A Xunta licita por 1,3 millóns unha rede de control de caudal nos ríos con risco de inundación

Instalaranse 50 estacións de medidas dos aforamentos nas seccións de control da rede fluvial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica este xoves a licitación por 1,35 millóns de euros do servizo de desenvolvemento dunha rede de aforamentos nos ríos de áreas con risco potencial significativo de inundacións (ARPSI) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Diso informou a Consellería de Infraestruturas nun comunicado, no que explica que as empresas interesadas nestes traballados poderán presentar as súas ofertas ata o próximo día 16 de xuño.

Segundo indicou o departamento autonómico, o organismo hidráulico dispón dun programa de medidas establecido no Plan de xestión de risco de inundacións da demarcación Galicia - Costa, no que destacan as medidas e actuacións encamiñadas a reducir os efectos negativos producidos polas inundacións.

Con este contrato, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, destacou que busca implantar unha rede de estacións de control dos niveis de caudal a tempo real nos puntos máis significativos das áreas con risco potencial significativo de inundacións de Galicia-Costa.

Para iso, instalaranse 50 estacións de medidas dos aforamentos nas seccións de control da rede fluvial, unha rede que complementará a información existente actualmente nos 43 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa.

A Xunta destacou que o traballo de control da evolución dos caudais en determinadas seccións das áreas de risco potencial de inundacións resulta fundamental como información basee para os sistemas de alerta.

Deste xeito, a información concreta en tempo real que se obtén a través da rede de aforamentos serve de axuda á administración hidráulica da Xunta e ás autoridades competentes á hora de adoptar as medidas de protección ou evacuación que sexan necesarias en cada momento.

MANTEMENTO

A Administración autonómica indicou que na liña das distintas medidas de actuación que desenvolve nos ríos da demarcación Galicia-Costa, Augas de Galicia tamén licitou esta semana o mantemento da rede actual de estacións de aforamentos, que permiten o seguimento dos niveis de caudal nos ríos da demarcación, cun investimento de máis de 640.000 euros.

Os traballos a contratar inclúen a explotación e mantemento das estacións de aforamento e dos aparellos de medida localizadas nos ríos da demarcación e a realización de aforamentos directos nos ríos. As empresas interesadas nestes contratos poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 15 de xuño.

Mediante estas estacións de aforamentos, Augas de Galicia realiza o control da variación dos niveis de auga en tempo real en 43 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa, o que permite ter información dos caudais circulantes en cada momento.

A Xunta sinalou que estas permiten facer o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas en tempo real, tanto inundacións como fenómenos de seca, o que constitúe unha ferramenta básica de axuda na toma de decisións.

Río Miño preto de Salvaterra © Miguel Nuñez
Río Miño preto de Salvaterra © Miguel Nuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta