Perruquerías e unha pequena parte do comercio galego comezan abrir

Comerciantes din que a cita previa dificulta a funcionalidade

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/05/2020 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

Perruquerías e unha pequena parte do comercio galego comezou a abrir este luns con cita previa, aínda que con case "nulas" vendas os segundos, mentres a maioría opta por esperar ata o día 11 de maio, cando se inicie a fase 1 da desescalada e haxa unha maior flexibilización das condicións de apertura.

Así o trasladan diferentes asociacións de comercio e tendas. O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, apunta que a cita previa dificulta a funcionalidade, cunha normativa "moi confusa" e que se deu a coñecer a última hora do domingo no Boletín Oficial do Estado (BOE), ao que se une a falta de equipos de protección individual (EPI).

Un empregado da barbaría Rockabilly Memphis, aberta durante o día 51 do estado de alarma, peitea o pelo a un cliente
Un empregado da barbaría Rockabilly Memphis, aberta durante o día 51 do estado de alarma, peitea o pelo a un cliente | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Polo momento, están operativos algúns establecementos que xa empregaban no pasado o sistema de cita previa como perruquerías ou ópticas, aos que se suman outros como librarías, pero onde o cliente só pasa a recoller pedidos. Todos baixo a norma de atender a un único usuario por cada traballador.

Seijas sinala que os que optan por abrir neste primeiro día da fase cero fano para limpar, preparar medidas de seguridade e hixiene, así como facer tarefas de almacén. Máis aló das citas en locais como perruquerías.

Con todo, espera que a partir do día 11 "se empece a normalizar a venda" coa apertura de tendas sen cita previa, xa que agora os gastos "son os mesmos" para os establecementos, pero sen ingresos. Pon o foco sobre a incerteza, porque "non se sabe se os traballadores teñen que levar máscara ou non, se os clientes teñen que levar máscara ou non...".

ESCASAS APERTURAS

Só un 20% dos comercios de proximidade abriu as súas portas este luns en España dentro da fase cero do plan de desescalada do Goberno, un 50% das perruquerías e un 3% dos establecementos de hostalaría, segundo indicou o presidente da asociación de autónomos ATA, Lorenzo Amor.

En Santiago, o presidente da asociación de Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey, apunta que "a maioría" de comercios están pechados porque as medidas foron "moi precipitadas".

De feito, o alcalde da capital de Galicia, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, asegurou que esta semana só haberá aperturas "puntuais" de tendas, mentres agarda que sexan "bastante xeneralizadas" a partir do día 11.

Por parte do Centro Comercial Aberto Ourense Centro explícase que tamén se espera que a maior parte de aperturas sexa desde o 11 de maio. Mentres tanto, tan só algún pequeno establecemento está operativo "facendo provisión". "Abrir hoxe era dífícil porque non se sabía con que características se podería abrir", pois "non houbo marxe de seguridade" ao coñecerse o BOE ao fío da medianoite.

A presidenta Asociación Comercial Distrito de Oza (A Coruña), Andrea Pérez, tamén prevé que os comercios abran de forma xeneralizada o 11, xa que se pregunta como de viable é para unha ferraxaría ou un bazar funcionar con cita previa. Aínda que varias tendas se expoñen implementar sistemas de compras en liña, expón as dificultades e os investimentos necesarios para que sexa viable.

O xerente do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, Yonathan Carreira, cifra en tan só un 25% os locais abertos no municipio este luns, como o caso de perruquerías con cita e algunha tenda de moda con compras "residuais", aínda que neste último caso se adopten medidas como: biombos no mostrador, guías no chan para gardar distancias de seguridade e a desinfección en almacén da roupa que se proba.

Carreira lamenta que o Concello de Marín non facilitase os EPI necesarios, polo que a propia asociación de comerciantes espera facer chegar a partir do martes a tendas xeles, luvas e máscaras.

Entre os establecementos de maior contacto co público atópanse os fisioterapeutas. E Ana Martínez, do centro Aiga Fisioterapia de Lugo, relata que no seu caso decidiu non abrir por agora, xa que moitos dos seus pacientes "son persoas de risco". De feito, non se marca unha data para a volta ata "dar as máximas garantías".

OS QUE ABREN

Entre os establecementos que retoman actividade este luns atópase a libraría Komic, en Santiago de Compostela, que funciona con cita previa e en franxas horarias determinadas. O seu propietario, Xosé Barreiro, conta que ao longo da mañá xa se achegaron "clientes de toda a vida" a recoller pedidos que tiñan encargados.

Agradece a resposta da clientela que estivo "mesmo nos momentos máis crus da crise". Funcionan a través de chamadas telefónicas, mail e a súa páxina de Facebook. Seguen protocolos de atención de un en un e estase á espera da instalación dunha pantalla de separación no mostrador.

Precisamente, Kómic cumprirá o martes 33 anos, pero descarta entrar no mercado de venda en liña, xa que teñen unha "pequena capacidade loxística" e iso iría contra os seus "principios", pois non lles permitiría ofrecer un servizo "de calidade". A actual situación tamén provoca que "non hai stocks" e "é complicado" contar con todo o catálogo de novidades e fondos habituais.

Tamén na capital de Galicia, un dos que optou por subir a persiana é a tenda de roupa Who Killed Bambi?, aínda que por agora "non hai movemento", só "xente que veu recoller algún pedido en liña". Todo iso, a falta de coñecer os protocolos cos que se terá que abrir de forma obrigatoria na fase 1 de desescalada a partir do 11 de maio.

PERRUQUERÍAS

As perruquerías galegas retomaron a súa actividade este luns no marco do comezo da fase 0 de desescalada con listas de espera de varios días e aplicaron unha redución do número de empregados para garantir o mantemento da distancia de seguridade entre eles.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o presidente da Federación de empresarios da Perruquería e Estética de Galicia (Fepega), Jesús Sáinz, quen detallou que os establecementos galegos, que durante esta fase só poderán atender a clientes con cita previa, teñen a súa axenda practicamente chea, polo menos, ata este xoves.

A ese respecto, sinalou que esta situación foi motivada polos protocolos de desinfección que levan a cabo tras atender a cada cliente e o feito de que cada profesional só poida dar servizo a un á vez. De feito, apuntou que o tempo destinado a cada persoa incrementouse ao redor de "media hora".

O presidente da federación galega de perruquerías tamén indicou que a dificultade para manter a distancia de seguridade entre os profesionais en establecementos levou que estes se abriron cun menor número de empregados. Así, concretou que no seu local de Vigo reduciu o persoal en torno ao 75%, ademais de modificar os seus horarios para garantir o mantemento da distancia regulamentaria de seguridade.

Nese sentido, a portavoz da Asociación de Empresarios de Perruquería e Estética da provincia de Lugo, Míriam Pérez, sinalou que diminuíu nun 30% o persoal do seu salón de beleza de Lugo. Ademais, apuntou que o seu local acumula unha lista de espera de dúas semanas, unha situación que asegurou que tivo lugar nos distintos locais da provincia.

MEDIDAS DE SEGURIDADE

Ademais, o presidente da federación autonómica detallou que varios establecementos tiveron que colocar biombos e incrementar o espazo entre as cadeiras de brazos nos que se atende a clientes para garantir o mantemento do espazo recomendado entre eles. Con todo, no seu establecemento de Vigo non foi preciso adoptar estas medidas dado que conta con cabinas individualizadas.

A portavoz da asociación provincial de Lugo concretou que optou pola vaporización de ozono no seu establecemento, onde remarcou que se desinfecta o calzado dos clientes e se traballa con equipos de protección individual. Ademais, a atención a colectivos vulnerables lévase a cabo nunha sala diferenciada e de modo individual.

O presidente da Asociación provincial de Perruquería e Estética de Pontevedra (APEP), Marcos G. Atrio, resaltou que a necesidade de gardar distancias de seguridade e limpar os produtos e habitáculos utilizados despois de cada servizo leva que "non se poida traballar con tanto volume como se quere", o que afecta á facturación. Este profesional que reabriu o seu local en Redondela este luns explicou que conta con lista de espera ata este xoves.

Con todo, indicou que varias perruquerías da provincia non retomaron a súa actividade por carecer de material desbotable ou non terminar as obras de adaptación do seu local para respectar a normativa de seguridade. Así, apuntou que se espera que os establecementos que non abriran as súas portas este luns o fagan nos próximos días.

Nese sentido, o presidente da asociación da provincia de Pontevedra sinalou que se dispón de máscaras, aínda que explicou que o feito de que sexa preciso entregarlle estes produtos aos clientes que acudan ao local sen eles aumenta a necesidade delas. Mentres, criticou que o prezo doutro tipo de material de protección, como batas desbotables, sexa elevado.

Sobre ese punto, o presidente de Fepega constatou que se dispón das suficientes máscaras e capas, pero advertiu de que aínda se carece de monos desbotables para os profesionais e fundas dun só uso para cubrir a roupa dos clientes que non permanece posta durante o servizo, como abrigos. No entanto, incidiu en que se garante a seguridade destas persoas e os empregados mediante a adopción de medidas hixiénico-sanitarias nas perruquerías.

PROTOCOLOS ESTABLECIDOS

En canto aos protocolos de seguridade establecidos, Jesús Sáinz reprobou que se dilatou a súa publicación ata os últimos días, xa que supuxo que non se dispuxese de información sobre o material de protección preciso para estes locais con antelación. Tamén o presidente da Asociación provincial de Perruquería e Estética de Pontevedra (APEP) e a súa homóloga en Lugo lamentaron esta situación.

Mentres, este tres profesionais destacaron o traballo realizado desde o sector a nivel estatal e autonómico para anticipar as necesidades de material para a reapertura con antelación. En concreto, estas entidades elaboraron guías de recomendacións hixiénico-sanitarias para salóns de perruquería consensuadas con médicos e biólogos.

Ademais, o presidente da federación galega sinalou que os protocolos publicados nos últimos días pola Xunta e o Goberno para estes establecementos contemplan aspectos moi similares aos incluídos nos documentos editados pola entidade que preside e a Plataforma Perruqueiros Unidos España (PPUE) nas últimas semanas.

En concreto, a guía 'Prevención e saúde laboral ante o coronavirus' da Xunta para perruquerías remarcou a necesidade de que os empregados non acudan ao traballo se presentan síntomas respiratorios ou estiveron en contacto con algún infectado, así como de priorizar os desprazamentos individuais.

En canto ás medidas que se deben adoptar nestes establecementos, subliñouse a importancia de manter dous metros de distancia entre as persoas, para o que tamén se avogou pola reorganización das quendas de traballo. O Goberno central sinalou así mesmo a necesidade de marcar horarios de atención espefíficos para persoas maiores.

Na guía da Xunta tamén se indicou que se deben deixar postos baleiros entre clientes nas zonas de tocadores e de lavado de cabezas, ademais de instalarse pantallas de separación ou sinalar as distancias de seguridade con adhesivos ou postes.

Do mesmo xeito, resaltouse a importancia de retirar revistas ou outros artigos que poidan ser manipulados por distintas persoas e afirmouse que cada empregado debe contar co seu propio material de traballo. Tamén se incidiu na importancia de intensificar a limpeza do establecemento e a roupa de traballo, así como en que esta última non se utilice fóra do local.

Ademais, chamouse a priorizar o uso de batas e capas desbotables para os clientes e recomendouse que os profesionais porten máscaras e luvas durante os seus labores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta