Denuncian que unha ex conselleira de Feijóo manexa información privilexiada para aprobar os seus proxectos eólicos

É a denuncia que fai Adega que acusa a Greenalia de tramitar 13 parques eólicos e ter outros 14 en proxectos tras a decisión da Xunta de desbloquear 1000 proxectos enerxéticos en pleno confinamento. Estes proxectos porían en serio perigo especies vulnerábeis.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/05/2020 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

Greenalia, a enerxética na que dende febreiro é directiva a ex-conselleira de medio ambiente Beatriz Mato, tramita nestes intres coa Xunta 13 parques eólicos, con outros 14 en proxecto, por máis de 700 MW. “Os trámites están a gozar de inestimábeis axudas oficiais e oficiosas”, é a denuncia que fai Adega que acusa á ex conselleira de utilizar información privilexiada na tramitación destes proxectos.

Esta situación coincide, ademais, coa orde da Xunta do pasado 27 de abril, que desbloquea a tramitación das avaliacións ambientais de 1.000 proxectos enerxéticos, a maior parte deles parques eólicos, paralisados polo estado de alarma. E, curiosamente,  unha destas empresas, nomeadamenrte Greenalia Wind Power SLU, contou para os seus proxectos con "axudas informais da Xunta e mesmo información privilexiada que só obra en poder da administración”, segundo a entidade ecoloxista.

De feito, ADEGA suliña nun comunicado que está a revisar as ducias de proxectos eólicos aos que a Xunta vén de favorecer coa reactivación dos procedementos de avaliación ambiental. Entre eles, os 13 que Greenalia Wind Power SLU ten en diferentes fases de tramitación. Nesta morea de información atoparon que o parque eólico "O Cerqueiral", nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, xunto cos veciños parques "Campelo", "Bustelo" e "Monte Toural", tamén de Greenalia, son en realidade o "despece" dunha única instalación que a Xunta tramita por separado, afectando a unha área (a contorna da Lagoa de Alcaián) de enorme valor ecolóxico e coa presenza de endemismos únicos no mundo.

Así, denuncia que a tramitación por separado do que debería ser un único parque para eludir determinados procedementos, supón xa unha fraude de lei “que Greenalia nen sequera oculta ao informar de que o PE O Cerqueiral comparte infraestruturas (central de transformación e liña de evacuación) cos outros tres parques veciños de seu”.

EN PERIGO ESPECIES VULNERÁBEIS

Esta empresa que asesora a ex conselleira Mato tamén poñen en perigo dúas especies ameazadas e que están nos plans de recuperación de especies en perigo. Trátase da Centaurea ultreiae, planta endémica en perigo de extinción, da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e da gatafornela (Circus cyaneus), dúas especies de aves vulnerábeis.

Curiosamente, estes dous documentos de xestión, cuxa redacción e aprobación é obrigatoria por parte da Xunta ao tratarse de especies vulnerábeis, non foron aínda aprobados nin publicados no DOG, polo que non están en vigor. “Como é posíbel que unha empresa privada teña acceso para defender os seus intereses á información contida nuns documentos que non son públicos e que recollen valiosos datos científicos sobre especies tan sensíbeis? Como se entende que universidades, concellos, e cidadanía en xeral non poidamos dispoñer da información necesaria para poder contribuír á conservación destas especies e evitar o seu deterioro, mentres que a Consellaría fai un uso espúreo dela?”, denuncia Adega nun comunicado.

Neste sentido, lembra que os colectivos ecoloxistas levan anos reclamando a aprobación deses instrumentos de xestión dos hábitats e especies máis sensíbeis, “obriga legal e paso imprescindíbel para garantir a súa conservación e recuperación”. A Xunta conta dende hai anos con ducias de planos de xestión e recuperación, moitos deles redactados durante a etapa do bipartito, mais até o de agora só 3 foron aprobados e publicados das máis de 200 especies ameazadas. “O resto fican nunha gaveta da administración”, denuncia.

Por iso, alerta que, “este desleixado proceder ten graves consecuencias no noso patrimonio natural máis valioso: especies como o mazarico real ou o sisón esmorecen por falta de xestión e poden extinguirse en poucos anos como xa fixo o arao dos cons e a pita de monte”. “Outras como a aguia real e o oso pardo, teñen os seus planos sen aprobar e en revisión permanente... Á lista únense agora endemismos únicos, como a Centaurea ultreiaie e máis aves ameazadas”, conclúe.

Documentación do parque eólico de Greenalia 'O Cerqueiral', nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba
Documentación do parque eólico de Greenalia 'O Cerqueiral', nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba

GREENALIA

Pola súa banda, a empresa enerxética Greenalia nega que tivese acceso "privilexiado" a información oficial da Xunta na tramitación dun parque eólico, como denuncia Adega. Así pois, asegura que tivo acceso "como calquera outra empresa" a estes plans de conservación a través dunha consulta telemática realizada o 22 de novembro á Consellería de Medio Ambiente, que remitiu devanditos documentos.

"Aínda que este plan non está aprobado, é coñecida a súa existencia e serve de referencia a moitas consultoras e empresas para coñecer as especies en perigo da zona á hora de facer informes ambientais", sinala a compañía, que subliña que no momento da consulta Beatriz Mato xa non ocupaba responsabilidades na Consellería de Medio Ambiente.

O parque eólico de Greenalia 'O Cerqueiral', nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba
O parque eólico de Greenalia 'O Cerqueiral', nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba | Fonte: Adega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Próculo

La Cosa Nostra...