executivo autonómico tivo que modificar o seu sistema de protección da infancia para crear recursos e centros específicos para a atención dos menores migrantes.
Durante a visita realizada á escola infantil pública autonómica da Cidade da Xustiza, avanzou que esta mesma mañá recibíronse tres novos expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno quere trasladar á comunidade.
Sumados aos dous remitidos o xoves, xa son cinco os menores dos que a Xunta ten constancia. A esta cifra súmase o grupo de 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que o Goberno debe acoller por orde do Tribunal Supremo e que tamén vai trasladar a Galicia.
Para a conselleira, o Executivo central rompe así "definitivamente" o sistema de protección "integrador", "aceno de identidade de Galicia" e obriga á Xunta a saírse do modelo que leva anos impulsando e que definiu como "un dos máis inclusivos de España, no que todos os menores conviven nos recursos da Xunta sen facer distincións pola súa procedencia".
Ante esta situación, explicou que a Xunta busca xa posibles localizacións nas que acoller e atender a estes adolescentes. Un proceso no que, asegurou, solicitarán a colaboración doutras administracións". Sobre isto, lembrou que a semana pasada xa se realizaron os primeiros contactos con entidades sociais do sistema de protección da infancia e a adolescencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.