Os hospitais galegos non rexistran falecidos por segunda vez desde o inicio da alerta

A cifra oficial de mortes ás 21,00 horas deste xoves mantense nos 601.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 21:33

Comparte esta noticia

Por segunda vez desde os primeiros días tras a declaración da alerta sanitaria, os hospitais galegos non comunicaron á Consellería de Sanidade ningunha nova vítima mortal con COVID-19 na comunidade, co que a cifra oficial de falecidos ás 21,00 horas deste xoves mantense nos 601 rexistrados na tarde do mércores.

O mesmo ocorre coas vítimas mortais en residencias de maiores, que se informan unha vez ao día. Na comunicación deste xoves e por sétimo día consecutivo non se informou de novos falecementos.

Este sería, así, o segundo día no que os hospitais galegos non comunican novos mortos despois que o pasado 29 de abril a Consellería de Sanidade tampouco informase de novos falecidos.

A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse en Galicia o pasado 14 de marzo, cando faleceu unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba de COVID-19.

Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, producíronse dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.

A partir do 18, cando as vítimas mortais en Galicia eran xa catro, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días excepto o pasado 29 de abril e este xoves.

Por iso, segundo os últimos datos oficiais, o número de falecidos con coronavirus en Galicia elévase a 601 (469 en atención hospitalaria e 132 dentro das residencias de maiores), tras a morte de catro persoas na xornada do mércores.

Persoal sanitario de Vigo
Persoal sanitario de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta