Técnicos educativos acusan á Xunta de “temeridade extrema” por envialos ás residencias “sen experiencia”

A Asociación de Auxiliares Técnicas/os Educativas/os de alumnado con Necesidades Educativas Especiais de Galicia critica duramente a decisión do Goberno galego de mobilizalos para traballar nos principais focos de contaxio en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/04/2020 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A Asociación de Auxiliares Técnicas/os Educativas/os de alumnado con Necesidades Educativas Especiais de Galicia (ASATE) denuncia que non teñen “ningún tipo de experiencia nin titulación específica” para desenvolver o seu traballo en residencias de maiores intervidas polo contaxio masivo de maiores con COVID-19.

Persoal educativo da Xunta traballando nun comedor escolar
Persoal educativo da Xunta traballando nun comedor escolar | Fonte: Xunta.gal

Hai dez días, a Consellería de Educación puxo a disposición de Política Social este persoal para traballar nos centros de maiores. “Descoñecemos por completo as características e o funcionamento deste tipo de centros, así coma os protocolos básicos ou manexo de equipos de protección”, di a entidade. “Si nunha situación de normalidade xa non sería admisible polo risco que conlevaría tanto para as persoas que atenden como para os maiores que son atendidos, na situación crítica que se está dando neste intre supón canto menos unha actuación temeraria e irresponsable”, asegura.

Por iso, din que é unha “temeridade extrema” envialos “aos focos de maior risco da pandemia onde calquera erro motivado por esta falla de coñecementos e formación axeitada podería ter consecuencias nefastas”. Neste sentido, o colectivo lembra que non ten formación específica en coidados de enfermaría nin en atención a persoas dependentes en institucións sociais, como si posúen outros colectivos profesionais aos que a Xunta de Galicia “non parece que teña interese en contratar”.

Neste sentido, pídenlle a Educación que faga públicas as listas de contratación que se elaboraron de xeito excepcional por mor do coronavirus e os criterios que se seguiron para confeccionar as mesmas. Todo o persoal susceptible de ser chamado para incorporarse a postos distintos do propio e dunha Consellería allea, debe estar informado do lugar que ocupa nesa listaxe, polo que non é comprensible o escurantismo co que se está a realizar esta xestión”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pilita

Esto non pode ser, teñen q mandar personal sanitario do sergas a estas Residencias, son persoas, coma nos , pidolle goberno da Xunta, faga hospitalillos dentro destas Residencias.