Corazón de ametista

Dentro das fascinantes teorías sobre o significado das cores, as virtudes correspondentes á cor ametista son talvez as que máis acaen á crise actual.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 26/04/2020

Comparte esta noticia

A pedra preciosa chamada ametista, de tonalidades lilas, púrpuras e violetas, din que proporciona algúns dos efectos que máis precisamos agora e no futuro próximo:

1. é chamada “pedra do sentimento”, por axudar nos procesos de loito
2. trata o estrés e a depresión
3. é o cristal da meditación, e trae a captación e eliminación dos nosos problemas máis profundos
5. disipa a ira
5. fomenta o abandono de vicios
6. axuda a encontrar os talentos interiores
7. propicia a toma de decisións e a creatividade
8. agudiza o poder espiritual e a intuición
9. favorece o crecemento das plantas
10.atrae o amor

¿Quen dá máis? Se podemos chegar a ter unha ou varias destas bendicións, estaremos mellor preparados para afrontar os retos neste ano 2020 que lanza invisibles e feroces retos por enriba de nós.

Ametista, pedra preciosa
Ametista, pedra preciosa | Fonte: amazon

No plano persoal, esta cor téñoa asociada a tres recordos. O primeiro é o das ametistas que amosaba no seu escaparate unha farmacia situada nos anos setenta na esquina inferior esquerda da Praza da Virgen Blanca en Vitoria-Gasteiz. Eran como as obras de Jules Verne que eu adoraba nese tempo da infancia, entre as cales figura “A estrela do sur” - escrita polo mestre de Nantes xunto con Pascal Grousset – que narra a historia dun diamante.

A segunda lembranza é a dos domingos desa mesma época, cando os bancos da igrexa se enchían de serenas mulleres de pelo gris converxente en lila que seguían a misa con devoción na parroquia de Santa María de los Ángeles, tamén na capital vasca.

Por último, e xa en Galicia, recordo un encontro co escritor Antón Riveiro Coello na súa casa. Contoume que, de mozo en Xinzo de Limia, a súa paixón musical era o grupo Deep Purple, e el mesmo era guitarrista de rock como Ritchie Blackmore. Veñen á mente a bruma purpúrea de Jimi Hendrix e a chuvia púrpura de Prince. Antón está a punto de publicar unha novela da cal soamente coñecemos o título: “O paraíso dos inocentes”. Tendo en conta a calidade do autor, este libro é unha fonte de esperanza, unha das ilusións potentes que temos que  gardar para cando chegue a nova normalidade.

Moita sorte para todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".