Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2020 | Actualizada ás 21:40
O Movemento Galego pola Saúde Mental (MGSM) quere lembrar á sociedade o estado en que viven persoas en prisión en estado de illamento solitario. Así, o MGSM fai unha comparativa entre o confinamento durante a corentena e a reclusión sen liberdade de movementos dentro das cadeas, illamento solitario. Unha medida que se adopta cando se avalía á persoa recluída como perigosa.
Así, o MGSM apunta que o illamento solitario provoca efectos psíquicos que aumentan en gravidade segundo tempo de duración do confinamento. O cadro psíquico que pasa unha persoa en estado de peche total, con ao mellor só dúas horas de patio, pode incluír ansiedade, pánico, depresión maior ou perda de afectividade e irritabilidade. En casos máis graves aparecen as autolesións severas e o suicidio.
Outro punto que resalta o MGSM son os efectos da reclusión sobre persoas con doenzas mentais previas ao ingreso en prisión. As cifras falan dun 30% da poboación reclusa que se estima en case 60.000 persoas en todo o Estado. A estas cifras súmase a proboación cativa con perigo de autolesións ou suicidio, que supera o 20%. Estes dous colectivos son os que maior risco teñen de acabar en situación de illamento solitario.
Ante isto, o colectivo galego a prol da saúde mental, lembra que a Constitución sinala as medidas de seguridade e privación de liberdade, están deseñadas para a reeducación e reinserción social. Por iso consideran que o illamento en solitario é, nese sentido, unha acción diametralmente oposta a ese obxectivo.
Por iso, o MSGM fai unha chamada de atención sobre a necesidade de cambios para a política penitenciaria do Estado. Todo de cara a unha mellora das condicións de vida dos presos en illamento solitario e realizar políticas de reinserción máis profundas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.