Móbiles, tablets, máscaras e outros produtos chegan aos hospitais en forma de doazón

Fixado o Venres Santo como día para que pechen os supermercados e descanse o persoal. Cepsa reabre máis de 250 tendas en gasolineiras para facilitar subministración de produtos de primeira necesidade. Patronais da construción de Galicia, Asturias yCastilla e León piden ao Goberno medidas urxentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2020 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Os hospitais galegos e ONG están a recibir doazóns de diversas empresas que facilitan produtos como móbiles, tablets, máscaras, sistemas de detección do virus, ou mesmo axudas económicas para afrontar a pandemia de coronavirus. 

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibiu este venres 20 tablets e cinco móbiles especiais para "potenciar a comunicación telemática por videoconferencia" entre pacientes illados por COVID-19 e as súas familias. A iniciativa veu da man de Rotary Club de Pontevedra e da funeraria San Marcos da mesma provincia. O obxectivo é "achegar unha nova alternativa de comunicación visual" e "mellorar a humanización da asistencia no actual escenario". 

Ademais, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) conta desde este venres cun equipo de PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa) para realizar probas de coronavirus que foi doado. Este sistema foi cedido polo Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), con sede en San Cibrao das Viñas, e será utilizado polo Servizo de Microbioloxía do CHUO para facilitar a detección do virus.

Pola súa banda Afundación preparou 19.000 máscaras e 3.500 pantallas faciais para "reforzar o material de seguridade" nesta epidemia. Este venres entregáronse 1.400 pantallas á Xunta; 300 máscaras e 100 pantallas a cada un dos corpos de Policía Local de Vigo e a Coruña; e 200 máscaras e 100 pantallas a cada unha das delegacións da Garda Civil en Pontevedra, A Coruña e Ourense.

As mostras de solidariedade están a chegar tamén en forma de material téxtil (camisetas, pantalóns, roupa interior, e calzado deportivo) para axudar a persoas que se atopan en situación de senfogarismo e que agora se hospedan no Palacio de Deportes de Riazor.

Un paciente pasea por un corredor acristalado do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. M. Dylan - Europa Press
Un paciente pasea por un corredor acristalado do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. M. Dylan - Europa Press

ATENCIÓN PSICOLÓXICA NOS HOSPITAIS

O servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Vigo puxo en marcha dous protocolos de actuación para reforzar e axilizar a atención á saúde mental de pacientes e familiares, así como dos profesionais sanitarios, durante a pandemia do coronavirus.

Segundo trasladaron fontes do Sergas, trátase de guías que teñen por obxecto falicitar e achegar a atención dos especialistas en saúde mental a estas persoas. Así, establécense canles directas de comunicación para que os profesionais de Atención Primaria e hospitalaria poidan realizar interconsultas ou consultas rápidas.

Para iso, habilitáronse teléfonos internos específicos, e unha nova caixa de correos de correo electrónico. Estas dúas vías de comunicación serán atendidas por dous equipos de psiquiatras e psicólogos clínicos de referencia, que se encargan de coordinar e canalizar as demandas de atención. Con respecto aos profesionais sanitarios, o protocolo inclúe o documento recentemente elaborado pola Sociedade Española de Psiquiatría para atallar os riscos psicolóxicos pola pandemia.

"Os profesionais sanitarios teñen que enfrontarse a diario a uns retos que poden xerar problemas psicolóxicos", apuntou o xefe do servizo de Psiquiatría, José Manuel Olivares, en referencia a situacións como o desbordamento da demanda asistencial, o temor ao risco de contraer a enfermidade, a incomodidade dos equipos de protección, o manexo da angustia das familias ou "dilemas éticos e morais".

PATRONAIS DA CONSTRUCIÓN 

As patronais da construción de Galicia, Asturias e Castela e León emitiron un comunicado conxunto a través do que piden ao Goberno un plan para o mantemento do emprego no sector, con medidas como a promoción de novas licitacións, o desbloqueo de licenzas e o acceso dos concellos ao seu remanente para financiar infraestruturas.

Os presidentes da Confederación Asturiana da Construción, CAC-Asprocon, Joel García; a Federación Galega da Construción, Diego Vázquez; e a Cámara de Contratistas de Castela e León, Enrique Pascual, mantiveron este venres unha reunión por videoconferencia para analizar a situación do sector nos seus territorios tras a declaración do estado de alarma e a posterior paralización da actividade nas obras.

Tras o encontro, os presidentes manifestaron "a enorme preocupación" das empresas e os traballadores polo alcance das medidas adoptadas nos últimos días, que consideran "especialmente prexudiciais" para o sector da construción. "A consecuencia inevitable vai ser a do peche da maior parte das PEMES e, ademais, de forma inmediata", avisan.

Ante esta situación, as patronais esixen a posta en marcha en marcha de maneira urxente dun plan que garanta o emprego mentres dura o estado de alarma e a paralización da actividade.

PECHE DE SUPERMERCADOS O VENRES SANTO

A Xunta establece o Venres Santo como día para que pechen os supermercados e demais establecementos de alimentación en Galicia co fin de que o persoal desta actividade esencial poida descansar durante esa xornada festiva.

Segundo informan fontes do Goberno galego, esta resolución para declarar como non hábil o 10 de marzo no sector da alimentación será publicada proximamente polo Diario Oficial de Galicia (DOG).

Esta medida tómase como forma de "agradecer" o traballo do persoal deste sector, tendo en conta que a Xunta decidira liberalizar o horario durante o tempo que dure o estado de alarma.

Precisamente, nos últimos días sindicatos chamaron á Xunta a non permitir a apertura de establecementos todos os días da Semana Santa en prol da "protección" dos traballadores e dado que o consideran "innecesario".

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, enviou unha carta aos conselleiros do ramo de toda España, na que recomenda manter e respectar a regulación de horarios comerciais fixada antes da entrada en vigor do estado de alarma polo Covid-19.

CEPSA REABRE 250 TENDAS DAS GASOLINEIRAS

Cepsa comezou a reabrir desde este venres máis de 250 tendas da súa rede de estacións de servizo para facilitar a subministración de produtos de primeira necesidade, como medida de apoio na actual crise polo coronavirus, informou a compañía. O grupo, que durante as últimas semanas continuou ofrecendo os seus produtos de tenda a través de portelo, puxo en marcha unha serie de medidas de seguridade para facilitar aos seus clientes a compra de bens de primeira necesidade.

Así, desde este venres e durante o fin de semana, a petroleira está a implementar novas medidas de hixiene e seguridade para protexer a saúde dos seus empregados e clientes, mediante a instalación de pantallas de metacrilato na zona de caixa, a sinalización da distancia de seguridade con adhesivos, así como facilitando xel hidroalcóholico e luvas aos clientes, e todos os EPIs que poidan necesitar os seus empregados (máscaras, luvas, etc.).

O grupo indicou que inicialmente identificou estas máis de 250 tendas situadas en estacións de servizo baixo a súa xestión en zonas nas que existe maior tránsito ou a operativa destes locais é básica para a poboación próxima. Adicionalmente, facilitou este material a outras máis de 100 estacións de servizo da súa rede para que tamén poidan instalalo.

Ademais, en función da dimensión de cada tenda, delimitouse o aforamento máximo de clientes que poden coincidir dentro do establecemento. En calquera caso, estes deberán manter unha distancia de seguridade entre eles de, polo menos, dous metros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta