Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2020 | Actualizada ás 13:21
Galicia rexistrou un saldo migratorio positivo co estranxeiro en 16.866 persoas en 2019, o que supón un aumento do 13,38% respecto ao ano anterior, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Esta cifra supón que o incremento do saldo migratorio co estranxeiro manteña a tendencia ascendente. Así, en 2019, a Galicia foi a oitava que presentou un maior saldo migratorio, por detrás da Comunidade de Madrid (93.128), Cataluña (90.918) e a Comunidade Valenciana (57.220). En cambio, A Rioxa (2.499), Ceuta (713) e Melilla (115) presentaron as menores cifras.
Adicionalmente, o saldo migratorio en relación a trasladados entre comunidades autónomas ascendeu a 676 persoas fronte ás 371 de 2018. Isto supuxo que Galicia fose a sexta comunidade na que maior foi esta diferenza, tras a Comunidade de Madrid (4.442), a Comunidade Valenciana (3.363) e as Illas Baleares (1.837). Mentres, os peores resultados rexistráronse en Estremadura (-2.561), Cataluña (-2.586) e Castela e León (-2.945).
Ademais, un total de nove das case 680 persoas que chegaron a Galicia desde outras comunidades en 2019 naceran na Unión Europea (UE) e outras 30 en países do continente non integrados nela. O saldo migratorio entre comunidades foi positivo en relación a persoas nadas en África (chegaron persoas de Alxeria, Guinea Ecuatorial, Mali, Marrocos, Mauritania, Nixeria e Senegal) e América do Norte (recibíronse cidadáns nados en Estados Unidos, México e Canadá).
Mentres, o saldo migratorio foi negativo en relación a Centro América e o Caribe (-11) e Asia (-13), pero positivo con Sudamérica (chegaron persoas procedentes de Bolivia, Brasil, Paraguai e Uruguai e marcharon outras de países como Arxentina e Perú, entre outros) e Oceanía.
A poboación de Galicia a 1 de xaneiro de 2020 ascendeu a 2.702.244 persoas fronte ás 2.700.441 dese día do ano anterior, aínda que o saldo vexetativo foi negativo (-15.631).
Precisamente, mediante o efecto conxunto do crecemento vexetativo e o saldo migratorio co estranxeiro e outras comunidades o INE determinou o crecemento ou decrecemento da poboación de cada comunidade, ao que se aplica un axuste estatístico de poboación. Deste xeito, Estatística detallou que o crecemento poboacional relativo de Galicia ascendeu un 0,07% e situouse por baixo da media nacional (0,81%). Así, esta foi a sexta comunidade que presentou peores resultados.
DATOS ESTATAIS
A nivel estatal, o INE destacou que a poboación residente en España aumentou en case 393.000 persoas en 2019 e situouse en 47,3 millóns de habitantes o 1 de xaneiro de 2020. Así, sinalou que este foi o crecemento máis elevado desde 2008, cando a poboación aumentou en 570.333 persoas, e que se superou a barreira dos 47 millóns por primeira vez nas cifras de poboación a 1 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.