Bateeiros contra percebeiros: a loita pola costa e por dous xeitos de entender a vida no mar

Os intereses de bateeiros e percebeiros chocaron estes últimos tempos. Mentres que os bateeiros poden dispor de praticamente de toda a costa galega para recoller mexilla, os percebeiros non poden saír dunhas determinadas áreas. A última hora do pasado mércores 27 de maio os bateeiros aceptaban a proposta da Xunta para solucionar o conflito aberto.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 31/05/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A relación entre percebeiros e bateeiros non está en bo momento. Segundo os primeiros a recollida de fazula ou cría de mexillón, pode prexudicar a reprodución do percebe durante a época de veda. O motivo está en que os bateeiros poden recoller mexilla por toda a costa mentres que os percebeiros teñen asignadas unhas áreas onde tamén se pode recoller semente de mexillón. Os desacordos entre un sector e outro trouxeron momentos de tensión en que a Consellería de Mar pretendeu mediar, aínda que ambas partes non parecen quedar totalmente satisfeitas coas accións da consellería de Rosa Quintana.

Bateas na ría de Vigo
Bateas na ría de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

PERCEBE E FAZULA, SIMBIOSE OU PROBLEMA?

Roberto Vidal, percebeiro de Corme, sinala que os bateeiros poden recoller semente de mexillón por todo o litoral, incluíndo os lugares reservados para a extracción do percebe. A polémica xorde cando o sector percebeiro denuncia que a extracción da mexilla está a reducir as posibilidades de reprodución para o percebe, coa consecuencia da perda de ingresos. “Propuxemos que fosemos nós quen recolleramos mexilla, e de paso completariamos a nosa economía” di Roberto Vidal.

“O percebe que cría entre mexilla é de moi boa calidade, groso, de cor vermella, mentres que o de rocha núa ou o de  porto é delgado e longo, non ten tan boa carne” sinala Vidal. Pola súa banda, a Comisión do Mexillón, que agrupa boa parte dos e das produtoras deste bivalvo, declaraba onte nun comunicado de prensa que os percebeiros “manifestan que a orixe desta situación ven dada pola sospeita que a extracción de mexilla dana os bancos de percebe”, agravado por “non poder eles realizar a recollida do mesmo debido a falta de demanda polo confinamento”.

Nese mesmo comunicado  sector bateeiro rexeitaba os argumentos do sector percebeiro remarcando que  “a recollida de mexilla non dana o percebe, a súa semente fíxase nos percebes adultos, non no mexillón (hai estudos dabondo que así o recollen)”. Aínda máis, o sector das bateas afirma ver “un interese económico na recollida de mexilla para vender aos bateeiros”.

Imaxe de Percebeiros
Imaxe de Percebeiros

A opción de recolleren e venderen os percebeiros a semente de mexillón para vendela eles mesmos, ten como explicación por parte de Roberto Vidal “nós traballamos en Nadal, que é cando sacamos o maior beneficio e cos aforros podemos tirar case ata marzo”. Logo vén o peche ata o verán, ata a Semana do Percebe. En sete días “podemos sacar para un mes, ou mes e medio”.

O complemento a esta economía xa depende de cada quen. No caso de Roberto Vidal é a pesca de nasa e tramallo. O caso é que o oficio de percebeiro tamén depende do tempo. “Hai días con ondas que non podes ir apañar nada, mais se non quitase a licenza de percebeiro non podería vivir”.

MEDIACIÓN DA XUNTA

Nunha consulta realizada á Consellería de Mar, preguntóuselle ao departamento de Rosa Quintana por que os bateeiros non están adscritos a confrarías, segundo nos trasladaran desde o sector percebeiro. A resposta de Mar foi que “poderán ser membros das confrarías de pescadores as persoas físicas ou xurídicas que voluntariamente se asocien” ademais de que “desenvolvan habitualmente unha actividade extractiva pesqueira, marisqueira ou de produción acuícola”. Todo disto mentres estean en posesión do título administrativo que os habilite para o exercicio da actividade. En tal caso, a mesma Consellería responde que o feito de entrar nunha confraría é unha decisión voluntaria.

Mar tamén remarca que “para extraer mexilla é preciso estar en disposición dunha autorización nominal que concede a Xunta de Galicia”. A isto engádese que entre bateeiros e confrarías pódense establecer convenios para que as propias confrarías sexan as que podan extraer mexilla.

A outra parte da polémica era que, segundo o sector percebeiro, os bateeiros poden recoller mexilla por toda a costa. A isto a Consellería responde que “o predominio da actividade nuns sitios en relación a outros ten que ver coa propia regulación, as zonas permitidas para a extracción de mexilla e a actividade de extracción”. Isto é o que reza dentro da Orde do 26 de outubro de 2000. Por tanto, existen zonas que poden quedar fóra da actividade mexilloeira.

Durante as negociacións en que mediou a Consellería, ofreceuse non entrar en zonas que supoñían cincuenta quilómetros de costa. Esas zonas serían para uso exclusivo dos percebeiros. O sector da batea non estivo de acordo. “Para nós iso foi absurdo, porque é o 3% da costa galega, que son case 1.700 quilómetros” di Roberto Vidal.

O sector bateeiro argumentaba pola súa banda, que os representantes das confrarías propoñían uns puntos “moi concretos vedados para a recollida de mexilla e evitar enfrontamentos”. Para os bateeiros  “o que ían ser puntos concretos convértense en moi amplas zonas que fan inviable calquera entendemento”. Aínda así, o pasado mércores 27 de maio o sector do mexillón aceptaba as condicións porque “non nos queda máis remedio que acatala”.

Durante unha entrevista coa Radio Galega o xoves 28 de maio, a conselleira Rosa Quintana apuntaba a transitoriedade das medidas tomadas para acougar os ánimos, en referencia á prórroga para a extracción de mexilla durante o mes de xuño e a creación de zonas exclusivas para 'percebeiros' en 50 quilómetros da costa. Quintana reafirmábase en que a solución momentánea permitiría unha convivencia pacíficia entre os dous sectores. "É necesario buscar un entendemento entre estes sectores tan importantes para Galicia e evitar esa imaxe tan negativa que se puido dar" inquería Quintana.

Os percebeiros teñen limitada a súa actividade económica extractiva a unhas datas moi concretas do ano e logo complementan isto con outras actividades. Pola súa parte, os bateeiros recollen a mexilla por case toda a costa para a súa cría en bateas. Isto fano en áreas onde tamén abunda o percebe. Mentres un sector, o da batea xera ingresos anuais de maneira continua, outro faino de maneira moi puntual e cun maior risco. De momento, existe unha tregua tensa entre ambos sectores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta