Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 16:31
O estado de alarma deixara paralizados un total de 975 proxectos industriais ao longo de todo o país. Porén, o Consello da Xunta deste pasado xoves, 30 de abril, aprobou reactivar a tramitación administrativa de todos estes proxectos. Xa logo, a Xunta de Galicia ditou unha Orde, publicada no DOG desde este mesmo 4 de maio, pola que comezan a correr os prazos de exposición pública destes proxectos industriais "de grande impacto". "Coa poboación aínda confinada e sen poder desenvolver as súas actividades de forma normalizada", denuncian un conxunto de asociacións que veñen de emitir un escrito de protesta.
Todas elas lanzan unha "alerta ambiental" por tratarse de proxectos "especialmente sensibles e controvertidos" que xeran un gran "rexeitamento social" polas súas características "pouco respectuosas" co territorio e polo seu "gran impacto ambiental, social e económico", denuncian no escrito, asinado por un total de 31 colectivos promotores. A Orde ditada polo Goberno galego inclúe a reactivación de proxectos de vertedoiros, plantas de xestión de residuos, parques eólicos e subsestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases invernadoiros...
Detrás deles "están medianas e grandes empresas, moitas veces foráneas, que pretenden facer un gran negocio cos recursos da nosa terra e que actuan unicamente en beneficio propio sen ter en conta as persoas e as contornas afectadas", informan as entidades asinantes, entre elas ADEGA, ContraMINAacción, Sindicato Labrego Galego ou a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ LIMITADA POLO ESTADO DE ALARMA
O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 2020, polo que foi declarado o Estado de alarma, estableceu con carácter xeral a suspensión dos termos e dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Só contempla, como forma excepcional, que se poidan acordar, mediante resolución motivada, a continuación daqueles trámites que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.
Da mesma maneira, o Estado de alarma impide que cidadanía se poida reunir, organizar en asembleas ou actos informativos e moverse dentro do territorio... Por iso mesmo, os colectivos que se sitúan en contra desta Orde denuncian que a Xunta aproveita esta situación de "indefensión" da poboación para sacar adiante case 1000 proxectos industriais "controvertidos": "Afrontar un informe de impacto ambiental destes proxectos en colectivos veciñais e en condicións para contrastar toda a información resulta imposible nestes momentos".
"O Goberno do PP vai seguir dándolle curso e facilidades a todos eses proxectos de grande impacto e contaminantes; proxectos que organizacións cidadás e veciñanza seguimos con atención para que se realicen con garantías, denunciando as ilegalidades e avogando polo ben común", advirten os colectivos ecoloxistas, que sinalan directamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por tratar de deixar a cidadanía "en situación de indefensión e dificultar, aínda máis, a súa participación nos procedementos administrativos, para beneficio e lucro destas empresas privadas".
ESIXEN A PARALIZACIÓN DA ORDE DITADA POLA XUNTA
Por todo isto, asociacións de todo o país consideran de "gravidade extrema" que a Xunta decida continuar coas tramitacións destes proxectos "que comprometen a nosa saúde, o noso medio e a nosa economía en pleno Estado de alarma" e que "limite a resposta cidadá lexítima". "Non é admisible que se reactiven as tramitacións, xa que non terían todas as garantías previstas na lexislación", engaden. Desta maneira, reclaman que, atendendo ao Estado de alarma, se paralice de inmediato o efecto da Orde ditada pola Xunta ata que a cidadanía non recobre a total normalidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.