Carlos Blanco e X. A. Touriñán saen pola tanxente: "Teatro servido a domicilio"

O espectáculo Somos Criminais, que xa xirou por teatros de toda Galicia nos últimos tempos, métese agora nos fogares. "Un experimento para tempos de crise", falan os humoristas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

Como nós non podemos ir ao teatro, que o teatro veña a nós! Os actores e humoristas Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán argallaron o xeito de coar un espectáculo nos nosos fogares. Trátase de Somos Criminais, un show que xa xirou ao longo de todo o país e que agora aterra nas casas de todo aquel que merque unha entrada a través da web de taquilla.com, mediante o mesmo proceso que cando accedemos a espectáculos en directo.

O equipo de Somos Criminais, no auditorio da Illa de Arousa | Marcos Pereiro
O equipo de Somos Criminais, no auditorio da Illa de Arousa | Marcos Pereiro

A función, que goza de ser a que maior número de entradas vendeu na historia do teatro galego, poderá verse a través de calquera pantalla na web somoscriminais.gal logo de introducir un nome de usuario e un contrasinal que se facilitará no momento da compra da entrada. A cita é o próximo sábado, 6 de xuño, ás 22:30 horas da noite. Gravada esta mesma semana cun equipo de 12 persoas, tratátase dunha emisión exclusiva en streaming e con aforo limitado a un máximo de 5000 accesos.

Xusto entre toma e toma, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñan sacan un oco para contar ao teléfono como chegaron a esta idea. "A cabeza dá voltas buscando novos camiños para chegar ao público. Non imos poder actuar cos teatros cheos en bastante tempo, así que quixemos facer esta proba para levalo á casa da xente; a ver como sae!", fala Touriñán. Na procura do equilibrio entre o teatro e mais a televisión, os dous humoristas preparan un show actualizado a estes tempos e reformulado nos códigos: "Estámonos parando en detalles que os espectadores dende a butaca non podían observar. Agora non hai risas nin aplausos, que é levadura para nós, pero apoiámonos o un no outro e calculamos as respostas que pode haber na casa", explica Carlos Blanco. 

Seica os 'vellos' que este sábado entrarán polo escenario virán de pasear coas máscaras postas, estarán en fase 1 e falarán dos distanciamentos sociais, porque se algo tiña e mantén Somos Criminais é "a frescura" do momento. Niso está "parte do xénero e da gracia" deste espectáculo.

UNHA VIDA EXTRA

O coronavirus impón novos formatos. Lonxe quedan os teatros cheos e algún tempo van tardar en volver, así que cómpre buscar novas vías. Carlos Blanco define este proxecto como un "experimento para tempos de crise", pero o equipo tampouco descarta que este sexa un camiño máis que poden seguir todos os espectáculos logo de virar polos teatros do país. Podería ser "unha vida extra", coma se dun videoxogo se tratase, di Touriñán. "Ata creo que é un formato moi bo para que o colla ou nolo encargue a televisión pública, que ten que achegarse ao teatro e ofrecer contido de cultura", engade.

Iso si, ambos teñen claro que este "híbrido" non pode suplir un espectáculo en vivo. Trátase dunha "nova vía", "pero o teatro ten que ser teatro, en directo".

TEATRO DO PAÍS PARA A EMIGRACIÓN

Polo de agora, a resposta do público está sendo "magnífica". Pode influír tamén a solidariedade da xente, que "nos devolve o que fomos facendo gratis durante o confinamento". E o máis bonito, coinciden os dous, é que grazas a esta experiencia teatral inédita, Somos Criminais pode chegar ás casas dos galegos e galegas que viven no estranxeiro e que non tiveran oportunidade de ver o espectáculo en directo no teatro. Ao redor dun 30% de todas as entradas que levan vendidas foron mercadas fóra do país. "Unha gran vía" para achegar o teatro do país ás bisbarras do mundo enteiro. 

O TRABALLO DUN EQUIPO ENTEIRO

Con Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco á cabeza, o equipo de Ainé Producións, Undodez e Condetrespés traballa durante toda esta semana na produción deste produto audiovisual, coidado ata o último detalle. Coa dirección de Tito Asorey en escena e de Jairo Iglesias na parte audiovisual, ata doce profesionais participan na gravación do espectáculo no Auditorio da Illa de Arousa, e outros tantos xestionan o desenvolvemento tecnolóxico, a comunicación e a produción que require a emisión.

"Deben ser dos poucos técnicos e técnicas de teatro que están traballando en España, e iso alégranos moito", conta Blanco. Calquera espectáculo está rodeado dunha morea de empregados que traballan detrás dos focos. Esquecidos nos plans de axuda e invisibilizados en moitas ocasións, estes cantos profesionais que tamén fan posible Somos Criminais volven coller as rendas logo dun paro de case tres meses. "Para nós é fundamental manter equipos e manter as nosas pequenas industrias culturais que dan de comer a unhas cantas persoas todos os meses; detrás sempre hai equipos numerosísimos e importantísimos", remarcan os actores.

Agardando que todo volva ao seu lugar, Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco deciden saír pola tanxente para nos ofrecer outra proposta cultural. Quen sabe que pasará no futuro, polo de agora, fagamos dos nosos sofás unha butaca de teatro e gocemos do espectáculo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta