Por Europa Press / Redacción | LUGO | 14/06/2020 | Actualizada ás 19:00
A cabeza de lista por Lugo da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Miguel Anxo Fernán Vello, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "permaneza escondido" ante o peche parcial de Alcoa-San Cibrao e defendeu a "intervención pública" da planta de aluminio.
"Temos clara cal é a solución. Nós defendemos a intervención pública dos sectores estratéxicos, pondo os recursos e a produción de Galicia ao servizo das necesidades da cidadanía", explicou o tamén exdiputado no Congreso.
Fernán Vello, xunto ao candidato á Xunta por Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, participou este domingo na masiva mobilización convocada polo comité de empresa de Alcoa-San Cibrao en Foz para pedir o mantemento dos 537 postos de traballo ameazados polo peche da fábrica de aluminio primario.
"Trátase dun problema de vontade política que só se pode frear mediante a presión social e a acción decidida das distintas administracións", suxeriu Fernán Vello, quen lembrou que é un problema que "se reproduce por todo o país".
Tras asegurar que a actividade de Alcoa na planta de Cervo representa o 30 por cento do PIB da provincia, o candidato advertiu que podería darse unha "hecatombe que afianzará a desertización económica" de Galicia.
"Mentres tanto, Feijóo permanece escondido sen presentar un plan de viabilidade para a factoría e para a comarca", afeou tamén Fernán Vello.
UN GOBERNO "DE PROGRESO"
Pola súa banda, o candidato da coalición á Xunta, Antón Gómez-Reino, vaticinou que o goberno "de progreso" que sairá das urnas o 12 de xullo porá "todos os recursos" da Administración autonómica para, en colaboración co Estado, impedir o peche da factoría.
"Alguén imaxina que a Xunta deixase caer a Inditex na Coruña, a Coren en Ourense ou a Citroën en Vigo? Pois iso é o que representa Alcoa para a provincia de Lugo. E nós non imos deixala caer", prometeu.
Neste contexto, lamentou que Feijóo "desprece a toda unha comarca, a toda unha provincia e a todo un país" ao "desentenderse" do problema de Alcoa e "de todo o tecido industrial galego, como tamén sucedeu co sector naval".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.