Nova morte por Covid-19 en Galicia tras tres días seguidos sen vítimas

Lixeiro ascenso de casos de Covid-19 entre os usuarios de residencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A morte nas últimas horas dunha muller de 82 anos que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) rompeu coa tendencia rexistrada en Galicia desde o martes, día no que se contabilizou a última vítima do coronavirus.

Así, tras tres días consecutivos sen falecidos con COVID-19 en Galicia, fontes da Consellería de Sanidade comunicaron a morte dunha octoxenaria no Chuac que contaba con patoloxías previas, o que eleva a lista negra da pandemia a 616.

Con esta falecida, elévanse a 484 as vítimas que recibían atención hospitalaria: 129 rexistráronse na área sanitaria da Coruña, 103 na de Ourense, 93 na de Vigo, outras 87 na de Santiago, 30 na Ferrol, 26 na de Lugo (dúas delas en atención domiciliaria) e 16 na de Pontevedra.

A esta cifra hai que sumar as 132 persoas falecidas no interior de residencias de maiores (onde non se notificaron mortes desde o 7 de maio, hai máis de 3 semanas).

Ademais, hai que ter en conta que, do total de falecidos en atención hospitalaria, hai 140 persoas que estaban vinculadas a residencias. Por tanto, 272 vítimas mortais da COVID están relacionadas con centros residenciais (un 44,2 por cento do total de falecidos en Galicia).

DomusVi xeriátrico de Barreiro, Vigo ©Miguel Núñez
DomusVi xeriátrico de Barreiro, Vigo ©Miguel Núñez

LIXEIRO ASCENSO DE CASOS EN RESIDENCIAS

Esta xornada está marcada polo lixeiro ascenso que se detectou sobre casos de infectados entre usuarios de residencias de maiores, que pasa dos 39 rexistrados o venres aos 41 deste sábado.

A Consellería de Sanidade recolle na última actualización sobre centros para persoas da terceira idade que durante a pasada xornada non se deu a alta a ningún dos usuarios, aínda que si a un traballador da nosa Señora da Esperanza (Ourense) e a outro de Divino Maestro (Ourense), o que sitúa o número de empregados contaxiados nos 39.

Con estas cifras, a residencia Santa Teresa Jornet mantense como a máis afectada, con 20 casos entre os maiores usuarios; seguida por Caser A Zapateira con 4 casos e DomusVi Matogrande, con tres casos. No resto de centros xeriátricos afectados, hai 1 ou 2 diagnósticos positivos.

Con respecto aos traballadores das residencias de maiores, Sanidade trasladou que hai 39 empregados afectados, un menos que hai unhas horas, aínda que se rexistraron as dúas altas mencionadas.

Tendo en conta os últimos datos, o centro con máis traballadores positivos por coronavirus segue sendo Nosa Señora da Esperanza de Ourense, con 11 casos; seguida por DomusVi Cangas con 6 casos, e Santa Teresa Jornet, con 6 casos. Nas residencias San José Hermanitas e Fundación San José Otero hai 4 casos en cada unha, e no resto de centros afectados os casos oscilan entre 1 e 2.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

En canto aos centros de atención a discapacitados, nas últimas horas rexistráronse cinco altas no CAPD da Coruña e outra na residencia Monterrei. Así, ambas quedan libre de coronavirus, segundo os datos facilitados.

Os casos de usuarios infectados quedan en sete, catro na DomusVi de Bóveda e un en vivendas Aspronaga, CAPD de Redondela, e residencia Amicos.

Con respecto aos traballadores, mantéñense 6 casos. Así, quedan dous en Santa María-San Rosendo; no resto de centros afectados (CAPD da Coruña, Amicos, DomusVi Bóveda e Monterrei) hai un caso en cada un.

CASOS ACTIVOS EN GALICIA

O número de casos activos de coronavirus COVID-19 en Galicia descendeu a 749, o que supón 23 menos que este venres, mentres que os pacientes curados aumentaron a 9.936, o que implica 40 máis que a xornada pasada.

Así o constatan os datos actualizados este sábado pola Cosellería de Sanidade, que tamén precisan o descenso de número de pacientes ingresados na UCI ata os 3, mentres que 36 seguen noutras unidades de hospitalización e 710 en seguimento domiciliario.

Segundo os datos actualizados este sábado, en Galicia hai 9.936 pacientes curados, fronte aos 9.896 contabilizados este xoves. E as vítimas mortais mantéñense en 615, os mesmos que se contabilizaban o xoves.

Por áreas sanitarias, dos 749 casos activos, 269 corresponden á de Vigo (tres máis que o venres); 170 á da Coruña (nove menos); 136 á de Santiago (tres menos); 82 á de Ourense (sete menos); 44 á de Lugo (cinco menos); 29 á de Pontevedra (un menos) e 19 á de Ferrol (dúas menos).

Nesta xornada, Sanidade tamén informou do total de PCR realizadas ata a data, 141.331 en toda Galicia, 1.106 máis que o venres, cando se contabilizaban 140.225.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta