De resignación e dominación

George Lakoff afirma que "O enmarcado ten que ver con elixir a linguaxe que encaixa na túa visión do mundo. Pero non só ten que ver coa linguaxe. O primeiro son as ideas. E a linguaxe transmite esas ideas, evoca esas ideas”.

Por Óscar de la Parte | Compostela | 23/01/2013

Comparte esta noticia
Dubidando que Feijóo sexa un ávido lector de Lakoff, non podemos dubidar, que o Presidente da Xunta é coñecedor da lóxica política. Sabe que quen domina a linguaxe, posúe a hexemonía política. Nesa lóxica debemos enmarcar o novo lema de Feijóo, o Austero: "En dificultades, os nosos avós queixábanse menos e traballaban máis".
 
A mensaxe é un claro exemplo de dominación da dialéctica como vehículo de transmisión dunha idea específica: a resignación. Podemos crer que os nosos avós traballaban máis, e podemos crer que se queixaban menos. Pero entón, non poderemos obviar, que os nosos avós, ou eran uns resignados, ou uns meros peóns do réxime.
 
Traballar máis e queixarse menos. Con ese binomio exprésase claramente a mensaxe do Partido Popular. Hai quen pensaría, que a tradución ao cidadán da nova feijooniano consiste na máxima: traballa coma se foses un privilexiado e resígnate coma se foses un escravo. Unha frase e un significado. Un significado e unha actitude, a aceptación da dominación.
 
Ben, máis alá do deleznable da mensaxe - que debemos subliñar que o é - é importante analizar o discurso do Caudillo do PP Galego. Sabiamente, evoca ao pasado, a un tempo supostamente mellor e que trae morriña ao lector. Ademais, centra nos avós, nesas figuras carismáticas por antonomasia, a mensaxe. Morriña dun pasado que sempre foi mellor e evocación dos modelos parenterais máis afables.
 
Non obstante, e a pesar da excelencia da mensaxe - que podería mesmo engadirse nun anexo de O Príncipe de Maquiavelo -, hai que razoar sobre a quen se refire noso ilustre presidente. Cando di que traballemos como os nosos avós, entendo que se refire a que reproduzamos os seus patróns laborais: maratonianas xornadas de traballo, nula cobertura social, desequilibrio na correlación de forzas do traballador fronte ao empresario, silencio e propaganda ante os accidentes laborais..., etc.
 
 Ou quizais, o noso sofista Presidente díganos que debemos queixarnos menos, é dicir, que debemos reprimirnos de pedir os nosos dereitos, censurarnos coma se tivésemos que temer unha autoridade e aceptar a lóxica de centro e periferia do sistema.
 
Ser como os avós, traballar como eles... unha mensaxe moi sutil para dicirnos que temos que ser uns resignados. Que isto é o que hai, e que ou o aceptas, ou o réxime te fará aceptalo.
É evidente que Feijóo domina a linguaxe ao darlle unha pátina de morriña ao que é dominación. É a mesma pel de moderación que vestiron outros lobos da dereita. É estes momentos de indefinición, de desideoloxización, podemos mirar ao pasado como invita Feijóo e recordar as palabras de Gramsci: "O vello mundo mórrese. O novo tarda en amañecer. E nese claroscuro xorden os monstros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar de la Parte Nado en Madrid en 1985, cursei os meus estudos superiores na Universidade Complutense de Madrid, obtendo licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración en 2009, onde me especializo como analista político. En setembro dese mesmo ano trasládome a vivir a Lugo. En 2010 comezo a traballar a empresa farmacéutica Nupel, onde, despois de ser elixido membro negociador do ERE, saio por liquidación da empresa en 2011. Durante dito ano, escribo artigos nalgún medio dixital de xeito discontinuo. Actualmente, traballo en asesoramento político e colaboro en diversos blogs de política e comunicación.