A Xerencia de Santiago rescinde contratos de sanitarias "porque sobra xente": "Xa vos chamaremos"

O sindicato PROSAGAP sinala que as prórrogas asignadas a enfermeiras eventuais ían do 16 ao 30 de abril e que o pasado día 15 do mesmo mes, a xerencia rescindiu as renovacións de maneira “unilateral”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/04/2020 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A entidade de enfermaría PROSAGAP denuncia á Xerencia de Santiago por proceder de maneira unilateral e rescindir as prórrogas dos contratos de enfermeiras eventuais. O motivo dado pola Xerencia é que “agora mesmo sobra xente, mais non descartamos que vos chamemos de aquí a uns días”.

Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital
Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital | Fonte: médicos e enfermeiros

A maioría das enfermeiras eventuais contratadas na área de Santiago traballaban en plantas onde estaban ingresadas persoas coa COVID-19. As contratacións que asinaran coa Xerencia tiñan asinado nos seus contratos unha prórroga que ía do 16 ao 30 de abril. Non obstante, o pasado día 15 do mesmo mes, foilles comunicada a rescisión de “xeito unilateral” das súas prórrogas.

PROSAGAP engade ademais que a esta rescisión se lle suma a desaparicion da prórroga dos expedientes das enfermeiras. Para o sindicato sanitario esta acción supón un abuso e un desprezo polas profesionais que estiveron “en primeira liña” expoñéndose día a día. Ademais, a Xerencia deixa “ás claras a falta de planificación” coa que traballa a xerente e o seu equipo mediante unha “perversa e nefasta” xestión a respecto dos e das traballadoras da sanidade.

A rescisión de contratos e prórrogas é vista por PROSGAP como un “despropósito e temeridade”  porque se está a prescindir destas traballadoras nun momento de total incerteza, “cando nin os expertos se poñen de acordo sobre a evolución da pandemia”. Por iso acusan á Xerencia de querer desmantelar a organización e a rutina de traballo que levou tempo establecer e que agora mesmo funciona “de xeito eficiente”.

Desde o sindicato insisten en que é necesaria unha política de emprego que protexa e facilite o labor dos traballadores e traballadoras da sanidade pública. “Só con persoal estable, motivado e dotado dos medios de prevención necesarios”  se pode frear esta pandemia. Por último, insta á administración a mellorar o seu trato ás contratacións eventuais se se quere seguir coidando e controlando a COVID-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta