"As descargas de pornografía infantil aumentaron un 25% no confinamento; paréceme aterrador"

Rosa Cobo, teórica feminista e socióloga, debulla o nesgo de clase e o nesgo de xénero que alberga nesta pandemia de coronavirus. Conta que se sabemos xogar ben as cartas, este é un espazo de posibilidades para abrir un novo mundo. "Como non colocar o feminismo no centro deste momento histórico?".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O seu pensamento está nestes días de confinamento coas mulleres que habitan mañá, tarde e noite cos seus agresores; coas que só teñen os bordeis para vivir ou coas que continúan traballando en precario. Rosa Cobo Bedía (Cantabria, 1956) é profesora de Socioloxía do Xénero na Universidade da Coruña (UDC) e preside a recentemente nada Rede Académica Internacional de Estudos sobre Prostitución e Pornografía. É autora, ademais e entre moitos outros, de La prostitución en el corazón del capitalismo (Catarata, 2017).

A socióloga Rosa Cobo Bedía
A socióloga Rosa Cobo Bedía | Fonte: EDITORIAL KATAKRAK

 

Ao longo da conversa dá datos que claman por cambio radical do modelo: o estado de alarma aumentou a actividade dos pedófilos e pederastas a través das redes sociais nun 25% en todo o estado dende que comezou o confinamento nos fogares. As cifras, recollidas nun informe da Policía Nacional, non deixan de baixar dende a última semana de marzo, cando as descargas foron de máis de 21.200. 

 

Cómpre, di Rosa Cobo, volver poñer a vida no centro do sistema. Cre que este é un momento oportuno para que os prostíbulos non volvan abrir; un tempo fundamental de visibilizar o horror da violencia contra as mulleres no interior das casas e un espazo de posibilidades se xogamos ben as cartas. Fronte a este panorama, "como non colocar o feminismo no centro deste momento histórico?".

A CLASE E O XÉNERO

Illarse na casa, deixar de traballar ou facelo a distancia non está ao alcance de todas as persoas. Xustamente atópanse en primeira fila moitas das persoas traballadoras máis precarizadas... Esta pandemia ten un nesgo de clase? 

Indubidablemente. Todas as situacións de crises afectan en maior medida a quen teñen posicións de desigualdade e/ou de vulnerabilidade social. As crises teñen efectos máis devastadores nos sectores máis precarios: as persoas que non teñen traballo ou quen o teñen de forma descontinua, quen viven de aluguer ou teñen unha hipoteca e están padecendo ERTEs... A lista é moi longa. Requírense políticas económicas que non teñan a mirada posta unicamente nos beneficios e si nas persoas. A vida das persoas debe ser a preocupación prioritaria do Estado e da sociedade. Espero que a xente comprenda á luz do que estamos a vivir que o mercado non ten as respostas á pandemia. Só o Estado está a dar respostas. E nos próximos tempos sería necesario que a sociedade se rearmase para adquirir certa capacidade de manobra e poder prescindir das dimensións máis criminais do mercado neoliberal.

Sabe tamén de xénero esta pandemia?

Si, as mulleres vense especialmente afectadas pola pandemia. Ao ser maioritariamente traballadoras precarias, mal pagas, maioría no traballo a tempo parcial, no mergullado e nos salarios de pobreza, será moito máis difícil para elas saír desta crise. Por outra banda, as mulleres que están sometidas á violencia patriarcal viven unha situación de horror, habitando cos seus agresores e sen poder saír. Os espazos pechados propician a impunidade; e a impunidade é unha fonte inesgotable de violencia para as mulleres. Ademais, o traballo gratuíto que realizan no fogar incrementouse ao estar todos os membros da familia na casa permanentemente. 

"Esta pandemia é un espazo de posibilidades se sabemos xogar as cartas que nos tocaron"

Este 8M poñía no centro o traballo silenciado das mulleres coidadoras. Hai tempo que se vén falando dunha crise dos coidados. Esta pandemia fíxoa máis evidente? Será a oportunidade para iniciar un cambio o sistema? Aproveitarémola?

Gustaríame moito dicirche que quizá se fagan transformacións, máis aínda, gustaríame dicirche que necesitamos imperativamente unha revolución que altere as estruturas patriarcais e as capitalistas, pero non estou segura. Dependerá da correlación de forzas. E vexo a esquerda á defensiva, non á ofensiva, e ao feminismo véxoo sen unha voz potente e dividido. Con todo, as situacións históricas non definidas, abertas, sempre son un territorio de loitas e de vindicaciones feministas. É un espazo de posibilidades se sabemos xogar as cartas que nos tocaron.

VIOLENCIAS DE XÉNERO

Son moitas as mulleres que agora quedan dobremente desprotexidas. Dicías en Twitter que estes días só pensabas naquelas que teñen que convivir mañá, tarde e noite cos seus maridos ou compañeiros agresores. Como pode afectar esta situación á loita contra a violencia de xénero?

A violencia de xénero é un problema de fondo que se tentou que sexa considerado un problema de estado. É verdadeiramente moi difícil acabar coa violencia contra as mulleres se non se poñen en funcionamento outros mecanismos políticos. Por exemplo, xoga un papel fundamental na súa erradicación a educación. Os nosos nenos e nenas deben recibir na escola mensaxes permanentes de igualdade. Ata que a coeducación non se aplique nos centros escolares, será difícil que a violencia contra as mulleres se reduza. Tamén se necesitan máis recursos ben xestionados e outra lexislación complementaria á xa existente:  as mulleres que queren saír da violencia deben atoparse con recursos públicos e con apoio da sociedade e do Estado.

 

"E como non pensar nas mulleres en situación de prostitución: este sería un momento oportuno para non volver abrir os bordeis"

 

En que situación deixa esta pandemia, por exemplo, ás mulleres prostitutas só teñen os seus bordeis para vivir? Estase pensando nelas?

E como non pensar nas mulleres en situación de prostitución: Vulnerables, desprotexidas, soas e sen asideros aos que agarrarse. Necesitan un lugar no que quedar a durmir e alimentos. Sábese que todo o diñeiro que obteñen vai parar aos petos dos donos dos bordeis e pisos. Por iso, este sería un momento oportuno para non volver abrir os bordeis e para pechar definitivamente os pisos. Neste momento deberíanse facer unhas potentes políticas públicas que acompañasen o peche dos lugares de prostitución. A sociedade non pode nin debe deixar a estas mulleres na intemperie. 

O CONSUMO DA PORNOGRAFÍA, EN AUMENTO

"Nestes días de confinamento as descargas de pornografía infantil aumentaron un 25%"

Hai varias noticias relacionadas co aumento do consumo de pornografía durante o confinamento. Algunhas plataformas mesmo liberaron contido para este tempo. Que significado ten todo isto? Que reflexións podemos extraer?

O alto consumo de pornografía é unha realidade alarmante para a sociedade, sobre todo porque o porno encerra un discurso de exaltación da violencia contra as mulleres inimaxinable hai unhas poucas décadas. A pornografía é quizá un dos maiores golpes que recibiu a liberdade sexual. É un dispositivo que difunde a misoxinia. Na pornografía as mulleres son o insignificante, o irrelevante, só son corpos que carecen de subxectividade, de desexos, de intereses, de necesidades. Un dos problemas fundamentais da pornografía é que creceu no corazón do capitalismo. De feito, os intentos dos donos das produtoras e distribuidoras de pornografía é que se entenda o porno como parte da industria do lecer e do entretemento e mesmo como unha actividade cultural. O impacto que ten a pornografía sobre a nosa adolescencia verase con máis claridade nos próximos anos, pero, sen dúbida, os estudos que se realizaron mostran que a pornografía inflúe nas relacións sexuais entre mozos e mozas, homes e mulleres. Nestes días de confinamento as descargas de pornografía infantil aumentaron un 25%. Agora que estou a investigar a fondo sobre pornografía paréceme un fenómeno aterrador.

 

PARA O FUTURO

Que deberiamos aprender desta pandemia?

Deberiamos aprender que os seres humanos somos vulnerables e que debemos reconstruír a sociedade pondo a nosa vida no centro do sistema e desprazando a economía a un lugar secundario. A vida é o valor fundamental e os demais deben subordinarse a este.

 

"Este momento é fundamental para visibilizar o horror que é a violencia contra as mulleres no interior das casas"

Que supoñerá esta pandemia no feminismo?

Non se pode saber con claridade, pero si está a reaparecer esa idea de que este non é o momento adecuado para as vindicacións feministas. E creo que é un enorme erro desaproveitar este momento histórico para que se oian as nosas voces. Este momento é fundamental para identificar e visibilizar o horror que é a violencia contra as mulleres no interior das casas. E tamén é fundamental entender que as nosas vindicacións políticas non poden deterse pola mesma razón que non se deteñen outras reivindicacións. É posible que se atope aceptable que a cuestión ecoloxista é politicamente crucial neste momento e non o é a feminista? O feminismo fala de mulleres que carecen de dereitos humanos en moitas partes do mundo, de mulleres que son obxecto de formas distintas de violencia; de mulleres ás que se lles nega a autonomía. Como non colocar o feminismo no centro deste momento histórico? Como renunciar a facer política feminista?

Hai algo máis que che gustaría comentar?

 

Preocúpanme moito as tensións que existen no feminismo. Xa sei que forman parte da nosa historia, sobre todo a partir do século XX, pero paréceme que neste momento debemos tender pontes entre nós porque quizá nos tenten colocar de novo á ofensiva e tenten borrarnos como suxeito político.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riuriu

Recordemos que hizo Yoly la ministra de trabajo con dos militantes que denunciaron la existencia de videos pedófilos en la sede