O BNG cuestiona ao Goberno central por recentralizar competencias durante o Estado de Alarma

Pontón reclama dar por acabado o curso, garantir as prazas das oposicións e eliminar taxas universitarias

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2020 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostivo que os datos apuntan a que hai que seguir prolongando o estado de alarma durante semanas, pero conveu que, unha cuestión é esa, e outra as medidas que se adopten dentro dos decretos. Así, mantivo a necesidade de que se valoren diferenzas entre territorios en función da situación na que se atopen.

En rolda de prensa, incidiu en que "o principal" é "salvagardar a saúde das persoas" e, por tanto, se non está "dobregada a curva", haberá que seguir tomando medidas. "E o primeiro é tomar as medidas necesarias, outra cousa é nas condicións en que se prolonguen o estado de alarma", sinalou.

Así, a dirixente nacionalista sinalou que é momento de "reformular" as medidas que "hai que adoptar" e que "non teñen que ser homoxéneas para todo o Estado". Ao fío diso, a portavoz nacional do Bloque cuestionou " a recentralización de competencias" e apostou por "recuperar a capacidade de actuación".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece en rolda de prensa este luns día 6 de abril, no medio da crise do coronavirus covid-19. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece en rolda de prensa este luns día 6 de abril, no medio da crise do coronavirus covid-19. BNG | Fonte: Europa Press

EDUCACIÓN

Tras manter un encontro co sector educativo, lanzou unha serie de propostas que, á súa entender, tamén deberían pasar por unha mesa con todos os integrantes do sector educativo coa Xunta. Entre as propostas, atópanse dar por finalizado o curso con data do 13 de marzo, garantir as prazas das oposicións convocadas para este ano, e eliminar taxas universitarias.

Máis en detalle, en rolda de prensa este luns non lectivo por coincidir co período de descanso de Semana Santa, Pontón explicou que a "fenda dixital" pode causar desigualdades para continuar coa avaliación de contidos no terceiro trimestre escolar, polo que considerou que se debe facilitar o paso de curso do alumnado, salvo algunha excepcionalidade que considere o profesorado, e retomar os contidos o curso 2020-2021.

Pontón, que considera a actuación da Xunta "errática" e "falta de decisión e liderado" á hora de afrontar a situación, apuntou que "é necesario saber que pasa co que falta de curso escolar, ter criterios claros, xustos e equitativos" e que "eviten decisións contraditorias" entre os centros. Por iso, reclamou unha mesa de diálogo con Anpas, sindicatos, representantes dos estudantes e toda a comunidade educativa.

A dirixente nacionalista alertou de que "nin o persoal educativo, nin o alumnado" estaban listos para "afrontar unha situación" como esta e incidiu na "clara fenda dixital" que existe, cun sistema "que non estaba preparado para o teletraballo". No rural, sumou a falta de alumnado que poida estar conectado por "falta de medios técnicos", o que "dificulta a aprendizaxe".

OPOSICIÓNS

Na súa intervención, Pontón tamén pediu aclarar todo o relativo ás oposicións, sobre o que lembrou que o pasado venres lle preguntou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia no Parlamento, pero obtivo "o silencio" por resposta. Así, esixiu "claridade" nunha decisión que lle corresponde ao Goberno autonómico adoptar, e despois de que outras comunidades xa especificasen as súas decisións.

A portavoz nacional do BNG recoñeceu que se trata dunha decisión "complexa" pero "importante" e incidiu en que "non se pode ter a tantas persoas sen darlles unha data". Así, reclamou a comparecencia da conselleira de Educación, Carmen Pomar, para que explique cales son as decisións da Xunta, como xa solicitaron de forma conxunta por escrito BNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea o pasado venres no Parlamento de Galicia.

Sobre as oposicións, a política nacionalista augurou que "parece difícil que en xuño" poida haber "grandes aglomeracións de persoas", polo que se se deciden atrasar as oposicións, pediu un "dobre" compromiso: "garantías de que se van a manter as prazas e a repartición" por especialidades e que, se se pospoñen a 2021, en función da taxa de reposición, se convoquen as prazas que xa se comprometeron e as novas pendentes.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta