Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 14:11
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) fará test para detectar o coronavirus a todos os axentes da Garda Civil que realicen as súas funcións nas provincias galegas, indicou este sábado nun comunicado a Consellería de Sanidade.
En función do resultado da análise e de se presentan ou non síntomas, o profesional sanitario que faga o test serolóxico poderá decidir se completa o proceso de acordo ao protocolo clínico, nos hospitais da provincia de detección do caso nun prazo de 48 horas.
As forzas e corpos de seguridade manifestaron a necesidade de dar a "debida seguridade e certeza" para que o traballo se desempeñase "coas debidas garantías sanitarias" e para "despexar calquera dúbida en contornas de traballo e convivencia tan particulares".
TURISTAS
Por outra banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) activará a próxima semana, co fin do estado de alarma xeral e ante a chegada de visitantes de fóra da Comunidade galega, un número de teléfono para que as persoas que acudan a Galicia desde outros lugares e presenten sintomatoloxía COVID "poidan contactar para iniciar unha consulta telefónica".
Así o explicaron fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press, que aseguraron que "ante calquera sospeita de COVID" a persoa de fóra de Galicia afectada "recibirá atención sanitaria nas mesmas condicións que calquera outro cidadán".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.