#Nonnoscanceles: o sector cultural galego é trending topic pedindo axudas para poder manterse en pé

"Nós tamén somos traballadoras culturais. #Nonnoscanceles". Este é o alegato que moitas persoas do eido da cultural andan a espallar polas redes sociais para reivindicar medidas de apoio: "Fomos as primeiras en saír da escena e non queremos ser as últimas en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O sector cultural ergue a súa voz a través dunha campaña nas redes sociais baixo o cancelo #nonnoscanceles para esixir "medidas de compensación" nun contexto no que os traballadores e traballadoras culturais se atopan "sen ningunha garantía nin axuda específica" de cara ao futuro próximo. 

As actrices d'A Panadaría en apoio da campaña
As actrices d'A Panadaría en apoio da campaña | Fonte: Facebook A Panadaría

Fronte a esta situación de desamparo, son moitas as profesionais que están compartindo nos seus perfís de redes sociais un texto que leva por nome "O noso futuro non pode ser cancelado". Nel lembran que "a cultura tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro". A pesar diso, denuncian que todas as artes "están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade".

É por isto que o sector cultural reclama, segundo prosegue o escrito, o "coidado, o acompañamento e a compresión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude". Son moitas as profesións que sofren este "paro indefinido e sen apenas soporte a curto-medio prazo": actrices, bailarinas, músicas, iluminadoras, escenógrafas, figurinistas, caracterizadoras, directoras, dramaturgas, promotoras, produtoras, axencias de representación, persoal de limpeza, persoal de sala, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade... Noméanse no texto.

E advirten: "Fomos as primeiras en saír da escena e non queremos ser as últimas en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado". Deixando por diante que "sen cultura non hai país", este sector urxe, xa que logo, as políticas precisas para poder manterse en pé. Polo de agora, esta iniciativa en redes, que tivo o seu arranque en Portugal baixo o cancelo #MovimentoCancelado, consegue xa tendencia en Twitter a nivel estatal. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta