Aprender dos burgueses e defender intereses

Non son poucos os que din que a burguesía catalán non é separatista, a falta doutras razóns porque seica aínda non lle convén. Aínda. Velaí o dilema; pois iso vén ser o mesmo ca dicir que a burguesía catalán non ha ser separatista ata que lle conveña. Ou sexa, separatistas agardando o mellor momento.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 19/11/2012

Comparte esta noticia
Ese mellor momento definise en termos puramente materiais e de auto conveniencia. Conviccións, valores, principios, crenzas ou ideoloxías? É de supoñer que algo deso tamén haberá polo medio, pero ao fin o que contan son os cartos: patria e Deus das burguesías, hoxe, mañá e sempre.  Os cartos e moi pouco máis. Se algo lle debemos respectar ás burguesías é a adherencia dogmática  a esa constante. Logo, cabe presupoñer a máis absoluta indiferenza a se ese mellor momento é de tal criticalidade que poida levarnos a tódolos demais á ruína.  A ruína allea non é problema maior, para ninguén, mesmo, pode ser unha oportunidade. O prioritario é o peto de cadaquén. Iso está claro. Logo, de rachar o Estado, cadaquén ha ter que defender os seus intereses e só os seus intereses. Non hai absolutamente máis nada que defender. Aos románticos da solidariedade infinita, que algúns aínda quedan, tal insinuación pódelles semellar unha mesquindade.  
 
Ademais dos riscos de natureza puramente egoísta (apañar o máximo posible, depredar), cabe recordar que non son poucos os divorcios nos que se pon notable empeño en deixar ao outro cónxuxe na ruína. Non estou a dicir que iso entre no cálculo do separatismo burgués catalán, que entra, pero, si, que o risco é real. Tan real como inasumible. De feito, desde algúns sectores de Cataluña, e xa con abondosos matices chulesco-fascistoides, os ataques á marca España xa hai tempo que son insidiosos e incesantes, cun marcado fedor á putridez que só pode emanar da perversidade da arrogancia e da altivez do narcisismo, con tódalas consecuencias sobre o investimento a o emprego que iso arrastra para o resto do Estado. Non é ningunha loucura  pensar que a forza da gula e da avaricia ocupe parcelas notables de espazos na conciencia das burguesías; o raro sería o contrario. Logo, cautela. Moita cautela e nunca esquecerse daquilo das augas revoltas nis da voracidade da insaciable pantera.   
 
Se o obxectivo da burguesía secesionista catalán fora só a independencia, non teriamos nada de que nos preocupar; a difamación e a calumnia perseguen outros obxectivos e labran outras consecuencias. E hai que ser moi inxenuos para non darse conta que detrás da constante de ataques á marca España xermola un elaborado deseño de colapso económico e social do Estado que lle facilite ás burguesías secesionistas un ámbito no que poidan lograr tódolos seus obxectivos: depredar e marchar. De seguir na senda da difamación e hipocrisía, sería de urxencia maior desprenderse de Cataluña mentres o Estado aínda pode fixar termos e condicións; ou sexa, os secesionistas terían que ser o resto do Estado.   O menor dos problemas é que Cataluña se vaia. O esencial, o fundamental para o progreso é a  seguridade xurídica e maila cohesión social. E o Estado non ha ter seguridade xurídica namentres non haxa unha Normativa legal que garante o dereito a decidir da maneira máis ordenada posible, sen vencedores nin vencidos, sen usurpadores nin víctimas; ou sexa, sen traizóns e sen saqueos. Porque nisto dos saqueos… Que eu saiba, a Cataluña non lle foi nada mal neste suposto Estado depredador. 
 
Na eventualidade dunha Normativa legal que regule o dereito a decidir, faise indispensable tamén regular, bilateralmente, –ou se cadra unilateralmente- (alomenos por uns anos) a actividade comercial das empresas e garantir que os impostos sobre ganancias vaia parar alí onde foron comercializados. Un exemplo: Fenosa. O accionariado pode ser todo madrileño, catalán, chino ou paraguaio -as accións son de seu dono, iso para min está claro-, pero a empresa utiliza os ríos galegos para producir á electricidade. Nin a un céntimo dos impostos sobre as ganancias resultantes da comercialización de electricidade producida en ríos galegos se lle pode permitir engordar arcas públicas alleas á función pública galega. Iso haino que ter moi en conta en caso de secesión dunha Comunidade, ou, mesmo, en caso dun pacto fiscal insolidario. Quen di Fenosa, di a  industria farmacéutica, química ou calquer outra. Se cadra é hora de preguntarnos que nos convén aos demais, esperar a que rematen o saqueo (si, o saqueo) ou pór as cousas no seu sitio?  Eu creo que o mellor é aclarar as cousas: dentro ou fóra, regular con rigor e xustiza, e cadaquén o seu. Non é moito pedir. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/