Xa é oficial: o aeroporto de Santiago toma o nome de Rosalía de Castro

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves o novo nome oficial da terminal compostelá de Lavacolla.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2020 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves o novo nome oficial da terminal compostelá de Lavacolla: Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, en honra á escritora galega do século XIX.

Pasaxeiros embarcan no aeroporto de Santiago
Pasaxeiros embarcan no aeroporto de Santiago | Fonte: Europa Press.

O cambio foi impulsado con Compostela Aberta á fronte do Consistorio da capital galega, no anterior mandato local, e posteriormente obtivo o apoio de todas as forzas políticas, como se evidenciou a través dunha iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento.

O acordo que publica este xoves o BOE certifica que o Concello de Santiago acordou solicitar ao Ministerio e a Aena o cambio de denominación para "pór de manifesto a relevancia da escritora máis representativa da lingua galega, con motivo do 180 aniversario do seu nacemento".

Coa denominación do aeroporto de Santiago co nome de Rosalía de Castro, reivindícase —engade o documento oficial— "a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia".

A orde, que subscribe o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, conclúe que os gastos derivados do cambio de denominación proposto serán sufragados polo Consorcio de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta