Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2020 | Actualizada ás 19:41
A Xunta decidiu modificar a súa política informativa en relación as mortes dos usuarios de residencias de maiores. A pasada semana anunciaba que deixaba de facilitar o dato dos maiores vítimas de coronavirus nos hospitais galegos e que só daría o dato dos mortos nas residencias. Un cambio que foi duramente contestado polas asociacións de familiares, que chegaron a denunciar que se estaba "traficando" cos datos dos seus seres queridos, e tamén pola oposición que pediu transparencia a Feijóo.
Por iso, este martes, A Xunta anunciaba que, partir de agora, se centralizará na Consellería de Sanidade a información de cara aos medios de comunicación relacionada coa pandemia de coronavirus, tanto o total dos casos como os datos relativos a todos os centros residenciais da comunidade autónoma.
Deste xeito, a Consellería de Sanidade comunicará diariamente a través de nota de prensa o número global de casos de coronavirus detectados en centros residenciais, así como os falecementos dos seus usuarios, tanto os producidos no propio centro como os producidos nos hospitais e residencias integradas.
Nun xesto de transparencia, o Executivo galego tamén centralizará toda a información relativa ás catro residencias integradas que existen nestes momentos en Galicia (Os Milagros en Baños de Molgas, Porta do Camiño en Santiago de Compostela, DomusVi Cangas, neste concello, e DomusVi Barreiro, en Vigo) e ás que se poidan poñer en marcha no futuro.
"Tómase esta decisión para que os medios de comunicación poidan contar coa mesma información que ata o de agora pero estruturada dun xeito que facilite a súa organización e transmisión á opinión pública", recolle o comunicado remitido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.