A Xunta fai públicas as "recomendacións" ante a COVID-19 para os campamentos de verán tras as informacións do GC

Este sábado recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación derivada da crise sanitaria do Covid-19.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/06/2020 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

A consellería de Política Social facía público este sábado, 13 de xuño, o documento "Recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación derivada da crise sanitaria do Covid-19". Un protocolo de actuación que sae a luz llogo de publicar Galicia Confidencial que nos pregos orixinais do concurso dos campamentos de verán deste ano non se incluíra ningunha recomendación específica sobre o coronavirus.

A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visita un campamento en Boiro.. XUNTA
A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visita un campamento en Boiro.. XUNTA

Este documento recolle as recomendacións e medidas de prevención e sanitarias adaptadas á situación derivada da crise sanitaria do Covid-19, para aplicación tras a fase III. "Trátase de ofrecer pautas para a adaptación das citadas actividades ao novo escenario, de favorecer o coñecemento e correcta aplicación das debidas medidas hixiénico-sanitarias e tamén co fin de establecer un protocolo de actuación que permita dar unha resposta ante un posible caso infeccioso por COVID-19", apunta a consellería.

MEDIDAS

Neste protocolo, a Xunta, obriga ás empresas adxudicatarias de concursos deste tipo a ter en conta unha serie de recomendacións que serán de obrigado cumprimento, entre elas, manter a distancia social e un axeitado e continuado aseo de mas. Para iso, recomendan actividades nas que se poida manter esa distancia social e, especialmente, facelo en espazos ao aire libre. Cando sexa en espazos interiores, a consellería pide que se manteña unha distancia de 1,5 metros e se recomenda o uso de máscaras --máscaras que os nenos terán que traer de casa--.

As empresas adxudicatarias terán que ter a persoal formado nas novas medidas de seguridade e hixiene para previr o contaxio. Tamén terán que ter xel hidroalcohólico en todas as actividades e evitar mobres ou superficies que poidan fomentar o contaxio. De feito, recoméndase que os menores non compartan material.

O documento de recomendacións foi elaborado coa colaboración dun grupo de traballo con representantes do sector e supervisado polas autoridades sanitarias competentes. Pódese consultar completamente aquí. Ademais, inclúe outro informe no que apunta posibles actividades no ámbito do ocio e o tempo libre para realizar "de forma segura" no marco da crise sanitaria provocada pola COVID-19, entre elas, a escalada, senderismo, patinaxe, bicicleta, tiro con arco, taichí ou obradoiros varios.

CONCURSO

A Consellería de Política Social adxudicou o 1 de xuño varios paquetes para celebrar os campamentos para menores da campaña de verán 2020, nos que non tivo en conta as actuais medidas de protección aprobadas polo Goberno central, e pola propia Xunta, para facer fronte ao COVID-19. Unhas medidas que inclúen o distanciamento social, o uso de máscaras cando non se pode garantir esa distancia social, así como o emprego de xeles hidroalcohólicos para a desinfección.

En ningunha parte dos pregos deste concurso, aos que tivo acceso Galicia Confidencial, se recollía que a Xunta pedira ás empresas responsables medida de seguridade adicional relacionada coa pandemia do coronavirus, máis alá das estipuladas formalmente en concursos deste tipo nos que se esixen plans tipo de seguridade e seguros de responsabilidade civil e de accidente. Con todo, eses pregos son de decembro de 2019, antes da pandemia, pero non se actualizaron nin se incluiron protocolos específicos para a COVID-19 cando se reactivou o concurso o pasado mes.

O presidente galego, que pide protocolos ao goberno central para case todo, admitía o venres, a preguntas de Galicia Confidencial, que a Xunta xa tiña ese argumentario e que sería presentado cando se activaran e se anunciaran esas campañas. “Xa temos un protocolo para limitar aforo máximo, uso de máscara ou distancia social”, dixo, pero aclarou que “o fará público cando se activen eses centros”.  Finalmente, o documento xa se fixo público un día despois desa comparecencia de Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta