Galicia alcanza as 515 vítimas mortais co falecemento de once persoas este sábado

Os casos positivos suman 120 máis ata chegar aos 6.824. Rexístranse tamén 53 altas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2020 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

Outras tres mortes rexistradas nas últimas horas en hospitais galegos elevan a 515 as vítimas mortais que se cobrou en Galicia a crise sanitaria do coronavirus.

Fontes sanitarias informan de que faleceron unha muller de 88 anos e un home de 92 que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e unha muller de 95 que estaba ingresada no tamén centro de vigués de Povisa. Todos eles tiñan patoloxías previas.

Tamén nesta xornada, Sanidade informou de tres mortes en hospitais galegos: dúas mulleres de 90 e 83 anos, respectivamente, que estaban ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e un home de 92 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Todos tiñan tamén patoloxías previas.

Coa última actualización, o número de falecidos en atención hospitalaria ascende a 394, entre os que está unha persoa que recibía atención hospitalaria no seu domicilio.

Por áreas, rexistráronse 111 mortes na área sanitaria da Coruña, 79 na área de Vigo, 79 na área sanitaria de Ourense, 62 mortes na área sanitaria de Santiago, 23 na área de Ferrol, 25 na área de Lugo e 15 na área sanitaria de Pontevedra.

RESIDENCIAS

En canto aos falecidos en residencias, Sanidade informou este sábado de que sobe de 116 a 121 o número de falecementos rexistrados dentro dos centros xeriátricos.

En concreto, informou de cinco mortes este sábado: unha na residencia Concepción Arenal (A Coruña), unha de DomusVi Matogrande (A Coruña), unha do centro residencial Portazgo (A Coruña), unha da residencia As Fragas (Pontedeume) e unha de DomusVi Cangas. En total, o número de falecidos en centros xeriátricos elévase, así, a 121, fronte aos 116 que se contabilizaban na pasada xornada.

Mentres, concretou que ascenden de 113 a 116 as persoas vinculadas a centros residenciais que morreron en hospitais ou residencias integradas.

Con este balance, o número de persoas vinculadas con estes centros que faleceu en Galicia polo COVID é de 237, un 46,2% do total de vítimas mortais do coronavirus rexistrados na comunidade.

Desde que empezou a pandemia, morreron 22 maiores dentro do centro DomusVi de San Lázaro, 20 no DomusVi de Cangas, outros 20 na residencia A nosa Señora da Esperanza, 11 na DomusVi do barrio vigués de Barreiro, e 5 na residencia Moledo (Vigo).

Tamén se produciron 9 no Portazgo (A Coruña), un no Fogar Bellolar, outro na residencia de Castro Caldelas, 7 en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), cinco na DomusVi Matogrande (A Coruña), tres na Santa Teresa de Jornet (A Coruña), un na Caser A Zapateira (Culleredo), un en San Carlos de Celanova, dous na residencia Divino Mestre (Ourense), 3 na residencia San Pedro de Crecente, tres nas Fragas de Pontedeume.

Sanitario co E.P.I. © Miguel Nuñez
Sanitario co E.P.I. © Miguel Nuñez

Finalmente, faleceu tamén un usuario na residencia de Bande, un na de Foz, outro na nosa Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras), dúas na residencia DomusVi Concepción Areal da Coruña, un residente no centro San José de Ourense, e outro na Fundación José Otero de Santiago.

120 POSITIVOS MÁIS

Os casos de coronavirus en Galicia aumentan ata os 6.824, son 120 diagnósticos máis que os rexistrados o venres. Ao mesmo tempo tamén crecen as altas ata as 1.783 (+53) e as persoas ingresadas na UCI chegan ás 90 (+3).

Segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o incremento rexistrado este sábado é do 1,79% no número de casos activos, do 3% respecto das persoas dadas de alta e do 3,45% en canto ás persoas ingresadas na UCI.

Ademais, as áreas sanitarias contemplan unha distribución diferente en todo o territorio galego. A área da Coruña é a máis afectada con 1.629 casos activos, séguelle Ourense con 1.299, Vigo con 1.211, Lugo con 662, Pontevedra con 568 e Ferrol con 400.

Por outra banda, Sanidade tamén precisou o tipo de atención que están a recibir os pacientes con coronavirus. 90 permanecen ingresados na UCI, 495 en unidades de hospitalización e 6.239 son atendidos nos seus domicilios.

Ata agora 1.783 persoas puideron recibir a alta, 53 nas últimas 24 horas e a Consellería explicou que en Galicia se realizaron 82.993 PCR para detectar o virus.

INFECTADOS NAS RESIDENCIAS DE MAIORES

As residencias de maiores suman 25 persoas máis curadas e iso provoca que o número de persoas afectadas caia ata os 776 usuarios. Ao mesmo tempo tamén se recuperaron traballadores destas instalacións, 11 de centros para a terceira idade e tres de Centros de Atención para Persoas con Discapacidade (CAPD).

Desta maneira continúa a tendencia á baixa nas residencias de maiores que estes días rexistrou máis altas que novos contaxios, segundo explicou este sábado a Consellería de Sanidade.

O centro da nosa Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras) é no que se deron o maior número de altas desde o venres, un total de 12. Tamén se curaron outros residentes da DomusVi San Lázaro (3), O Portazgo (3), Nosa Señora do Carme en Fisterra (2), un en Bellasol de Oleiros, outro en Melide, outro en Chantada, outro en Foz e outro na residencia de Betania, Viveiro.

Os casos activos entre os traballadores tamén descenderon debido á recuperación de 6 empregados da DomusVi San Lázaro, dúas en San Pedro de Crecente, un da nosa Señora de Fátima, outro do Casón (Moeche, A Coruña) e outro da Miragrosa de Lugo. Isto deixa a cifra de persoal afectado nos 289.

FOCOS DE CORONAVIRUS

Mentres tanto, os casos activos permanecen maioritariamente na DomusVi de Cangas con 87 afectados, na residencia A nosa Señora da Esperanza de Ourense, con 73; en DomusVi Barreiro con 70; DomusVi San Lázaro con 53 e Santa Teresa Jornet da Coruña con 57.

Outras instalacións con alto número de contaxiados son Remanso Claudina-Somoza da Coruña (42), DomusVi Matogrande (44), O Portazgo (34), Fundación San José Hermanitas de Ourense (38), San Pedro de Crecente (33), A nosa Señora de Fátima (32) e Galisenior de Ourense (31).

Os traballadores destas residencias que padecen o virus descenden tamén a 289 e A nosa Señora da Esperanza de Ourense aínda é o maior foco de infectados, cun total de 29. Mentres tanto, tamén contan cunha gran porcentaxe de infectados os persoais de Divino Maestro de Ourense (17), DomusVi San Lázaro (11), A nosa Señora de Fátima (19) e DomusVi Cangas (16).

DISCAPACIDADE

Pola súa banda, os CAPD rexistraron a alta de tres persoas que traballaban nestas instalacións. Dous no CAPD de Redondela e unha no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física de Ferrol (Imserso), o que supón un descenso no número total de empregados afectados ata os 54.

Os usuarios que padecen esta enfermidade rexistran un caso máis que a xornada pasada, con 99 casos activos, a maioría no CAPD Redondela (36), en CAPD A Coruña (26), en DomusVi Bóveda (17).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Gamela

Vigo repunta... e as causas son evidentes ! agás para os gobernantes que semellan estar a outra cousa dende as pantallas de televisión... Decretos Estúpidos a fartar ! https://vigohoy.es/el-area-de-vigo-...

1 Ana

Sentimos moito a morte desas persoas pero nada xustifica o recorte de liberdades ao que estamos asistindo (a nivel global e en España en especial), asi como a ruina económica. Bastaba con confinar nas suas casas as persoas de risco mentras se creaba a "inmunidade de rebaño" e pasado un tempo o virus desaparecia. Agora temos confinamento, ruina económica e ainda falta a vacuna. O que si esta a quedar claro e o fracaso da xestion centralizada e que cada vez mais xente deixa de informarse polos medios tradicionais.

1 asarboresdafraga

Ana, ningún estudo dos feitos ata agora, tanto en Europa como na China ou USA ten amosado a existencia da inmunidades de rebaño, cos datos de hoxendia ninguén pode afirmar que os anticorpos das persoas que pasaron a doenza sexan neutralizantes e os libren dunha segunda infección. Esto é moito máis complexo do que se poda imaxinar. Por favor non sexades tan gratuitos nas vosas formulacións. Boa tarde.

2 Gamela

Pois seguir encerrados medio verán, para volver encerrarnos en novembro outra vez (e daquela xa non imos saber se é gripe ou covid19) vai ter moita gracia... Levar o Estado á ruína económica e social (mentras media Europa anda pola rúa sen policías no cú, e fai deporte con coidados, e pode mollar os pés nas praias sen poñer en perigo a ninguén...) Pero aquí o único que temos é unha pandilla de ineptos AMARRADOS AO PODER que lle confire o Estado de Alarma (que votan todos con moita alegría ! UPG tamén!)