O Sergas comezará a segunda parte do estudo epidemiolóxico "probablemente a primeira semana de xuño"

Feijóo celebra que a curva "descendente" da pandemia "se mantén" a pesar de que Galicia comezou a desescalada hai xa 15 días.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará a segunda parte do seu estudo epidemiolóxico "probablemente a primeira semana de xuño", segundo estimou este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Mostra para facer un test de coronavirus
Mostra para facer un test de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

O presidente confirmou que Sanidade continuará co seu estudo ata alcanzar a mostra de 100.000 galegos coa que pretende coñecer a incidencia do coronavirus.

Tras unha primeira quenda de máis de 50.000 análises finalizadas a principios de maio, o Sergas realizará en próximas datas unha segunda de dimensións similares. "Dixemos que imos seguir as pautas dos epidemiólogos galegos, e o que expoñen é facelo cando transcorran tres ou catro semanas", explicou o presidente da Xunta.

Por iso, puido adiantar que "probablemente a primeira semana de xuño" se poida comezar de novo coa segunda onda de galegos.

En canto aos primeiros resultados, presentados esta semana, arroxaron que a prevalencia do coronavirus entre a poboación galega é do 1,15 por cento, mesmo por baixo do estudo similar realizado polo Ministerio de Sanidade en Galicia.

EVOLUCIÓN DA PANDEMIA

Feijóo aproveitou para facer unha valoración da situación actual da pandemia e da asistencia sanitaria en Galicia. Dos 869 casos activos de COVID-19 que hai, 61 atópanse hospitalizados e outros 12 en unidades de coidados intensivos (UCI), mentres que 796 están en seguimento domiciliario. Ademais, ata a mañá deste domingo, hai que lamentar 613 falecidos.

Con estas cifras en man, e tras advertir Feijóo que chegou haber máis de 1.100 persoas hospitalizadas e case 180 en UCI con coronavirus  durante "o pico" da pandemia en Galicia, celebrou que agora a curva xa é "descendente", unha tendencia "iniciada na segunda semana de abril".

Así, destacou como "importante" o feito de que a evolución "se mantén a pesar do proceso de reapertura" que Galicia empezou xa hai 15 días, cando entrou na fase 1 do plan de desescalada. Este mesmo luns, todo o territorio galego estará xa na fase 2.

De feito, deu o dato de que ao longo da fase cero as autoridades sanitarias detectaban "unha media de 8,81 casos positivos diarios por PCR", mentres que con cifras deste domingo, última xornada da fase 1, tan só "o 0,73%" das probas realizadas dan resultado positivo. Ademais, en 252 dos 313 municipios galegos non se detectaron casos de COVID-19 desde hai dúas semanas.

Ao fío de todo iso, deu a benvida á fase 2 e apelou a "seguir sendo responsables" grazas ás "únicas vacinas que existen no mundo" nestes momentos: "A distancia física de dous metros entre as persoas e principios como a hixiene continuada de mans e a máscara cando non podemos manter esa distancia mínima".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta