Os facultativos contra a Xunta: “Estamos sometidos a maltrato, recortes e unha contratación incerta e ilegal”

Os facultativos eventuais galegos en loita denuncian a súa situación laboral “precaria e penosa” cunha eventualidade do 40%. Remiten cartas ao conselleiro e á Valedora do Pobo para que melloren a súa situación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/06/2020 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

“Temos moito malestar ante a falta de recoñecemento profesional e o maltrato ó que estamos sometidos, tras moitos anos de recortes e contratación incerta e ilegal, que o único que xeran é precariedade e incapacidade para a conciliación familiar”. É unha das principais denuncias que fai o colectivo de facultativos eventuais galegos en loita  (Fegal), que xunto con Médicos Unidos por sus Derechos ( MUD) acaban de remitir unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e á Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño.

Nesta misiva denuncian a eventualidade no SERGAS e din que chega ao 40% no ámbito hospitalario e a súa situación laboral é "precaria e penosa". “Unha porcentaxe moi alonxado das cifras ás que se refire a institución que vostede preside”, dinlle ao conselleiro ao que lle lembran que, en moitos casos, esta eventualidade “establécese en fraude de lei, é dicir, encadeamento de contratos eventuais por ‘Acúmulos de tarefas’ durante incluso máis de dous anos”.

Por iso, denuncian que a Xunta pretende instaura unhas listas “penalizadoras”, que buscan a “persecución e o estado nómada” do persoal sanitario, obviando os seus dereitos de conciliación familiar-persoal, co fin de encubrir a eventualidade laboral neste sector. “E o que é máis grave, xerando unha maior precariedade laboral que repercutirá directamente na merma da calidade asistencial para os nosos pacientes”, din.

Por iso, reclaman unha maior estabilidade laboral, que se cumpran os dereitos básicos como cidadáns a ter unha conciliación e permanencia laboral, e a eliminación do réxime de penalizacións e creación de listas por distritos preferentes. Tamén piden transsparencia e publicidade dos contratos e retribución, cotización e descanso das gardas médicas.

Esta é a misiva:

DE: FEGAL (FACULTATIVOS EVENTUAIS GALEGOS EN LOITA)
A: SEÑOR CONSELLEIRO DE SANIDADE DA XUNTA DE GALICIA, D. Jesús Vázquez Almuíña

Estimado Conselleiro:

Co presente escrito queremos poñer no seu coñecemento a situación laboral precaria e penosa na que nos atopamos unha gran parte do persoal facultativo que traballa para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), aínda que está presente en todos os estamentos sanitarios. Nesta dirección agrupámonos con Médico Unidos por sus Derechos (MUD), que a nivel estatal comparte os mesmo obxectivos e na que participan máis de 10000 médicos, moitos deles Galegos.

Xa na recta final (ou eso parece) da maior crise sanitaria que se recorda nas últimas décadas, e despois de semanas de traballo inesgotable por parte de todos os estamentos do persoal sanitario, levándoos ata límites  inimaxinables nalgúns casos, gustaríanos expoñerlle o noso pesar pola situación contractual que padecemos dende fai anos, que a pesar de que se asume como a nosa normalidade dende fai tempo, queda demostrado que está non é a situación normal do resto de traballadores do ente público ou privado.

En representación dos Facultativos Eventuais de Galicia que traballan para o SERGAS, queremos facerlle chegar o noso malestar ante a falta de recoñecemento profesional e o maltrato ó que estamos sometidos, tras moitos anos de recortes e contratación incerta e ilegal, que o único que xeneran é precariedade e incapacidade para a conciliación familiar.

A eventualidade no SERGAS no ámbito hospitalario chega, tras as nosas enquisas, a case o 40 %, alonxado das cifras ás que se refire a institución que vostede preside. En moitos casos, esta eventualidade establécese en fraude de lei, e decir, encadenamento de contratos eventuais de “Acúmulos de tarefas” durante incluso máis de dous anos (artículo 9.3 da Lei 55/2003 Estatuto Marco do persoal estatutario dos servicios de saúde: “Si se realizaran mais de dous nomeamentos para a prestación dos mesmos servicios por un período acumulado de 12 ou mais meses nun período de dous anos, procederá o estudo das causas que o motivaron, para valorar, no seu caso, se procede a creación dunha praza estructural na plantilla do centro”.)

En moitos casos sen ter dereito a vacacións, permisos por paternidade e maternidade, por casamento ou baixas por enfermidade.

Non queremos olvidar a recente sentenza do tribunal europeo na que se recomenda que se remate coa práctica abusiva dos contratos eventuais instando aos tribunais españois a rematar con esta situación de cubrir con contratos eventuais encadeados, prazas ocupadas permanentemente polos mesmos traballadores.

Nos últimos días dende Bruselas recomendase ó noso país que mellore o sistema sanitario tras quedar demostrados problemas estructurais ca pandemia, sobre todo pola falta de inversión e pola contratación e condicións dos seus traballadores. Así o publica á Comisión Europea con data do 20 de maio de 2020, nunha publicación sobre as recomendacións de reforma na estabilidade, sendo unha das súas recomendacións a protección do emprego e a estabilidade laboral.

Tendo en conta que os recursos sanitarios son manexados por cada comunidade, vémonos na necesidade de poñernos en contacto con vostede para devandito menester. Tralo Pacto de contratación do 2016 (DOG No123 2016) polo cal se regula a contratación de todos os estamentos, estipulouse a existencia de listados polos que, a través dunha serie de baremos e puntuacións, se proceda a ofrecer os diferentes contratos eventuais que se xeneran no Sergas.

Os sindicatos inciden en que as condicións e baremos dese Pacto deben ser comúns a tódolos estamentos (enfermería, facultativos, etc.), nembargantes, a día de hoxe, non hai listados de facultativos publicados (a documentación para tal fin foi entregada en Xunio 2019), e, ó mesmo tempo, existe unha publicación no DOG 77 na cal regulase dunha forma diferente as condicións de contratatación do persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (o
que o mesmo dicir Facultativos Especialistas de Área: ANEXO II DOG 77 2019).

Estas pecularidades na contratación de especialistas xurden grazas a precariedade laboral. A falta de
cumplimento na taxa de reposición polo Sistema Sanitario Galego e a crecente eventualidade dun sector no que é necesario, a lo menos, dez anos para formarse e no que as persoas que o forman decídense a emigrar a outras comunidades e incluso países para que se lle recoñezan os seus méritos, dedicación e esforzo.

Dende este colectivo entendemos a existencia dunhas listas de contratación sempre e cando aporten unha maior transparencia na baremación e legalidade na adxudicación dos contratos. Pero ó que se pretende é instaurar unhas listas penalizadoras, que buscan a persecución e o estado nómada do persoal sanitario, obviando os seus dereitos de conciliación familiar-persoal, co fin de encubrir a eventualidade laboral no noso sector. E o que é máis grave, xerando unha maior precariedade laboral que repercutirá directamente na merma da calidade asistencial para os nosos pacientes.

Tamén solicitamos que se realicen os procesos de oferta pública de emprego (OPE) de forma habitual, cunha convocatoria de todas as prazas cubertas por persoal eventual de todas as especialidades e cunha resolución dos procesos da forma mais áxil posible, xa que poden pasar meses ou incluso anos para que persoas con praza en propiedade consoliden o seu posto, e así outros procesos dependentes de estas eleccións (traslados, cobertura de postos deficitarios mediante contrato...) poidan facerse ca maior xustiza e legalidade posible.

Coa actual convocatoria de OPE, tras os acontecementos actuais e a situación na que nos atopamos (a pandemia por SARS-COV-2, a saturación dos recursos sanitarios para tratala e a expectación pola posible segunda oleada da enfermidade) solicitamos que sexa unha oferta especial de consolidación para o persoal eventual traballador no Sergas. Está situación xa tivo lugar previamente no ano 2003/2004 polo que consideramos que é posible volver a realizar unha oferta similar á finalizada no 2005.

No momento actual cremos necesario que tralo (mal)trato recibido pola administración nestes últimos anos é importante afianzar ós traballadores que levan anos de dedicación, formándose e especializándose nos seus centros, e aguantando situacións laborais ilegais.

Outro tema a destacar, que inflúe negativamente na nosa calidade asistencial e de vida son as gardas de presenza física. Esta parte do noso traballo, como todo o mundo sabe, realizanse SEMPRE en horario vespertino-nocturno, así como domingos e festivos, é decir, fora da xornada de traballo habitual. Todo sen una retribución especial, como ocorre noutros colectivos profesionais, onde reciben unha remuneración axeitada.

No caso das gardas médicas, a retribución por hora é POR DEBAIXO DO PREZO DA HORA ORDINARIA, dende este colectivo cremos que esta actividade debe ser retribuida como horas extraordinarias, XA QUE É O QUE SON, e con todos os complementos que lle correspondan como nocturnidade, festivos, etc.

Tamén hai que ter en conta que levamos máis dunha década reclamando, que as horas de garda, que
actualmente non contabilizan para a cotización nin como tempo productivo para a xubilación, e cun tramo fiscal do IRPF do 50%, solicitamos que se lles aplique os mesmos índices correctores que a outros empregos que tamén realizan horas de garda: policías, bomberos... Un médico que realiza gardas en trinta anos pode realizar unha xornada laboral equivalente a 40 anos de outras categorías e este tempo non se ten en conta na xubilación, ni nas cotización ni no tempo traballado.

Ademáis de todo o anteriormente descrito, a penosidade da garda debe levar implícito un día de libranza remunerada adicional, independentemente de que o seguinte día sexa laborable ou non.
Dende este colectivo de Facultativos Eventuais Galegos en Loita solicitamos:


- Estabilidade laboral: Esiximos a estabilización de todo o persoal eventual mediante a consolidación de todas as prazas reais existententes a día de hoxe no Servizo Galego de Saúde, cubertas dende fai anos con contratos eventuais continuados. Manter paralizadas as listas de contratación ata a resolución desta oferta.
- Dereitos Básicos: Demandamos a posibilidade de conciliación familiar e permanencia laboral. Ter dereito a vacacións, permisos e baixas por enfermidade. Dereitos fundamentais que nalgúns casos vense suprimidos con anulacións de contratacións ou non renovación do mesmo.
- Eliminación do Réxime de Penalización e creación de listas por distritos preferentes: Reivindicamos unhas listas sen a penalización ó rexeitamento do persoal, centradas en distritos preferentes, respetando a liberdade individual para anotarse e asumir os distritos que cada facultativo considere, como se fai co resto do persoal sanitario.
- Transparencia e publicidade dos contratos: Reclamamos unha oferta trasparente e total de contratos por vía dixital na que se demostre a legalidade na adxudicación dos contratos.
- Retribución, cotización e descanso das gardas médicas: solicitamos a cotización das gardas coma outros colectivos de similares características, unha retribución axeitada ó traballo e o descanso pertinente tralas mesmas.   

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 adiante medicos...

Camaradas patriotas nacionalistas todos! cando saiamos de expaña e Galiza sexa ceibe e non nos rouben os expañois as cousas melloraran a vida será mais fácil!

1 Manuel..

Si Lles están a facer contratos ilegais, que poñan xá denuncia na inspección de traballo e no xulgado do social. A ver si dunha vez acaban co mamoneo que se traen o SERGAS e os Sindicatos.